Polos viños do solpor. Crónica dunha transición.

A travesía continua. Navegamos. Desde as corredoiras do pais imos indo máis alá…

As “Xeografías sensoriais” que hai oito anos inaguraran este caderno eran o relato dunha aventura que empezara moito antes. Un percorrido ó redor das paisaxes do viño. Paisaxes bebidas, pateadas e faladas coas persoas que as laboran…

A realidade que expresa esas paisaxes nuns viños foi mudando desde aquela, e o relato das claves desa r-evolución foi enchendo as páxinas do viticólogo dos bagos (Bago: fin último de toda viticultura e orixe dos viños que desexamos) Converténdose así, viño a viño, vendima a vendima, nunha crónica da transición do viño en Galicia. Transición cara unha vitivinicultura da calidade, entendida esta como a que pescuda na autenticidade das terriñas, na súa orixe, na súa expresión máis verdadeira, a que non se enmascara, nin se rectifica ou opera… Para atopala foise indo máis alá, abrindo camiños, vieiros novos e outros perdidos recuperados, foise despexando o horizonte que nos negaban… o que nos ten levado, esto si, á Emoción.

Hai un relato desa transición que me gustaría recuperar nalgún formato, para recoñecer aos verdadeiros protagonistas e entender as claves deste proceso que temos vivido, bebido e escrito, que seguiremos vivindo con Emoción, onde nos leven os novos ventos nesta travesía polas xeografías do viño.

1913596_10206554854168126_5467288365477528046_n

“Xeografías sensoriais” 2007

Transitamos entre aromas e cores, vilas e paraxes, vales, ladeiras, costers, socalcos, bancais e patamares, bosques, matos de flores, sotobosques, matorrais, á sombra dos frutais, a carón das leiras colleitadas, cos cereais recen segados, ó redor das bestas, co salitre na pel pisando as follas secas, envoltos na humidade das corredoiras, coa néboa da mañanciña esperando que os raios do sol interrumpan o desenrolo da cinerea, sacudindo das botas o polvo mineral do xisto fragmentado por enriba de antigos restos de caliza e granito mesturados con outros máis novos dos cumios volcánicos de Teneguía. Nunca limpo as botas despois dunha travesía, forman parte do albúm de recordos.

Viaxamos dende o trópico cos seus sabores ainda no retrogusto ate Riad Jamil, xardin no Magred, para pasar, na rota do Oriente, por todos os zocos de Marraketh ate Ma´rib, e seguir, ó revés que na nosa terra, mirando cara ao leste.

Logo de limparmonos as fosas nasais co aire limpo e fresco do Karakorum, e antes de buscar as illas das especias máis doces, perdemonos nas ruas brumosas de cheiros concentrados do Hindukush, camiño do abrente, onde un oriente máis sutil e delicado nos espera.

Unha orchesta natural que soa coas diferentes partituras que as paisaxes escreben. Notas de trazos sutiles pero de fondas pegadas que nos trasladan polos espazos da memoria onde os recordos se asoman, nítidamente, cargados dos vellos aromas gravados que nos devolven conversas e achegas, momentos tatuados no máis profundo, paisaxes, amigos e sentimentos, sensacions e soños… emocións.

Deambulamos entre vellas cepas enrugadas e retorcidas, sobre o pouso de antigas pegadas transmitidas en cada grolo con forza renovada, coa sabedoría e a profundidade que o tempo decanta, a proba de cambios climáticos e outros estrés, e coa garantía de esencias e sabores multiplicados.

Os devanceiros, aqueles que a terra se deu sen modestia, ben sabian de onde vimos e os camiños que se abrían nos nosos narices, sempre coa consciencia do que somos e o pensamento Máis Alá.

É provabel que a emoción surda dunha copa enchida co zume clónico de vides clonadas, uniformadas e estandarizadas, descendentes de vides pasadas por microscopio, de operatividade e resistencia probada, coma o clon da pataca x, prantadas nas condicións dun viñedo específico coma fria prótese, amputadas da sua memoria pero resistentes ás doencias que o mesmo cultivo de laboratorio ten producido.

Sen dúbida unha enzima convenientemente inoculada liberará eses magníficos aromas deseñados para alcanzar a pituitaria na concentración necesaria, sempre despois de ser provocados pola levedura seleccionada apropiada ás súas condicións concretas de vinificación. Deseguido uns relucentes chips a moi bo prezo farannos recordar o carballo de Tronçais ou cecais de Missouri. 

O reflexo da identidade, nalgúns viños, as veces ten que atravesar demasiadas cortinaxes que rematan por ocultar a súa luz… a pegada do solo, esa especie de DNI que define o carácter dos viños: finos e elegantes ou musculados e atléticos, robustos ou sutiles… e a pegada da contorna (cultivos, bosques, matorrais, mar, río…) ese cheiro que cada lar ten de seu.

424508_4571309598824_470146930_n

Os comentarios están pechados.