Ribeiras do Morrazo

Cara ó Atlántico, cos pés abaneados polas mareas, mollados entre cunchas e o cabelo peiteado pola brisa mariña de profundidade oceánica. Cara ó solpor existe unha viticultura apegada á terriña, de esquelete granítico.

ILLAS-CIES
Existe unha península entre rías cunha proa que enfila o horizonte do solpor coroada por un Facho de pegada telúrica. O Morrazo constitúe ese territorio inserido no medio da xeografía física e vitivinícola das rías baixas oficiais, e faino ademais cunha riqueza sen igual nas outras “subzonas” da d.o., cunha diversidade que poucas bisbarras ou comunas vitivinícolas posúen.
A península de O Morrazo separa duas rías baixas: a estribor e mirando o norte a de Pontevedra, que baña as derradeiras estribacións encepadas do baixo Salnés, mentres que a babor soleadas praias salpican de relucente e finísima area branca emparradiños agarimosos, enchidos de castes morriñentas do solpor, da brisa atlántica, do cheiro fresco das algas repousadas nos areais ou entre os cantís golpeados polo mar.
O Morrazo… de costas a Todo, menos ó Atlántico.
Cando todos os días do ano, estación tras estación, fronte tras fronte e borrasca tras anticiclón e despois dos lusco fuscos máis envolventes do planeta, miramos o por de sol tralas illas Cíes, sabemos que desde esta proa galaica so nos fica enfilar con decisión o futuro, para ir sempre máis alá…
Liñas que reflicten a emoción que sinte un galego das rías máis baixas, desde esta península, acostándose todos os días coa luz do solpor máis melancólico, pero motivante e estimulante, do mundo coñecido.

OLYMPUS DIGITAL CAMERADonón

 
Definir o terroir dun territorio é o máis doado no mundo viño. Calquer técnico estudiado é capaz de analizar e describir as características que conforman un territorio, o terroir que define a viticultura e que ven definido por un conxunto de factores: clima, microclimas, castes, microfauna, xeografía física, topografía: orientacións, pendentes, alturas, cercanias de bosques, areais ou regatos, xeoloxía. O dificil é a sensibilidade interpretativa ou a creación respetuosa do territorio.
En esencia falamos da presenza permanente do Atlántico, humidade e temperaturas moderadas, co sustrato ganítico que nos viños deixa a súa impronta de estilizada figura e finura aromática, e todo ó través de castes que son quen de transmitir a esencia, a alma da terriña.
No Morrazo conviven a familia dos caiños, entre estos o caiño redondo que polas parroquías de Bueu transformase na estilizada Tinta Femia (o caiño da terra que Sebio e Bernardo coidan no Ribeiro ou a Zamarrica do mestre Mateo e do telúrico Xico na raia) os espadeiros, o loureiro (nas terras de Cangas espadeiro branco) a branca lexítimo, o pedernal, a carabuñeira (famosa no mundo enteiro polo nome que no Portucale ten de touriga nacional, tourigo no seu berce do Dao) sousón, brancellao ou a Oubiña que según Francisco Rego é unha caste tinta do Salnés. Hai cepas vellas de treixadura, moita presenza do albariño e bastante menos de godello e de torrontés (albariño portugués) As diferentes pragas e demais devenires históricos levaron tamén alí o Xerez e o Alicante, así coma os híbridos de producción directa, cunha presenza importante nesta península, sobre todo en Marín e Cangas polo seu acceso á demanda de viños de Pontevedra e Vigo respectivamente, e moito menos en Bueu e Vilaboa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAPinténs

 
Na actualidade o viñedo extendese sobre unhas 1.300 hectáreas, con só duas adegas elaboradoras de viño de mesa.
Xa está presentado o proxecto para unha IXP que a Asociación Galega de Viticultura ten desenvolvido da man do activo Xosé Manuel Vilas. Proxecto con todos os datos técnicos e históricos, reseñando as primeiras referencias sobre o cultivo da vide e do comercio de viño que datan do s. XIII e acadando a máxima expansión no XVIII, perfectamente argumentados.
Grazas a eles o tempo traerá para esta vitivinicultura un amparo regulamentario que fará posible visualizar dunha maneira máis clara estas terriñas, agora diluidas no imaxinario do consumidor e do amante do viño nunha nebulosa de viños de furancho, exclusivamente.

