Torroxal, unha historia

O mundo do viño xenera historias asombrosas, ademáis dalgúns dogmas, verdades intocables e rebeldes con ou sen causa.

Alén das historias individuais e colectivas que nos estimulan na nosa travesía entre copas, co aumento da liberdade creativa e interpretativa, crecen no mundo do viño as polémicas fomentadas polos que reaccionan ante esta explosión libertaria, porque ate hai pouco eles eran os únicos protagonistas no escenario do viño, representantes da técnica fronte ó vulgar e caseiro. Agora síntense desprazados, ignorados, e fanno cunha virulencia salpicada de descualificacións simplistas a maioria das veces. Entre o oficialismo dos santos mandamentos da intervención, os sen sulfitos, o do que todo é química e o fin sería o vinagre, que si calquer acción na viña é intervención, sen entrarmonos na subsección varietal: autóctonas, adaptadas, ancestrais, as que nos vendían como mellorantes… A naturalidade. O raspón: never ou si en su justa medida. Horreur cos neardentais que retoman a tracción das bestas, esquecendo o custe da producción por hectárea (tótem de toda planificación) e abandonando a mecanización e o progreso, e dos depósitos xa nin falemos, mira ti que hainos con querencia pola cerámica cando isto debería terse desterrado hai decenios para labor de arqueólogos e de museos. E que me decides da cursilería de describir un viño cunha poesía? Retrocedamos e voltemos ó aburrimento das fichas de cata, á simpleza do vazio. A lexión de vinófilos de toda casta, apelido, secta e relación profisional co viño, teñen decidido e dictaminado con toda certeza que o consumo de viño está en números vermellos debido aos insoportábeis adornos e as florituras que poetas relamidos, frikis retorcidos ou profesionais presuntuosos acompañan ás suas copas. Concluido após meses de sesudas investigacións e metanálises, traballos de rúa e de barra, e convivencias coa pirámide poboacional comprendida entre os 18 e os non sei que.

Historias.

Pero a historia que hoxe quería encher estas liñas tiña un so nome: Torroxal.

TORROXAL.

Unha historia asombrosa, enchida de dúbidas, a primeira referida ás claves que fundamentan a vida deste proxecto desde o seu nacemento ate o final. Descoñezo a vocación primixenia dos seus creadores, os datos técnicos da implantación do viñedo, etc. Sei que a riqueza varietal era notoria (brancellao, caiño, sousón, castañal, pedral… espadeiro?) e a súa ubicación fantástica: nunha panza perfectamente iluminada e aireada, cunha vista perfecta do val e do Miño, sobre un solo pobre do que gardo o recordo do carácter mineral que mostraba, fundamentalmente esquistoso. Visiteino o ano 2003 durante un curso de viticultura impartido por un dos seus cerebros no Centro de experimentación e formación agraria de Salceda de Caselas.

Torroxal, un viñedo na parroquía de Figueiró do concello de Tomiño na bisbarra de O Rosal, xa sabedes: sol do mediodía enfocando desde o nascente ó poñente estas suaves ladeiras, á beira do Miño uns kms antes de se xunguir, entre Caminha e Camposancos (A Guarda) co océano Atlántico. Seguro que experimentastedes en vos mesmos o que poden sentir os acios dunha cepa nas terriñas destes lares: luz do sol e mornas temperaturas, baixo o suave agarimo da brisa mariña que ascende polo Miño despois de driblar o monte Tegra.

O viñedo de Torroxal reservaba para a superficie tintada un lugar privilexiado e unha digna extensión, aproximadamente quince ha., nun momento, finais dos noventa, no que o tinto era residual e menguante nas rías baixas. Naquelas primeiras e únicas anadas lanzaron unha producción de 57.000 botellas.

Sexa cal fora a vocación dos elaboradores, o viño presentábase bravo. Gardo no recordo as sensacións aromáticas: cárnicas, de sangue e coiro sobre unha froita negra acongojada. Como é natural a mente garda máis nítidamente na memoria os aromas, moito máis que o gusto, pero poñamos que este era bastante agreste.

Torroxal morreu. Se lles presta poden elucubrar sobre as causas do declive e posterior morte do proxecto.Tiraríamos proveitosas conclusións.

Torroxal foi esmorecendo ó mesmo tempo que o viño embotellado ia crecendo recluido na garrafa, ate converterse, pos mortem da empresa que o pariu, nun viño… mítico. Para min esta historia é sorprendente, desconcertante, outros seredes quen de comprender esta ecuación, sen embargo a min gustaríame visualizar un feed-back con esas copas que fun bebendo para comprender toda a trama argumental que dirixiu e guiou esta película que estou bebendo con emoción.

Pero o final desta historia gardaba aínda un sensentido máis para pechar esta orfandade na que nos deixou. Os novos propietarios replantaron con albariño unha parte do viñedo tintado, que agora estaría nunha bonita madurez próxima aos vinte anos. Amputándonos desta maneira a emoción, seccionando os pés que alimentaban ás copas do noso pracer.

TORROXAL

Susurra, a capela, espido, con seriedade, deixando o frescor nórdico polo calorciño aireado de froita vermella madura, lixeiras herbas aromáticas nun campo perfumado con flores silvestres. Respírase fresco en cada trago, cun agarre que aínda conserva para a vida.

p.s. Un xoves aterrei na casa despois de dous meses en Tenerife, era o 19 de febreiro. Foi, aínda non marchou, o inverno máis frio nestas illas da macaronesia africana desde hai non sei canto. Estés onde estés neste hemisferio o norte non deixa de ser nunca norte. E nesta estación síntese especialmente motivado. Pese o que se poida pensar por ser unha illa, en Tenerife non fumos quen de tomar peixe. Nembargantes en Lanzarote todos os sábados, en Orzola ou no Golfo, disfrutábamos dunhas fermosas parrilladas de vieja, cantarero, sama, cherne, bocinegra, corvina, briota, sargos ou os pequeniños gueldes. Así que o primeiro día en casiña pedínme peixe deste Atlántico. Deixara unhas cantas botellas apartadas, é dicir teoricamente intocábeis, e outras prestas para ser consumidas por quen pasara por alí, entre estas recordaba que por alí andarían un Albamar 012, varios ribeiros da mesma anada, un Bastión da lua 011 e os Valdeorras A Coroa e Arístegui, calquera deles perfectos para ese peixe desexado. Pero o que atopei ó abrir a “viñoteca” foi a botella de Torroxal coa cortiza sobresaindo un chisco do pescozo… si, tuven unha reacción educada. Fora aberto o luns 16, servido nunha copa e deseguido tapado e gardado de novo, non lles agradara!! Bebinno, disfrutando de cada grolo coma se fora o último, ate o domingo 22, sabendo que non volvería a gozar de él nunca máis.

Os comentarios están pechados.