Dialéctica do viño

Territorio, versión minifundista incluida, “atlanticidade”, variedades, elaboración, cultura da viña.

Estos eixos fan xirar a dinámica expansiva do viño galego nun “bulir” de pequenas reaccións, autónomas para cada rexión vitivinícola galega, pero interrelacionadas, con mínimas diferencias no tempo. Hai unha conexión que transcende os límites das propias denominacións de orixe, que as vincula nunha dinámica común, a que leva o mundo do viño en Galicia.

Atoparemos voces que falen en termos agroindustriais para un sector que, si, depende da coxuntura económica na que está inmerso, pero esos parámetros que o ámbito político, no seu caso, decidiría, non poderán torcer e moito menos transformar os piares que estructuran a identidade vitivinícola galega.

O coñecemento dos espazos máis axeitados para o viñedo, algún deles incluso dotado dun algo máis que lle aporta un plus de complexidade. Unha decantación natural da extensión do viñedo, como fora sempre ó longo da historia: contracción e extensión derivadas das necesidades sociais e económicas de cada época, pero sempre conservando os verxeis orixinais nos que o viñedo se mantivo coa sucesión das xeneracións de viticultores.

Nesta época na que nos atopamos de consumo reducido ás cotas máis baixas da historia, seguramente desde o comenzo do seu cultivo, resulta cando menos arriscado a ampliación da superficie vitícola por terreos que non lle aportan nada, so descenso da calidade e polo tanto da imaxen colectiva, ademais de produccións sobradas que provocan reducción de prezos e acumulación de volúmenes na adega.

A extensión e renovación/recuperación varietal que experimentamos, que nos acompaña dende hai uns cantos decenios en sucesivas ondanadas e con diferentes maneiras vocacionais, esta vez relacionada cos varietais autóctonos, debería realizarse co sentido ancestral, e racional, que relacionaba cada un deles coas zonas máis axeitadas aos seus ciclos e requerimentos xeoclimáticos, realizada esta renovación sen ter isto en conta, é dicir provocada por modas ou prisas comerciais, sería frustrar as potencialidades de cada un dos varietais recuperados.

Outra maneira, que ven de antano, de implantar ou ir renovando un viñedo é a mestura varietal para a mesma viña, unha diversidade que tiña a sua lóxica, baseada na razón práctica daqueles que anada após anada comprobaban o equilibrio da vendima que se reflexaba en viños máis complexos e balanceados, razoamentos antergos aos que eu podo dar máis creto que algúns estudios modernos de agronomía, pero isto forma parte do lado romántico dun mundo que se carecera del… pois tería os días contados. Espero que o sector máis técnico esqueza a sua primaria animadversión a todo o que cheire a emoción instintiva, non programada, e ó ler isto non caian na doada descalificación.

A elaboración e tratamento das vendimas debería buscar a máxima expresión dos territorios, para cada tipo e destino dos diferentes viños. Todo é posibel, anque as ortodoxias sempre acaban queimando libros. Todo é posibel se temos en conta a premisa que debería anteceder a cada actuación: o respeito polo consumidor, con estes modos haberá vía libre para explotar todas as potencialidades que nos da a vitivinicultura en Galicia, o que imaxinemos… o futuro é extenso e o pasado ancestral ainda está por recuperar.

Estas líñas son simples esbozos do que todos os días vamos escribindo, da dialéctica vitícola que temos que ordenar, retais dun mapa que imos compoñendo día a día, máis rápido do que a maioría da xente de dentro e de fora das adegas imaxina.

colaboura no último número de Cepas y Vinos

Os comentarios están pechados.