Orixe Denominada I

O tempo pasa, iso é todo, e o seu tránsito vai deixando historias, feitos que algúns xa non lembran. O presente alimenta o esquecimento dos máis volubles e a ignorancia dos que nunca souperon.

A vida e os viños van pasando, e o sentido natural das cousas acaba por definir o que vai sucedendo, pese aos que isto lles pese. Evolución natural catalizada polos máis creativos, instintivos ou visionarios, todas estas cualidades ausentes e contrapostas a calquer tipo de organigrama oficial ou subvencionado, eses que reciben de forma crónica, periodicamente e de maneira permanente, ou coma “unidad de destino en lo universal” ou sexa ate que a morte los separe os emolumentos. Outros arriscan lanzándose cara ó futuro.

A evolución natural é o que leva pasando no viño con máis nitidez este último decenio. O viño e o seu mundo, a sua cultura, o respecto polo entorno desde a viticultura e ao consumidor desde o vinificador, a valorización do propio ou autóctono, a recuperación varietal e de territorios do viño. O aumento dos locais propagadores do seu consumo con fundamento, e o crecemento dos siareiros devotos da bebida de dioses, poetas, juglares, goliardos e mortais bebedores varios.

A profundización na calidade e na diversidade estendeuse, enriqueceuse, expandiuse grazas aos que todos sabemos, ou deberíamos saber. Estas persoas son condición necesaria, incluso suficiente, para que unha potenciación de tal calibre se teña producido, e de que a sigamos experimentando nestes momentos.

O oficial pode sumarse a esta onda expansiva aportándolle… (poñan eiquí o que consideren) O que si debería evitar a oficialidade, incluso polo seu propio ben e supervivencia, é converterse nun freo ó avance, nun estorbo ó discurrir natural do viño, dun viño que ademáis busca máis transparencia e autenticidade, polo tanto estaría por definición máis próximo á orixe denominada que se pretende defender.

Este avance está sendo guiado pola instintiva inquietude humana de busca da máxima expresión que se poda conquerir coa potencialidade dun territorio, e dun producto, cando existe esa potencialidade, cando se recoñece a posibilidade de ir máis alá.

Sen embargo o avance permitido polo oficial, a versión técnificada e encorsetada maioritaria, tenno alonxado da emoción.

O viño foi satisfacendo todas as funcións que lle fomos demandando: alimenticia, estimulante, expresión religiosa, artística, económica, social, festiva e lúdica… emocional. E nos desexamos devolverlle a busca da súa máxima expresión, e nisto non lle imos fallar, e menos por unha contraetiqueta.

Nin máis nin menos que a cultura do viño escrita, vivida e bebida along the times.

Os comentarios están pechados.