polo Ribeiro

1690557_10203732196843457_5277541609138372216_n

Tuven o pracer de acompañar en un par de etapas o percorrido de Luis Gutierrez pola Galicia dos viños. Hai moito tempo que teño a Luis como unha referencia na información sobre o mundo do viño pola forma de describilo e pola súa independencia, ademais é un apaixoado dos viños de Portugal (para min un valor, seguramente o español que máis os coñece) por iso o chamara para o curso de viños do mundo naquel Ponteviño 2008 que organizáramos agasu e feprohos en Vigo.

Estuven nas catas de Rías Baixas e do Ribeiro, a primeira delas a máis numerosa de todas, e disfruteinas a tope con Luis e Alberto.

A denominación de orixe Ribeiro, despois do periodo na que foi presidida por Luis Anxo, entrou nunha fase na que unha das maiores preocupacións do novo consello regulador, agora dirixido por un presidente e un xestor, é artellar un escaparate atractivo e moderno da denominación e impulsar a súa presenza nos medios e na sociedade, acompañados de todas as accións que nos poidamos imaxinar para tal efecto. Móvense a gusto nese escenario, Luis era… diferente.
A min gústame pensar que a historia de Ribadavia, e a inercia que lle imprime o peso dos acontecementos seculares que arrastra, é o que determina o carácter dos seus viños, a idiosincrasia do Ribeiro. Aínda que non podamos esquecer o periodo decadente, as pragas, a emigración, a reestructuración varietal, a reubicación de viñedo, etc, e que, con esa fervenza de factores adversos, as raigames históricas non serviran para evitar a caída no buraco negro que levou á perda de calidade dos viños, e como consecuencia orixinaran unha imaxe distorsionada do que significa o Ribeiro no mundo do viño.
O entramado varietal da rexión, cunha treixadura de finura acreditada que se viste cos complementos da nobreza do albariño, alí unha leal partenaire, da profundidade do godello, por aquelas terriñas máis comedido que no seu oriente de vales e montañas, unha loureiro envolvente cos seus arrecendos perfumados, a seriedade do torrontés, a vibrante lado ou unha silveiriña ainda descoñecida para o noso padal. Conglomerado varietal que conxugado coas condicións climáticas dos diferentes vales, ribeiras e ladeiras, coa definición maioritaria do sábrego e sobre todo con viticultores que o interpreten, determinan unha identidade á que aínda lle fica potencial por desenrolar. Estos factores decisivos do terroir (solos, clima, viticultor) van a maioría das veces escondidos tras toda a literatura varietal que sempre nos sae cando en Galicia falamos de viño. Virá a fase ou etapa na que as referencias que fagamos das variedades, e máis no Ribeiro onde asumimos que a plurivaritalidade está na esencia dos seus viños, será secundaria.

O que segue son as impresións que me deixaron os viños que máis gostei dos que estaban na cata en Ribadavía.

Emilio Rojo 2013, etéreo, balsámico, con aromas que parecen levitar…
Finca Teira 2013, o exemplo medido do que entendemos na actualidade por Ribeiro, o módelo da representación mental que nos facemos cando tentamos definir un viño branco moderno do Ribeiro.
Felicísimo e Marcial Pita demostran formar un tandén perfecto: a técnica recatada e o saber estar, sempre nun segundo plano, de Felicísimo xunguido á locuacidade e á simbiose de Marcial cos medios de comunicación e no manexo da imaxe. Os seus viños, agochados tras esa parafernalia mediática e as periódicas tracas que nos van mostrando, son moi bos. El Paraguas 2012 móstrase atractivo e versátil, cumprindo as espectativas que un consumidor exixente pide cando demanda ou lle serven un viño con orixe Ribeiro. O novo Fai un Sol de Carallo é un alarde, unha volta de torca para mostrar outras posibilidades dun branco no Ribeiro, desfilando cunha enchenta de matices que o tempo e a paciencia van mostrando desde a copa, todo cunha tonalidade que roza a descalificación regulamentaria, evidenciando que neste tema (do que imos necesitando un debate a serio) O Ribeiro demostra un sentido común do que carecen outros.
O 1040 de Sameirás sempre me gustou, e así sigue sendo co 2013, mais sempre o disfruto novo, por iso quédanme as ganas de bebelo con anos.
Dos viños de Casal de Armán gardo na memoria o Armán Finca Os Loureiros 2011 pola magnífica integración de todos os seus elementos aromáticos e gustativos, vaia que a madeira esta integrada e o primario se expresa con libertade. Quedeime tamén coa decepción do seu tinto porque para min sempre fora un referente de amabilidade agarimosa que invitaba a acercar os beizos á copa con rápida periodicidade, nembargantes este 2012 semella un cambio de rumbo que busca maís rotundidade, lentitude e agarre.
Se cito Lagar de Meréns venme a mente un manancial fino, fresco e aromático atravesando un prado no que tumbarme cunha flor nos beizos… tamén a elegancia que pasa sen estridencia nas mellores pasarelas do mundowine. Sensacións que se esvaen, todas elas, co viño que na etiqueta pon Barrica (barrica, roble, lías… ou os nomes que un viticultor nunca debería mencionar nos seus viños) O barrica ven sendo a cara acartonada, embalada e emparquetada de Lagar de Meréns, nesta cata os dous do 2013. O 30 copelos é un dos viños que non quero que falte na miña adega.
Seguirei esperando humildemente na porta do claustro da Catedral de Tui por José Meréns e os seus viños, hai unha mesiña para el desde a primeira edición da Emoción dos Viños.
Mauro Estévez 2013 e Manuel Rojo 2013 mostran un Ribeiro co xenoma da Arnoia, definido por unha mestura de mineralidade sutil entre o ambiente herbáceo e a máis fresca frutalidade. En ambos casos cun apreciable aporte do lado nas súas cupaxes. Cun pouco máis de agarre no final de boca no Manuel Rojo, que ten unha última anada en red que me gustou, móstrame o que eu sinto como a Arnoia tintada.

