capítulo un / Vide Vide. Vinde…

Despois do capítulo 0, ou unha introducción ó mundo do viño, o capítulo 1: un percorrido pola xeografía galega da viña, pensar o futuro do viño, mirando onde estamos, despois de pescudar no que foi…

Nesta edición do capítulo 1, un 14/02/14  acompañáronnos:

Eloi Lorenzo, suave sutilidade galega en branco, herbas aromáticas que adornan con elegancia un nariz onde a froita acaricia o padal. Unha Arnoia de aires temperados e agarimosos. Un trago que dura e se alonga, copa tras copa, coma unha conversa con Javier, neto de Eloi, habitante solitario á beira do rio, sobre os restos e a memoria dun pasado rural que foi, e que agora lembramos

Houbo un tempo que calibrabamos as castes que mesturadas daban forma aos viños, neste caso do Ribeiro, pero… que máis dará se vai en maior proporción o torrontés co godello ou a loureira, o lado e a albariña, certo que a silveiriña pares máis bucólica pero… Si, leín as castes engarrafadas neste Eloi Lorenzo do 2012, pero non m´acorda, e non me importa, nen boto de menos ese dato, sei que están, percibo ó seu través o alento dese recuncho do val do Arnoia que fala por elas, escoito, síntoas…

Veu logo un godello cos aires da familia de seu, dun xen apelidado Arístegui, personalidade que se infiltra nunha saga de viños para lles dare “rara” viveza, unha sorte de potencia que co tempo xunguirá acidez e volume e, daquela, estaremos ante algúns dos mellores viños do oriente galaico.

Agora, o godello do clan Arístegui, vai fresco e saboroso con ganas, baixo aromas nos que o frutal camiña detrás dunha ondanada de balsámicos disfrazados de matos do bosque verde, e dun mineral que ainda espera o seu tempo de protagonismo. A Valdeorras do Sil cando vai por a Rua.

Sempre estamos a buscar un máis alá, cara o solpor, desde os balcóns costeiros, desde as atalaias montañosas do país, de costas ó que nos alonxa do futuro.

Tintos de Mar, busquen no mapamundi vitivinícola algo semellante… e, atoparon?

Bastión de la Luna. A radicalidade varietal dos seus goliárdicos irmáns maiores difumínase nunha marea de lua nova, frescas ondiñas dun Atlántico que fala con verbas rematadas en -iño e -eiro combinadas para un mesmo trago… que cheira a zarzas salteadas de negro froital e ó identitario aroma apimentado do polvo. do 2011

Arpegio, música tañida na banda ourensá da ribeira do Sil, esa que mira Amandi face to face, con notas musicais vendimadas no Bibei, e así soa diferente, e nos despista, imaxinamos ladeiras de montañas que anteceden aos nevados do pais, e matinamos nas contornas que acompañan a estas mencías, e presentimos o aire que por elas pasa, e os raios que no verán as iluminan, e tentamos comprender eses cheiros que leva e os sabores que nos trae… e co tempo comprenderemos.

Arpegio, 2011, unha mencia do Bibei elaborada na ribeira ourensá do Sil, para ir descubrindo sensasións diferentes das 3 ribeiras, das 5 subzonas, das ducias de vilas, dos centos de viñedos…

Alanda ensina Monterrei en xenérico, cando o zoom sobrevoa un val abeirado no sulco do Támega. O Támega descende amodiño desde o macizo central ourensán atravesando este val mesturado de solos e castes, como o Alanda, entre aires quentes galegos, na busca do seu final no Douro, despois de percorrer o Tras os montes todo, e xunguir así o interior da Galiza que fica co sul que foi… Monterrei leva o espírito galaico do Douro.

Alanda, 2011, traénos os matos de esteva e a froita madura e saborosa, e un rictus máis serio, de viño que se mide na intimidade dos tragos repousados. Mateo, Sempre.

Seguiremos acompañando a dinámica expansiva do viño deste pais, fican moitos capítulos por escribir… e beber

Os comentarios están pechados.