Suertes, Táganan, Tenerife

Acompañado de catro nubes brancas peregrinas no celeste dun ceo ó alcance da man, cos músculos adormilados e relaxados pola meteórica ascensión ó volcan de onte, e á sombra da ledicia coloreada dunha buganbilla, solitaria exibicionista no planeta negro do rofe brillante, entre ocres, torrados e o branco ostentoso das casiñas, repaso e bebo a visita a Tenerife.

O mencer africano é rápido, moito máis que o amodiño solpor galego que moldeou o meu metabolismo. Na seguinte illa que more buscarei a cara do por de sol.

Tenerife ten a enerxía dunha paisaxe colgada no océano, Lanzarote ten a que se sinte en cada pisada transmitida no teu interior.

10635829_10203327836494701_5509922506162210373_nTáganan

Táganan, agora Taganana, o norte prehistórico de Tenerife, perdido no tempo, nun norte illado na illa. Parque arqueolóxico de viñas que endexamais experimentaron o enxenio dun técnico, nin cheiraron o gas oil. Tragos que nunca sentiron os complexos dos protocolos, as inquisicións dos poderes ou os vaticinios dos gurús e escribidores das biblias do viño.

A última fase do viño debe ser esa: retirarse nun paraiso como o que representa Táganan, ler, escoitar, falar… sendo conscente de quen che di o que che di e para que cho di, sen a inseguridade dos prexuizos, co convencemento da posibilidade de todo, liberto do ego dos nomes.

10645168_10203364694856137_564480291524985129_nLa Orotava

La Orotava é un tobogan que o Teide descolgou pola sua vertente norte.

La Orotava é o torso esbelto que se erguiu mirando ó norte no medio do océano, onde o ceo é máis cercano, a lua máis grande e as estrelas máis brillantes.

La Orotava é a cadeira que remata no pezón erizado do Teide. 3700 m. alzados sobre os cero do mar, limpamente, sen tránsitos de mesetas, altiplanos ou vales. O vértigo da altimetría sobre a extensión sen fin oceánica.

Hai lugares no norte das illas occidentais nomeados como na terriña: Ratiño, Las Portelas… o mesmo Suertes ven das sortes galegas. O norte de Tenerife resistiu ate o final a conquista, despois estas zonas foran habitadas e traballadas por mercenarios portugueses, así a viticultura ten esta influencia máis galega fronte a castellana das outras illas. Por iso ven de Madeira a malvasia candida que tan extendida estaba por todo o valle de La Orotava, case desde a liña de costa, hoxe ocupada polo turístico Puerto de la Cruz, ate os 300-400 metros que é a cota onde comenzan as Suertes del Marqués. Esta malvasia é diferente da lanzaroteña, denominada volcánica, que ven sendo un híbrido coa marmajuelo. Así a todo, según Roberto, a primeira caste plantada no arquipélago canario foi a fogoneu, por mallorquíns claro. Neste val o trenzado era o xeito da viticultura tradicional, hoxe debería ser un patrimonio a conservar, un sistema de manexo do viñedo para favorecer ás xemas apicais da malvasia e ademais posibilitar outros cultivos entre os pes, apartando de forma transitoria os brazos trenzados. Evidentemente os de Suertes puliron o trenzado para a viticultura de calidade.

O lugar de Ratiño en La Perdoma de La Orotava… as Suertes están alí reunidas, viticultura no camiño da intervención xusta e natural, a manipulación manual para a expresión limpa dos territorios, das parcelas e do “village”… sen concesións que desvirtuen o camiño que busca a excelencia.

Recordo a insistencia coa que lle perguntaba a Roberto en Tui por tipos de depósitos para a mellor expresión dunha vendima en Lanzarote norte, e o pouco caso que me facia. O importante é a viticultura, contestábame. E na viticultura o factor humano do terroir, que fai distinguir, coas mesmas prácticas coidadosas, parcelas veciñas co mesmo varietal, semellante orientación e idénticos solos. Iso lles pasa con viticultores cos que traballan, que ainda en condicións tan semellantes fai posible distinguir as pegadas máis personais ou íntimas das persoas, e diferencialos pola expresión das súas vendimas, matices que deixan a pegada dixital do viticultor.

Desde a terraza da adega é posible apreciar, como se palparamos un alzado en tres dimensións ou se nos introduciramos nun holograma, as expresións diferenciadas do viñedo das Suertes, 9 ha. de 21 parcelas que ascenden pola ladeira tumbada, cara o atlántico e baixo o Teide, de costas ó sur, desde os 300 ate os 700 metros, con sutiles diferencias de orientación e de solos sobre as máis evidentes da altura. Co talento vitícola de Roberto e Alfonso, parte dos Envínate que coñezo, e coa sensibilidade de Jonatan e a familia propietaria da adega, é posible interpretalas para que cada unha delas se manifeste nun viño. Cada parcela ten o seu comportamento diferenciado, e así son coidadas. Desta maneira os seus viños: La Solana, Los Pasitos, El Ciruelo, El Esquilon, Candio, Vidonia, 7 Fuentes o el Trenzado son un espello do territorio, parcelado ou agrupado, e os seus depósitos na adega son un balance anual das particularidades de cada viñedo.

10644940_10203338567082959_8834597527901382204_nAlfonso e Roberto

Aprendín a recoñecer a personalidade das terriñas: de persoas, de variedades e solos, de orientacións e alturas, de viticulturas… viños de Suertes que antes de ir me evocaban un paraiso lonxano entre tragos de nítida frutalidade e aires de territorios atlánticos de identidade volcánica, e que agora xa me transmiten o cheirado e pisado. Para soñar… os Táganan, vinos abertos, extensos, de sensación oceánica, máis delgados e aireados na boca, cunha profundidade que se albisca e se sinte… e que o tempo nos pora diante dos fuciños.

Brutais…

Os comentarios están pechados.