Alicante tintureiro

Gústame o alicante-tintureiro-garnacho-bouschet. Na sua xusta medida. Desde a versión fresca de 11º do Muradella en Monterrei á versión das ribeiras sacras como o Madialeva de Algueira e a influencia que ten noutros viños que emocionan das ribeiras, tamén o Albahra (Almansa) dos Envinate e o Amanda de Alfredo Maestro, e desde sempre os Alicante bouschet de todos os grandes viños alentejanos. Porque além do Tejo esta caste introducida (non autóctona coma a trincadeira, o alfrocheiro, o castelao, o moreto ou a tinta grossa) adaptouse de tal maneira a determinados climats daquela rexión que os mellores viños levan sempre unha parte fundamental de alicante, nalgúns incluso o cento por cento coma no grandísimo Mouchao (solos arxilosos de aluvión) Nese territorio, sureño e continental, sinónimo de calidez, e cecais por unhas elaboracións máis tradicionais, os viños de alicante non chegan á concentración das tintureiras valdeorresas, estas de exemplares vellos en ladeiras moi ben asoladas que fornecen viños encorpados, co músculo desenrolado, e unha raza que demanda tempo para o seu trago.

O meu primeiro contacto con esta variedade fora co Ladeira vella de A Coroa, pero anos antes de ser comercializado. O seu propietario levaba tempo elaborando por separado as viñas vellas de garnacha para consumo persoal, e para algunhas das visitas que xantaban na adega coma fora o noso caso no 2004. Era un depósito de 2000 l. que tiña escondido na adega. Na actualidade xa son sete ou oito os viños con esta variedade en solo integral que reflicten a identidade das vellas viñas do val do Sil de Valdeorrras. Algúns deles adoecen de concentración, seguro que menos alcol e menos madeira nova sería un xeito de aproximarnos ao viño do que gustamos.

Máis letras escritas neste caderno sobre esta variedade en:

Garnacha Tintureira,

Ladeira vella 2005 / Traste / Ventura / Garnacha vella da chaira do ramiriño

Valdeorras 2010

cepa4viñedo de J. L. Arístegui en A Rúa de Valdeorras. do blog enofílicos

Esta variedade híbrida, cruce de grenache e petit bouschet (á súa  vez cruce de teinturier du cher e aramon) fora introducida na Gallaecia septentrional nunha das típicas reestructuracións dos viñedos: arranque do existente e plantación dunha nova variedade portadora dalgunha melloría (suponse) A seguinte reestructuración foi a do arranque destas variedades (Alicante e Xerez) antes introducidas e a súa sustitución polas, agora si defendidas, castes autóctonas ou propias. Pero ademáis os tempos da enxeñeiría agronómica acompañaron estas novas implantacións vitícolas con empalizados de xeometrías mecanizables, facilitadoras do labor vitícola… da calidade ou da máis auténtica expresión dos territorios non o  teño tan claro, vaia que acredito nas vellas arquitecturas dos viñedos.

Os comentarios están pechados.