Co tempo… avec le temps. Pacio das Donas

Imos indo. Pares que estamos no comezo, mas dezaoito anos foron andados, xa.

Imos indo, avanzamos cara algures… o cartafol dos soños, o caderno de bitácora, o ronsel cos ventos ós catro pontos cardinaes, o libro de vindimas… están inseridos nas células de vida.

Non elucubramos, sequer pantaseamos, moito menos filosofamos… aventuramos, como cando a pe de vía botamos magnesio nas máns…

é simplesmente o que imos bebendo e cheirando día a día, unha estación despois da outra, anada após anada…

Non todo está perdido… sigo deixando bágoas coas mesmas notas, tremendo con aquel cheiro, soñando coas mesmas paisaxes, palpitando coas túas fotos…

escoitamos, lemos, non xuzgamos.

Reculamos, voltamos á orixe, a nossa orixe, fuxindo das maquillaxes, do superficial das apariencias e o disimulo… do valeiro no vazio.

Regresamos á paisaxe espida, ós pes descalzos sobre a erva, a calmar a sede nos mananciais limpos, ós vellos glaciares… a enlamarnos nas antigas corredoiras, ó pañuelo de tea para secar as bágoas que nos deixan outras músicas

reculamos, tomamos a vía de escape… rodeamos o cumio

Entrementres, e coa húmida sensación dun inverno de antano, bebo un Pacio das Donas (Atrium Vinum, Quiroga) albariño no extraradio das ribeiras sacras que mirou a luz e encheu copas por primeira vez coa anada do 2012. Teño pendente a pisada dos solos, a caricia dos troncos, o cheiro do ambiente e a mirada da contorna. Viñas novas que son quen de concebir un viño de entidade, con sinos de transcender… avec le temps

En zonas acaidas para as brancas castes destas ribeiras sacras, e a falta de vinificacións en solitario de treixadura e de branco lexítimo (deste non tardaran en chegar), o albariño e o godello sacros que temos probado adquiren outra dimensión, evádense dos cánones que nos teñen estabelecido ou acostumado os últimos decenios do viño galego nas súas terriñas de referencia.

“En solos que o Sil laborou no seu paso polas beiras de Quiroga unha albariña floreada, enchida de froita e co frescor de seu, creceu esplendorosa entre o calor mineral e o agarimo do carballo”. Iso pon na contraetiqueta, escribido por un tal Portela, vai ti a saber…

One ResponseCo tempo… avec le temps. Pacio das Donas to “”

  1. […] na adega Atrium Vitis o seu branco Pacio das Donas do 2013, o 2012 xa pasara por aquí. Agora mesmo está por un lado unha combinación albariño/treixadura máis sutil e recatada e por […]