pieiga.Val do Navia

Negueira de Muñiz, pequeno Shangri La onde habita un minúsculo viñedo, restos dun pasado vitícola máis florido. Val do Navia que che aperta agarimoso, entre as vertixinosas pendentes que caen á súa costa desde as estribacións da serra dos Ancares e a recia frialdade das chairas ascendentes da Fonsagrada.

En achegándose desde Lugo cara a Fonsagrada, dos menos de 400 m. de Lucus Augusti aos máis de 900 m. da Fontem Sacratam, atravesamos paraxes e paisaxes ermos para a vide, espazos de frescor venteado que imposibilitan o seu cultivo. Así a todo, e cando levamos un rato coa imaxe dos Ancares nevados acompañándonos no fronte e ao leste para acentuar ainda máis a sensación de ausencia vitícola, nunha das desviacións que collemos na estrada que vai a Grandas de Salime ábrese ós nosos pés un val enchido de cores… o que alí atopamos en: Negueira, o val recuperado

12376731_10206458861528370_7941455226419461955_n

pieiga A Marcada 2014 (Adega Sidrón) do viticultor Francisco Sanromán.

Domina a froita negra e o verde escuro. Bosque denso de ladeira norte cos seus froitos, baixo as pendentes dos matos venteados.

Vai coa viveza do aire fresco que eriza a pel dun mozo bravo, de profundas raigames, co cheiro do fogar nas roupas e o rasto dos sendeiros nas botas.

Amargor final, o que adoitan deixar as terriñas ailladas para recordar a bravura de seu.

Viño con personalidade, sinala e da pistas dun terroir que aínda descoñecemos, ate o de agora so bebido ó través dos viños de Manuel Cancio (Panchin e Nesta Ourela) Sinais e sensacións para arquivar na memoria e sentir o que nos vai transmitindo esta conca do Navia. Un val de agarimoso microclima sobre chan esquistoso, expresado co falar tintado do verdello tinto e do tinto serodo, no pieiga A Marcada acompañados dun chisco de mencía, que é a variedade maioritaria no outro viño tinto da adega Sidrón, pero que nestas terriñas semella mostrar un carácter menos atractivo.

Negueira aínda non ten indicación xeográfica de orixe. Sobre ladeiras do mesmo val no mesmo rio e un par de reiviravoltas máis enriba no seu curso está o viñedo de Ibias, que pertence ao organigrama da D.O. do rio Narcea (Cangas de Narcea)

Este ano estaremos de novo na sua festa, en Negueira de Muñiz, na ribeira do Navia, pola primavera…

Viño probado, e máis logo bebido con calma en casa, na galería do viño “Beber País” que organizamos coa Asociación Galega de Viticultura na Casa da Luz da Praza da Verdura en Pontevedra. Magnífica oportunidade para beber os catro pontos cardinaes da vitivinicultura do País.

12316349_10206406349455601_7335313600754462260_ncata dalgúns dos tintos que estaban presentes

Os comentarios están pechados.