a triada, o triskel dos tintos

Esperamos o sol e, namentras, bebemos un froito da vendima do 2010 das encostas sureñas do Barbanza. Xirpin de Antonio Saborido. Tintado que aguanta o paso dos anos, ríndose dos acomplexados, emocionando aos orgullosos que por el cantan loas e danzan con estrondo, para que retombe a nación enteira, anunciado a todos os clanes das terriñas vitícolas do solpor que amanecen os viños do porvir, do futuro. Dun día no que xa non falaremos de castes senón de terras e terriñas. Ese día daremos por suposto que os viños máis lonxevos do País estarán artellados con caiño, brancellao e sousón.

Cunqueiro, don Alvaro, interpretou con agarimo e devoción os viños do País, mais non aventurou a triada que levaría ás cuncas e as copas a complexidade e a longura no tempo do viño tinto galego, da costa do mar ou das encostas das montañas.

Florece a eira baixo un ceo cuberto.

Nos lindes, a escuridade da fraga e o fresco manancial que baixa acariñando penedos de granito.

No mencer, un verde mollado despois do trebón e o sol do sul que esperta e logo abraza bicando con paixón.

Soñamos que o tempo pasa e nos acerca a ilusión do solpor, das noites mirando estrelas, do teu cheiro pegado ó meu, do rasto que me deixas no padal despois de beberte toda.

O aire que o descorche acerca levanta a mencia de aroma vermello, ela vai por riba sustentada por un brancellao que alonga a frutalidade, máis logo o músculo do caiño e do sousón que da manciña van mostrando o carácter, a terra, o atlantismo, o campo antes da fraga. Os que na boca son a rugosidade da uva.

Con paciencia achégase a mareia, salinidade que a leve volátil non esconde, e así, o Xirpin navega polo Mar de Arousa… co corrousel cos ventos ós catro puntos cardinaes.

ps: por algo paresido gosto moito do Castes Nobres de Ventura (Valdeorras) e do Fincas de Algueira (Amandi)

Os comentarios están pechados.