Merencio 2013 gústoume, mais prefiro as primeiras anadas que descubrira na semana de Galicia en Houston, onde triunfou mostrando esa treixadura de libro, delicada e de aromática finura. Esta anada o Merencio é de nariz máis intensa e agodellada.
Issue: a expresión da vida dun lar nunha botella. A vida do lar ese día latexaba moi profunda. Se Bernardo creara unha congregación eu estaría á porta o día seguinte para coller os seus hábitos e retirarme.
Coto de Gomariz colleita seleccionada 2011: é Gomariz. Este territorio con raigame histórica tan profunda e coa identidade vitícola tan marcada ten neste viño un espello.
Sebio sempre tivo as ideas claras, unha personalidade independente e moi definida, nunca necesitou asesores, nen a confirmación dos entendidos, é o elaborador máis desacomplexado que coñezo, por iso os seus Viños de Encostas teñen unha identidade propia, a de Sebio, a do Ribeiro que busca a esencia para ser expresada coa linguaxe do século XXI. Gostei especialmente do Salvaxe
Estivo presente o Seica 08, si 2008!! e ainda está coma un cabalo sen amaestrar, salvaxe, vibrante, para tomar… o máis lonxe que se imaxinen ou poidan, ou aguanten.
Como non coñecemos a que sabían os viños que deran fama a esta rexión da Galiza, pero si os viños malditos da longa noite de pedra e como ademais coñecemos de sobra, porque temos bebido litros, os viños de contraetiqueta estandarizados e uniformados pola agricultura extensiva e a elaboración de calculadora, esa viticultura e enoloxía que son precisamente as que non deixan apreciar e degustar con nitidez e verificar unha orixe. Por iso pergunto aos que afirman que os viños de Sebio non representan a súa orixe… a que orixe se refiren?
Luis Anxo forma parte do meu adn vitícola. Luis e Alfredo Alvarez (AGASU) foron os meus primeiros mestres do viño naqueles cursos de Sumiller que entre 1994 e 1997 Alfredo organizaba no seu local de Mos. Despois de ter rematado aquel curso do 96 pasárame uns meses laborando nas súas viniñas espalladas pola Arnoia toda.
Viña de Martín é xa o unha estirpe de viños. Os Pasás 11 foi un dos mellores viños dese día, transmitíume limpeza, pureza, rectitude, transparencia…inmaculado. Escolma 10 neste momento está para reservar os seus tragos un tempo, para que sexa eso que nos emocionará o que leva dentro.
Nos vermellos: Eidos Ermos 11 é para beber con ledicia, para mirar o lado bo das cousas, da vida. A Torna dos Pasás 11 e Viña de Martín Escolma 10… cara onde se dirixen é onde quero atoparme con eles.

Se antano foron os viños máis apreciados do mundo coñecido, hoxe están en condicións de achegárse aos que na actualidade así son considerados. Unha selección de luxo. Un orgullo. Un pracer.

2 Responsespolo Ribeiro to “”

  1. Moitas grazas polas tuas verbas Antonio. Como sempre es un referente para nos e a nosa terra, apertas, sebio.

  2. Para iso estamos…

    Apertas