merenzao en BenBo

Temos unha memoria limitada do gusto dos nosos viños, todavía menos dos tintos, e as referencias do seu pasado son moi febles cando non inexistentes. Sabemos o que bebemos dende que bebemos, dos sabores tintados máis antigos poucas pistas temos.

A busca da expresión dos viños tintos máis auténtica e axeitada á vocación das bisbarras vitivinícolas galegas, ou do que queiramos elaborar en cada momento, necesita da experimentación e a praxis continua. No mundo do viño, sempre a cargo de viticultores e adegueiros desinteresados que van marcando o camiño e asumindo os costes que conleva, porque a administración e os organismos dependentes vanche lentiños ou sobre camiños abertos.

Esta busca ten arrancado hai algún tempo, e o avance é máis que prometedor, confirmado a potencialidade de castes e terriñas e anunciando emocións aseguradas. Un dos pasos lóxicos nese avance, e un dos primeiros dados, é o coñecemento individualizado das diferentes castes tintas. De sentido común é apreciar o seu comportamento en solitario empregando diferentes métodos de elaboración, por suposto entre eles tamén os máis ancestrais e tradicionalistas, e de variadas procedencias: distintos tipos de solos, alturas e orientacións, para acadar unha perspectiva do que son e do que poden chegar a ser.

Estou convencido, algo nada difícil de aventurar, que despois deste fructífero periodo de viños monovarietais: caiños, sousóns, espadeiros, brancellaos, pedrais, loureiros tintos, garnachas tintureiras, merenzaos, etc, virá o tempo máis natural e lóxico dos viños plurivarietais, máis complexos e lonxevos, como foi antano.

No exultante abano de castes tintas galaicas, o merenzao é unha das que habita a ponla oriental da xeografía vitivinícola galega, enraizando viñedos desa franxa interior desde Monterrei, alí baixo o nome de bastardo ou María Ardoña, ate as ribeiras sacras, sobre todo nas subzonas de ladeiras que caen ó Sil, tanto da banda dos leitóns (ourensá) como a dos rabudos (luguesa), así como tamén na bisbarra vitícola de Negueira de Muñiz, onde se lle coñece como verdello tinto, e en Valdeorras.

O merenzao é a caste galega con máis conexións exteriores, xa que está relacionada cun pequeno universo de nomes (sinonimias) que fan referencia a mesma caste: desde a trousseau do Jura francés ate a tintilla ou cecais a baboso de Canarias pasando pola rioxana maturana tinta.

Acubillada nos microclimas galaicos do interior, os seus bagos, pequenos e esféricos, en acios pequenos e compactos, dannos viños que mesturan unha textura de tanino fino cun grado alcohólico medio-alto e unha boa acidez, pintando con poucas capas e con tonalidades máis lixeiras a copa, e que nos acercan ó nariz recordos de aromas primarios de froitas como as baias silvestres ou o froito do framboeseiro, do especiado como a pementa vermella, dalgunha floralidade e o aire dos matos das ladeiras.

Guitián elaborara un merenzao da anada 1999, máis adiante Xosé L.Mateo en Monterrei foi quen deu sona ó bastardo, variedade daquela denostada e agochada trala comercialidade da mencía e o nome da arauxa (tempranillo), abrindo un sendeiro que co tempo, xa coma merenzao, seguiron outras adegas: Ponte da Boga co seu “Capricho de merenzao”, Algueira ou Ronsel do Sil co seu “Alpendre”, todas elas da Ribeira Sacra.

2 Responsesmerenzao en BenBo to “”

  1. Buen trabajo con este documento!!

  2. Grazas M.J.