Brigantium Vinum

Betanzos, tamén, na Emoción dos Viños.

Primeiro trago e recreo aromático pola sensorialidade vínica betanceira. Ben, primeiro acercamento co lapis na man, porque hai un par de meses probaramos un solprendente Ribeiras de Arnea da Adega Beade, grazas ao alumno José Luis Bouzón Beade que nos trouxo un par de garrafas. Fora na aula do viño que temos instalado na Cidade da Cultura desde que arrancou o Curso Superior de Sumiller

Argallara unha cata de varietais brancos gallaecios, nela Ribeiras de Arnea representaba ao branco lexítimo (raposo ou branca do País noutras bisbarras da Gallaecia moderna, albarín ou verdin branco nas de Asturies) acompañando aos, deicagora, piares da vitivinicultura galega en branco: madame Treixadura, don Godello e o máster, ou miss, universo Albariño, ademáis dun Caiño branco… e como cansei de esperar póñome máns á viña para que o ano que ven non falte Loureira.

Bescansa 2012, branco lexítimo de Lorenzo Bescansa: pedra sen tallar, achégase en bruto, golpéache para espertar os sentidos, adormilados e sedados (adociados) pola sucesión de copas atemperadas por outros mares, por viños que asumen módelos climáticos alleos.

 

Estamos no norte da Galicia, no esporón Atlántico da costa Ártabra que cheira o Mar Céltico.

Con sensacións que transitan do Atlántico ao Cantábrico, con anadas que rolarán máis cara un que cara o outro. (cantabrismo vínico serían os viños do Narcea, da Liébana e algúns Txakolis)

Na boca o frescore do aire que despeina e seca a pel, o ceo limpo atravesado por veloces nubes brancas. Sequedade que arrastra unha longa e altiva acidez.

A froita de oso, a carne branca da amarela froita, o oso da froita, a flor cálida e o cardo na duna, o areoso das dunas salpicadas das prantas que nelas moran.

Eso sentín, se contara outra historia mentiría. Cecais asista ó simposium sobre a mineralidade…

Foi bebido con moito gusto e olfacto, con lapis e papel, sen cámara. A foto é de Vide Vide onde foi mercada.

Os comentarios están pechados.