os douscentos cestos do Bibei

Desde os dousmilmetros da Sanabria máis galega (a Alta Sanabria) inicia a súa vida o Bibei. Un percorrido que arranca mirando o sul, e con esa traxectoria pasa por Porto e por Pias, vilas da hoxe zamorana bisbarra, antes de virar cara o norte, así, de costas ó mediodia, e recibindo primeiro o rio Camba que cae desde o Invernadoiro, e máis logo o Xares, trevinco coma el, vai o Bibei camiño do Sil atemperando ladeiras de altura que grazas a el acubillan viñedos. Desde O Bolo a Quiroga pasando polas Terras de Trives (Manzaneda e a Poboa) determina e precisa as viñas das súas ribeiras, enchéndose ademáis da espiritualidade de As Ermitas e logo deixarse atravesar pola Vía Nova, a XVIII de Antonino que chegaba ate a capital da Gallaecia (Braga). O Bibei remata a sua vida montañeira, vitícola e romana en Montefurado.

A adega A Coroa despois de facerse non hai moito cun pequeno viñedo de solo granítico, na ladeira de Lentellais que cae sobre o Bibei mirando o sul, coa testa de Manzaneda á dereita e as Trevincas escondidas trala Torre de O Bolo pola esquerda, xa ten embotellado o seu froito. 2012 foi a súa primeira anada. Non teño máis datos da súa viticultura e elaboración, so o que, con moito placer, me transmitiu a copa.

Peso específico de godello granítico das alturas que contemplan o Bibei. Acusada mineralidade aderezada de hinojo e matorral aromático, especias brancas, flor ó sol e froita de oso, coa historia da madeira no fondo. Amargor, corpo con volumen e densidade, tacto graso e unha acidez que equilibra.

Promesa de longa vida, para seguir a evolución deste grande viño.

Os comentarios están pechados.