Orixe denominada II

Galicia foi e é terra de viños, unha mancha vitícola que se extendía por toda a súa xeografía (coas lóxicas excepcións impostas por condicións xeoclimáticas incompatibeis) desde as terras do Cantábrico coma Viveiro ou o Navia ate a Limia e máis abaixo pola antiga Gallaecia cando aínda non converteran en fronteira o Miño. As castes movianse sen cancelas polos territorios, recalando e ficando nos lares que mellor se adaptaban, na gran maioría das parcelas convivindo con outras castes no mesmo viñedo en función dunha lóxica vitícola que se foi perdendo. A viticultura evolucionaba adaptándose ás condicións naturais de cada lar, acumulando a experiencia das sucesivas xeneracións de viticultores. Esta viticultura foi amputada da nosa memoria e do noso saber ancestral (fora positiva ou negativa) pola agronomía industrializada dos monocultivos (e do monovarietal) do viñedo mecanizable, da loita química, do abonado industrial, da extensión do viñedo por terreos menos acaidos ou da súa concentración indiscriminada: parcelas excelsas con mediocres ou deficientes, á que se sumou unha xeneración de viticultores que desprezaron a viticultura tradicional, e con ela a herdanza dos seús ancestros.

LIMIA,

Na actualidade a paradoxa reside en que ó mesmo tempo que se van dando pasiños cara a delimitación, ou cando menos cara o recoñecemento das unidades vitícolas máis excelsas dentro das terriñas do viño, gaña peso como referencia fora do país a “Marca Galicia” para aludir ós seus viños fronte ás individualidades, ailladas unhas de outras, das diferentes denominacións, de feito sen existir esa entidade é xa unha referencia alén da Galicia grazas a moitos viños de mesa, que sen nengunha mención ó País, o representan con autenticidade.

Os organismos reguladores do viño adicándose a dilapidar á vangarda máis dinámica dos seus viños acabarán por botar terra sobre si mesmo alimentando ó inimigo.

12189604_10206257778421418_488684053078489472_n

As denominacións de orixe serían para certificar unha procedencia determinada. Unha orixe ficaría consolidada de posuir unha traxectoria de viños con entidade. No seu tempo os afamados viños de Rivadavía tiveran o primeiro xérmen de regulamentación controladora cando empezaron a ser imitados e polo tanto a correr o perigo de botar por terra todo o prestixio e o status acadado, convertíndose daquela en pioneiros na protección vitícola dun territorio. No caso de denominacións que non teñan esa traxectoria os criterios que as regulan deberían ser máis flexibles porque, suponse, o mellor aínda estaría por vir, e non sabemos con exactitude as formas vitícolas que revelarán e interpretarán con máis fidelidade esa orixe, e se van a entrar en conflicto coa normativa establecida. Sen ter esa bagaxe, ou ese elenco de grandes viños que as valorice ou unha historia que as rexistre, regularase unha personalidade que todavía é un boceto do que podería chegar a ser, ademáis desenvolto por organismos reguladores normalmente detentados polas grandes adegas (en volume) que acaban por monopolizar un nome que representa a un territorio e non un xeito de enfocar a vitivinicultura. Este organigrama se a maiores carece da lóxica e natural capacidade de adaptación convertirase nun contraforte, en muro de contención que non calibrou o que podría chegar a conter, por minusvalorar as potencialidades agochadas, as veces con manifesto complexo de inferioridade fronte o que se consideraban as referencias vitícolas da época. En moitas denominacións o encoro xa desbordou os muros que o amparaban, a riada vitícola ten evidenciado a súa inestabilidade. Os viños do novo movemento vitícola galego representan mellor a orixe que outros se arrogan defender.

Orixe Denominada I

Os comentarios están pechados.