Ribeiras de Armea 14. J.L.Bouzón. Betanzos

Ribeiras de Armea 2014. Nórdico atlantismo galego. Reluce verdoso. Verticalidade verdecente do atlántico norteño. Branco lexítimo austero, desnudo de parafernalias exóticas, tan a gusto da enoloxía dos preparados. Profundo e visceral. Aromas coa intensidade incisiva do frescor primario: da branca flor, da froita cruxinte, da herba no rocío, da rocha co musgo… dun xardín no mencer.

Anuncia que é cedo para apreciar a súa verdadeira dimensión, ten a potencia que pide o tempo para crecer, para chegar máis lonxe, seguramente onde nunca antes chegara un branco de Betanzos…

12342393_10206420121599896_3860027791457207767_n

Betanzos, onde o branco lexítimo maniféstase máis afiado, coma estilete delicado e de elegancia penetrante.

Jose Luis Bouzón é un vigneron inquieto, un buscador, por iso é receptivo e aberto ós movementos en pos da autencicidade, do respeito á terra e ao que se poido salvar da transmisión nas xeneracións do lugar. Bouzón confiouse a misión de expresar a identidade deste vértice da vitivinicultura galaica, e non teño dúbidas que o ha conquerir. Conexión Mandeo, Bodegas Rilo e Adegas Bescansa, cadanseu coa súa personalidade e vocación garanten a diversidade que todo territorio que busca pervivir e transcender máis alá necesita.

O branco lexítimo, que na meseta e en Cangas de Narcea denominan albarín, alcanza en Galicia a súa expresión máis racial, extrema e agarimosa, a da elegancia nos aromas e o frescor no paso, a que enche o padal con densidade amable, a que vai da beiramar á montaña, de Cabo de Cruz e a Pobra ou o Mandeo ate as ladeiras asoleadas de Negueira. Caste cada ano máis extendida por outras bisbarras vitícolas do País.

Os comentarios están pechados.