Sameirás 11

Ribeiro da banda esquerda do Avia ó seu paso pola parroquía de Santo André (Ribadavia), das viñas de Antonio Cajide, colleiteiro de elección a enlazar coa tradición familiar. Viño da anada do 2011 aberto o 8 de febreiro e rematado o 11, tres días nos que foi desaparecendo pouco a pouco as primeiras sensacións do paso do tempo para ir deixando, día a día, o seguinte:

a froita amarela suave, ausente de calor

as notas do carazo (escarcha) sobre ela

o aromático das herbas que o sol na xeada desperta

a flor que se vai durmindo

un xardín entre lusco e fusco, de tenra luz

meloso frescor que se ergue no final cun elegante amargor

1509794_10204506955131930_3955830914303429854_n

Denominación de orixe histórica, cunha longuísima traxectoria, que nos tempos precedentes se fora alonxando dun glorioso pasado e da esencia do seu terroir.

Recoñezo que gostaba máis da sobriedade de Luis Anxo. Non considero vanguardia de nada cargar con todo o armamento estruendoso do marketing indiscriminado, disparando con todo o que se che ocorra dos seus protocolos, deixando, ó final, unha imaxe de producto standar sen identidade. Mentres, pola súa banda, alleos a este frenesí, viños e viticultores camiñan cara o que deberon ser no esplendor do seu tempo, ou cara unha tradición descoñecida dilapidada polas sucesivas plagas do apocalipse vitícola. Viños cada vez máis limpos, máis certeiros e definidos, máis enchidos co carácter dos diferentes terroirs dos vales, ladeiras e das castes tradicionais que o transmitían.

Son os viños os que forxan a imaxen dun territorio, os que falan coa linguaxe dos sentidos que fican na memoria, deixando no consumidor de calquer parte do mundo a súa orixe.

Os comentarios están pechados.