Palabras para a Emoción. 2011-2015

emoción......

Achegámonos a unha nova Emoción dos Viños, renovaremos sensacións gravadas na memoria, conversas con amigos ó redor da vida que bule no interior das copas. Espazo onde compartir amistade, onde propagar desde as pedras centenarias do claustro cara ós catro puntos cardinaes a beleza milenaria do viño, da cultura que nos da placer e saúde.

O claustro da Catedral de Tui nos acollerá para disfrutar dos mellores viños nun escenario que todos os amantes dos viños emocionantes, da boa música e da mellor compañía esperamos: emoción e conversa coa xente que ama a esencia da terriña nunha copa.

Novos amigos terán un recuncho no claustro para mostrarnos a súa versión da Emoción cos seus viños. Seguimos presentando xente que ama as súas terriñas e as traballa con paixón, e ademais nos emocionan co seu froito. Botaremos de menos aos que non están nesta edición pero que forman parte da familia da Emoción.
Somos combatentes activistas da causa vitícola, reivindicamos a expansión da sua cultura… e o placer, a saúde, a terra… e sempre a Emoción

As sensacións que alá nos levan nacen da viticultura respetuosa co medio e con nos, dos elaboradores máis sensibles, dos que están na busca da auténtica expresión das súas terriñas, da inspiración que surde dos seus cheiros, da creatividade, do instinto dun viticultor mimetizado co seu terroir.
Mostramos o potencial, a vangarda do que virá, do que vai vindo, de todas as comarcas vitivinícolas galegas.

Acreditamos en todas elas, desde sempre, sen exclusión de orixe, desde Negueira ate o Morrazo, de Betanzos á raia, confiamos, as dúbidas e os complexos deixámolos para os que fican no pasado máis recente.
Somos amantes permanentes dun Portugal que nos devolve a emoción dun adn común: Dao, Bairrada, Douro, Minho… climas, castes, apelidos, nomes dunha Gallaecia que aínda latexa nos viños.
Defendemos a sinceridade dos viños limpos, de persoas honestas, que respetan o entorno e o consumidor.
Desconfiamos das ortodoxias, fuximos dos prexuizos, non etiquetamos nin pontuamos, ignoramos diplomas e medallas.
So calibramos a Emoción dun trago acompañados dos que queremos, no medio dunha conversa ou mentres nos miramos, no silenzo dunha aperta ou co son dun bico… entre a música e as pedras que nos acollen.
Esto non para, sen tregua vai, e queremos ir aos mesmos lugares onde o viño nos leve.
Cada anada nos traslada cara un algures que queremos beber, que podamos soñar…
Os que o freaban, os que non acreditaban incapaces de imaxinar o seu potencial, desconfiando das súas terriñas, pisan sobre corredoiras abertas, lendo un guión escrito por outros. Si seguides o movimento das súas batutas chegaredes tarde e desacompasados. Todo avance, calquer progreso arrastra o pesadelo dos que fican atrás.
Seguimos enfocando, servindo nas copas, subindo á palestra, colocando no escenario aos que nos lanzan Máis Alá, sexan incomprendidos, descoñecidos ou minifundistas de garrafas reservadas para a Emoción.

Buscamos sumerxirnos na esencia das terriñas do País dos mil rios e dos mil vales, multiplicados por innumerabeis ladeiras e regatos. País abrazado polo Atlántico, que se extende sobrevoando todos estes microespazos encepados de viñas, microviñas, ribeiras sobrecollidas por ladeiras penduradas pintadas no verde luminoso das vides, ladeiras suaves e ondulantes entre bosques nobres e vellos soutos, ou en vertixinosas vertentes orantes cara a sol do oeste, iluminadas pola luz do solpor atlántico, con castes de nomes agarimosos, irreproducibles, melancólicas e morriñentas, castes apegadas ás suas terriñas onde expresan con humildade as raigames da súa identidade, pero con orgullo e vocación universal: bagos da Galiza células de universalidade
Voltar á orixe, voltar á viña, á grandeza do pequeno, aos matices que definen as diferenzas, ser fieis á vocación dunha terra e da súa cultura.
Minifundios, microespazos, microuniversos nas ribeiras de ríos cara ó Atlántico. Espazos vitivinícolas co sentido das grandes catedrais vitivinícolas do mundo, crus ou climats dos que nos separaría (para chegar ó que representan eses pedazos de chan) a delimitación e clasificación das vilas, dos lugares e das  paraxes, coas nosas variedades coma transmisoras da súa personalidade e alma.
Identidade que significa o reflexo da orixen, desa pegada da terra e do seu espazo (solos, vales, pendentes, formacions naturais, cercanía ó mar, a un río…) e da personalidade que lle imprime un facedor cando amais de respetar as características particulares de cada anada interpreta as súas potencialidades.

O único camiño que no mundo do viño non ten data de caducidade é o da autenticidade, a fidelidade á vocación dun terruño, das súas castes coma vehículo de expresión, do seu clima e da experiencia, no noso caso contaminada, de xeneracións de viticultores.

Acompáñanos o mesmo desexo que nos levou na primeira edición á busca da Emoción: viticultores fieis á vocación das súas terras, a nobreza de viños fieis coa súa herdanza histórica e aos seus terroirs: riqueza de matices, castes, paisaxes, tradicións e culturas.
10478227_708241102569040_411681112495281748_n

Vémonos en Tui… e bebemos, falamos e…

4 ResponsesPalabras para a Emoción. 2011-2015 to “”

  1. marina, cómo hacemos para apuntarnos. fuimos el año pasado con Sara y queremos, necesitamos, repetir, un saludo, Mercedes

  2. Ola son Antonio,
    enviade un correo a emociondosvinhos@gmail.com

    Un saúdo

  3. Grazas a ti e a Marina, a xente que colabora con vós e tamén, por suposto, os viticultorxs por facer posibel este encontro indispensabel para seguir acreditando. Emoción dos viños…Sempre!

  4. Sempre!!