Xico,Couto Mixto,Mandín/Couto Mixto,Mandín,Xico

O viño é algo máis que o zume fermentado duns bagos. O Couto Mixto, de bagos raianos, faime crer con fidelidade a transmisión dun territorio un ano concreto nunha copa. Con atractivos aromas primarios, limpos e intensos, que ensinan as notas do seu lar, con esa sensación de sinceridade que non che fai dubidar, e por iso non deixar de achegar o nariz e imaxinar a paisaxe e unha conversa co Xico. Viño sen rastros da estandarización das elaboracións que pouca cousa nos din, e menos que comuniquen a identidade dun viñedo, tan común isto noutras adegas desta denominación de orixe.

Herbas aromáticas estimuladas polo sol do mediodía. Amarelo floreado e afroitado vanse fundindo nunha cremosidade que envolve con frescor. Paso saboroso integrado cunha equilibrante acidez e un amargoso final. Con sensación de vida e potencia máis presente que noutras anadas, algo que aprecio en moitos dos brancos galegos que teño bebido este ano, como anunciando unha longa vida por diante.

COUTO MIXTO

Xico de Mandín e a raia en: COUTO MIXTO 1 e COUTO MIXTO 2 :

Sentímonos na raia, coa sensación da liberdade de vagar entre terriñas, fluindo polos territorios dos soños que nos han levar Máis Alá, por espazos portugálicos no interior do País, polo centro xeográfico dunha Gallaecia amputada, coa memoria dunha Suevia anestesiada dos nosos recordos por grandes capitanes, individuos campeadores, imperios sempre asoleados e outros figurantes históricos dun escenario no que eramos simples espectadores… non eramos Nos.

A raia, ese espazo fronteirizo, “sensa frontieras”, unha raia virtual salpicada de pequenos “viñuedos”, “majuelos”, “pagos”, pezas, viniñas antigas, e outras máis novas, poboadas por castes de entre Douro e Sil, algunha delas descoñecida para nos e que nos soan como de máis alá da Terra Media, desta terra media que é Monterrei, ou aos tempos das repúblicas de homes libres que nos relata Manuel Gago.

No Couto Mixto estas castes son a Dona Branca, o Verdelho e a Formosa, elaboradas en Mandin (Verín) por Francisco Pérez Diéguez, máis coñecido como Xico de Mandín, viticultor cunha biografía moi interesante, entre outras cousas el fora dos primeiros que se mobilizaran para a constitución da D. O. Monterrei.

O Couto Mixto representaba ese ente onde nos gustaría vivir: autogobernado, con lingua de seu, liberto de exércitos, de impostos ou de tributos polas terras e polo comercio, sen dni, con dereito de asilo e incluso con algo tan futurista nos tempos que andamos coma o dereito de derogación, que non é outro que a posibilidade de mudar os representantes elixidos se non desempeñaban a súa función.

2 ResponsesXico,Couto Mixto,Mandín/Couto Mixto,Mandín,Xico to “”

  1. vero netodorevidas

    simplesmente FERMOSO, de tanto sentimento non pode sair mais que COUTO MIXTO, e como os sentimentos tenhen vida con extasis e vagar ….

  2. Antonio Portela

    Fermoso viño que me leva a Mandín e traeme as ganas da conversa con Xico… de vagar