descubridores/revolucionarios

Revolucionar na enoloxía galega supuso modernizar estructuras, instaurar protocolos e a pulcritude nos procesos de elaboración. Elo trouxo viños disciplinados e homologables (“viños revolucionarios”) porque eliminaron os defeitos de outrora, incorporando e adoptando todas as técnicas, procesos e elementos que contribuen a dotar aos mostos de máis atributos, a consecución dun viño máis armado (en aromas e estructura, con máis cor nos tintos e máis limpidez nos brancos) Como se a suma de cualidades ou ingredentes, ou a maior cantidade de parámetros fora o ideal a alcanzar. Unha revolución que proscribe as tendencias que buscan reducir a intervención nos procesos de elaboración, e reproba o emprego dos recipientes tradicionais (ánforas, lagares de pedra, madeiras de castiñeiro, o formigón, o cemento) comúns noutros afamados territorios e forxadores dalgúns dos seus mellores viños.

Os revolucionarios desta historia son os que traballan “como debe ser”, os que defendenderían unha lei que estipulara que en cada adega haxa un titulado para poder elaborar viño, politicamente correctos, son os interpretes máis fieis do académico, do desenvolvemento tecnolóxico, da busca do mellor viño posible cos parámetros que definen os protocolos oficiais.

ENÓLOGOS

Pero esta revolución pouco tivo que ver coa posta en valor das castes ancestrais, esquecidas e minusvaloradas na época “revolucionaria” debido ás súas carencias nos parámetros valorados pola enoloxía contemporánea. Variedades sensibles coas doencias modernas, delicadas, “lixeiras” agrestes, rabudas, verticais, acídulas, pouco coloreadas algunhas, moi bravas outras, máis esixentes cos solos e a terriña onde madurar con fundamentos… Coñecemos os sanbenitos que se lles botaban e as supostas carencias, por elo nalgúns casos defendían as variedades “mellorantes” (o “gran” tempranillo para as ribeiras sacras por exemplo) Resignabanse a buscar a grandeza nos brancos, que recibían así todas as enerxías do seu facer.

Arguméntase agora, e con toda a razón, ainda que outros sempre o defenderon, que as variedades non importan, pídese deixar de falar con tanta insistencia delas, que son secundarias fronte o verdadeiramente importante que é o lar onde está o viñedo, cada cepa concreta, pero antes dese tempo ansiado no que as variedades pasarán a un segundo ou terceiro plano, tivo que haber outro tempo no que moitas desas castes foran postas en valor, porque cargaban cunha losa de menosprecio por algunha parte do oficialismo que agora tenta eludilas. Esta posta en valor, e recuperación en moitas delas, significou ademais de hectáreas moita literatura e liñas escritas, e moito discurso e palabras articuladas. As fases vanse sucedendo, e se primero recuperamos as variedades propias, logo viría a extensión dunha viticultura máis axeitada: integrada no medio, equilibrada, enfocada cara a calidade do bago… e máis logo as terriñas do viño (a súa delimitación máis racional) a conxunción do terroir e a expresión embotellada das máis excelsas. Unha organización xeográfica da vitivinicultura máis acorde coa potencialidade e a realidade dos territorios de Galicia.

Seguindo ese argumento do titular periodístico a moderna viticultura convencional tamén sería o revolucionario porque facilitou os labores vitícolas e fixoos economicamente sustentables. Implantada para desbancar as “pouco eficientes” e “arcaicas” arquitecturas vitícolas de artesanía popular (emparradiños e vasos de diferentes tamaños) e para non divagar sobre fases lunares, microfauna do chan… ou calquera outra supersticiosa “creencia acientífica” Unha viticultura orixinada en zonas máis acaidas para a mecanización e a producción extensiva, con menos sentido nun pais orograficamente complexo e xeográficamente diverso.

RAUL

Descubrir é atopar, ou despexar, un camiño que estaba agochado, que o sistema do viño non valoraba, e arriscarse a percorrelo.

Fora do Ribeiro, que ten unha dinámica histórica de viticultores-enólogos de raza claramente diferenciada, quen foron os que descubriron eses tesouros? quen foron os que embotellaron coa confianza de que serían grandes viños, sen os prexuizos doutros? de onde sairon os caiños, espadeiros, loureiras tintas, bastardos, monstruosas… e demais castes minusvaloradas ou esquecidas que romperon os esquemas establecidos… cos que sufrimos un shock… que nos puseron un sorriso na cara… que despertaron as nosas aburridas copas… que fixeron virar as miradas de fora cara os tintos desta esquiña atlántica? quen acreditaba que os tintos do pais poderían estar entre os máis demandados? quen embotellou unha viña diferenciada, unha parcela, unha paraxe? quen foron reducindo as manipulacións nos procesos recuperando outras maneiras de tratar unha vendima?… non foron os revolucionarios, foron os buscadores.

Pero falemos de viños, que etiquetas teñen levado a marca Galicia ó nivel no que se atopa (pola valoración independente e coñecedora de sumilleres, críticos, enólogos e amantes do viño en xeneral nos que acreditamos)… na resposta a esta pergunta pode estar a clave da verdadeira revolución do viño galego.

Así a todo a nosa revolución é a da emoción e a do placer de beber, non a da perfección enolóxica.

One Responsedescubridores/revolucionarios to “”

  1. pollito bien

    maquillemos, Baco xeneroso réditos da.