OLYMPUS DIGITAL CAMERACela

 
O Morrazo non é un territorio homoxéneo, existen microespazos dunha riqueza e identidade diferenciada, inimitábel, dunha autenticidade apabullante, como as terriñas de tintos definidos e estilizados, frescos, atlánticos de pura cepa: son os tintos de Cela e doutras parroquias de Bueu onde a Tinta Femia, cachorro ou batorro, da estirpe dos caíños apelidados redondo, é o sinal de identidade, o estandarte dos seus viños, os da cara norteña do Morrazo, bañada polas mareas da ría de Pontevedra, auténticos “Vins de Vila”, nomeadamente o val encovado que forma Cela coa presenza pontifical, esmagadora e feliz para pracer de Nos da Tinta Femia.

CelaCela

 
Nesta mesma banda da península está a Ría de Aldán, e extremándose por fora da Ría de Pontevedra entre a illa de Ons e as Cíes, coma queréndo achegarse a elas nun pequeno chimpo. Nesta pequena ría compartida por Bueu e Cangas moran preciosas viniñas en toda a subzona da parroquia do Hio.
Máis adiante, na banda que se baña na Ría de Vigo, o viñedo cangués vai desde a beleza de Donón ate Moaña. Nesta banda de babor da península e mirando o sur repousa un viñedo dunar único no mundo, coa proa do Morrazo á súa costa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERADonón
Desde os areais desta punta onde dominan as castes brancas, máis ou menos douradas, coma o espadeiro branco (loureiro) o albariño, a treixadura ou o albariño portugués (torrontés) vamos pasando pequenas viñas en Cangas e Moaña ate chegar ó fondo da ría, a Vilaboa, alí repousa na prácida tranquilidade da ensinada de San Simón o viñedo máis dinámico e extenso do Morrazo, onde o albariño xa é maioritario e as viñas dormen na suave adoración da ensinada, que coma unha lagoa pecha a Ría de Vigo polo seu fondo, o que mira o mencer.
Os microespazos vínicos peninsulares son coma pequenos reductos castrexos que se agochan entre as parroquias e os lugares do Morrazo: Donon, Cela, Pinténs, Domaio, Ardán, Mogor, Beluso, Cobres, Vilaboa, Domaio, O Hío, etc
Unha embarcación ancorada na ensenada de San Simón a piques de soltar amarras no mundo viño.

 

 

VilaboaVilaboa

TiNTa FeMia
Traslada a súa briosa figura con prisa, limpio, nada ensucia nen contamina a súa esencia, nada a enturbiar o paso do seu grácil corpiño… coma un manancial do Morrazo que fresquiño, vibrante e acelerado baixa ate a ría.
Leva un aire de antano, de xogos lixeiros na eira, entre froitiños silvestres que morden na boca e herbas para chupar de sabores cítricos.

 
No Morrazo hai un paraiso de finas areas brancas en praiñas soleadas, luminosas postas de sol entre illas cercanas, co horizonte de noso a marcar a travesía. Neste borde vibrante e pracenteiro da Galiza aprendimos a soñar e acumulamos a enerxía necesaria para ir Máis Alá… sempre.

 
“Pero rompe, que podes,
contra o medo,
dalle avante con forza, anque che doa,
contra noites e néboas, pon a proa,
mariñeiro de Cangas, e ven cedo”

Resume de entradas e artigos publicados estos últimos catro anos.

Os comentarios están pechados.