Ignios orígenes

10616272_10203901568157634_7826439474207180607_n

Ignios orígenes é o proxecto de Borja Pérez, que partindo da actividade vitivinícola familiar, e a súa formación de enxeñeiro agrícola, busca interpretar con limpeza e fundamento a personalidade do seu territorio, marcado pola impronta dunha xeografía apabullante: mestura de océano ós pés, alisios entre as curvas dunha orografía sinuosa e 3700 m. cara ó ceo de bastión volcánico nas costas, todo isto expresado ó través do marcado carácter das castes que desde distintas procedencias foron vexetar no norte da illa, onde existe unha clara influencia portuguesa na viticultura e na toponimia. Ignios vai máis alá dunha viticultura que primaba a producción e do tipo de elaboracións máis recentes.

O viñedo que traballa Borja atópase en Icod, na denominación de orixe Ycoden-Daute-Isora. Tenerife é un puzzle de apelacións, cinco denominacións ocupando unha espazo que, coma un cinto, rodea o territorio de bosques, ladeiras e barrancos que caen desde o Teide ate o Atlántico. Tal e como están establecidas na actualidade facerse unha idea da súa realidade vitícola resulta bastante complicado. Diversidade microclimática, múltiples varietais, viticulturas diferenciadas nunha xeografía quebrada e orografía que so coñece as pendentes. No norte da illa atópanse tres das cinco d. o.: Tacoronte-Acentejo, que abarca a parte oriental desde La Laguna ate o valle de La Orotava onde se atopa a denominación do mesmo nome, e na zona occidental deste norte insular e a continuación da anterior empeza a d. o. Ycoden-Daute-Isora, que a súa vez engloba esas tres comarcas que se van sucedendo nesa mesma orde.

Estas denominacións son ademáis en si mesmas outro pequeno puzzle de viñedos espallados entre barrios, barrancos ou bosques, salpicando espazos desde os cento e pico metros ate rozar os 1000 e nalgúns casos superalos.

A vitivinicultura tinerfeña está despertando, empezando a coller novos pulos, e ignios está nese camiño e será unha das bodegas que o protagonicen. De momento semellan estar na fase de recuperar e interpretar para a calidade as variedades tradicionais, mediante unha viticultura equilibrada e repetuosa e unha elaboración coa xusta intervención, buscando a súa mellor expresión no seu mellor territorio, para máis adiante pasar aos viños de parcelas e viñedos, dos que Suertes del Marques é un módelo. En Galicia pasamos un proceso similar recentemente.

Entre as variedades brancas da zona están a marmajuelo, gual, listán blanco ou vijariego blanco, entre as tintas negramol, tintilla, baboso negro (tinto serodio en Galicia, alfrocheiro preto no dao, albarín tinto en Asturias) listan negro e vijariego negro.

10441031_10203901549837176_8959574320009062906_n

Vijariego negra. Cor profunda, punzante, intenso, balsámico, loureiro que domina ó principio, detrás froitos negros do bosque con vexetal no fondo, polo medio herbas aromáticas e despois, co tempo, as froitas negras sobre a sensacion mineral. Corpo que pasa con agarimo… pero incisivo, boa acidez e fino tanino, que se arrastra para ficar longo na distancia, deixando unha sensación salina, que, despois dos viños e das barricas probados, parece ser unha marca da casa Ignios. Recórdame unha loureira tinta, ou unha petit verdot non continental, nin mediterránea…

Igual de suxerentes, e con distancia para evolucionar, son un baboso negro complexo e sorprendente e unhas barricas de listán onde transmiten as súas diferentes procedencias. Outro capítulo máis longo merecen os brancos de marmajuelo, gual, vijariego blanco…

Por suposto xa ten a invitación para acompañarnos na próxima edición de A Emoción dos Viños, sería un gusto telo por Tui cos seus viños de Icoden-Daute-Isora (Tenerife) Islas Canarias.

Os comentarios están pechados.