Cume do Avia

Desde o cumio do Avia, ala polo monte de San Cibrao da parroquía de Camporredondo no concello de Ribadavia, na banda esquerda da ribeira do Avia, podemos otear os vales todos do Ribeiro: tres rios para tres vales, con cada unha das súas ladeiras versionadas na clave que lles sinala o pasar do sol, apousentadas a diferentes alturas sobre os asentos esquistosos e graníticos que definen este territorio de senlleiras raigames históricas.

Se aplicamos o zoom nesta parte do mapa apreciaremos as viniñas do cumio de Camporredondo: “A costa do Beliño”, a de “Cima de Vila” a do “Ubaldo” o “Alto do Coto” e “O Carballo”, todas elas entre os 250 e os 400 m. con caseque todas as orientacións posibeis: este-oeste, norte-sur e noroeste-suroeste, onde moran ate doce variedades das tradicionais do Ribeirio. Pódense apreciar na web de Cume do Avia

Alvaro, Fito e Diego arrancaron con este proxecto hai dez anos. Os alicerces do mesmo eran a recuperación para a agricultura, e o turismo, da contorna da antiga e abandonada aldea Eira dos Mouros, onde naceran os seus antepasados, e basear todas as actividades e labouras na agricultura ecolóxica.

Coñecín esta historia aos poucos de arrancar, daquela escrebía todas as semanas a sección vitícola do periódico semanal “A Nosa Terra”, e nun dos seus números lera unha reseña sobre o proxecto duns mozos de Ribadavia para recuperar un monte que escondía unha antiga aldea, no que se incluía a plantación dun viñedo e unha horta ecolóxica na zona de ribeira. Como naqueles anos non era moi común a ecoloxía na viticultura galega, a maiores sendo unha iniciativa de xente moi nova, púsenme en contacto con eles e acerqueime ao Cumio do Avia. Desa visita escrebera un artigo no periódico que non atopo por ningures.

Despois deste decenio de traballo e esforzo xa teñen o froito engarrafado. É a primeira colleita destas cepas noviñas. As tintadas presentan desde a sua profundidade coloreada de aureola berenxena unha froita vermella tímida, escondida tralo herbáceo que define ás viñas que empezan a dar os seus primeiros pasos, pasos que van ó ritmo da briosa potencia dos sousón, da velocidade afiada do caiño e co agarimo do brancellao ribeirán.

10393774_10204349418073602_1192398346267280522_n

Proxecto cos pés na terra, na historia da zona, con respecto ó medio, sen as praxis dos que con diñeiro queren chegar e encher, sen aparato mediático-político facendo de propaganda interesada, sen o abc dos manuais do marketing que esconden os viños máis cociñados.

Remataron a fase menos glamorosa, agora segue a da busca vitivinícola máis axeitada para reflectir nunha botella a identidade desas altas terriñas no epicentro do Ribeiro. Desexo que o tempo lles vaia levando pola interpretación máis auténtica do territorio, no que xa levan un decenio laborando, ó través de colleitas que de seguro irei bebendo.

4 ResponsesCume do Avia to “”

  1. Boa pinta…

  2. e Javier tamén era da partida, conven non esquecelo

  3. Grazas pola corrección

  4. Está moi bo, dou fe