Casal Figueira 06

Vital resistente sobre a mineralidade da Serra de Montejunto, coas maneiras naturais na viña e na adega de Marta Soares e do recordado Antonio Carvalho.Tireille a rolla dous días antes de fuxir do norte tinerfeño, que pouca luz deixou pasar este inverno, cara Lanzarote. A primeira impresión foi de sorriso e de ledicia. Sensacións que superaban o recordo que tiña do mesmo viño da seguinte anada (2007) que bebera hai meses (duas anadas que aínda figuraban como Estremadura na contraetiqueta) Sabía que todavía estaría mellor o día seguinte, sempre ocorre con estes viños.

Por motivos que agora non veñen ó caso son o único que bebe na casa, por iso tapei coa cortiza a garrafa e gardeina na neveira con algo máis da metade de viño aínda no seu interior. E despeguei cara Titerogakaet. A primeira pisada ó baixar do avión colocou un sorriso na cara e unha sensación de paz que había tempo non sentía.

Á volta do renamoramento e da simbiosé total con Lanzarote servínme de novo unha copa mentres o sol marchaba, unha hora máis tarde, xa case por detrás de La Palma, co Teide mantendo o branco, agora coloreado polo solpor, que deixara antes de marcharme a nevada máis grande do ano.

11081364_10204837397152774_6751131973228232693_n

Así, relaxado, e antes de beber o primeiro grolo busquei o seu cheiro. Detrás das elegantes notas da evolución sorprendeume cunha primavera soleada, dominada por flores de perfume sutil sobre un aroma amarelo, pero fresco, de froitas pequenas: mirabeis e nésperos, co brillo das pedras no fondo. Non estaba para indagar máis na busca de descriptores, que os había, senón para gozar sen máis do momento, así que acerquei os beizos ó copo…

habia longura, esa inercia no tempo do que se acaba de gustar, ese seguir sentindo o que xa marchou, esa pausa que demanda o recordo do bebido denantes de que, con outro grolo, volte a pasar polo padal. Esa longura, ese momento de vivir e sentir na distancia, viña precedida por un final en boca que se eleva con frescor, como aire de montaña que che empurra para alcanzar o cumio, despois dunha entrada que sauda con amable agarimo, coa inocencia dunha criança que se fai madura sen darse conta no seu paso.

Moito pracer falar con Marta e beber os seus viños no claustro da Emoción (Tui). Alí esperámoslle este ano.

Os comentarios están pechados.