Ribeiras do Morrazo i.x.p.

As ribeiras do Morrazo xa son, vitícolamente, unha indicación xeográfica protexida.

Así, as bisbarras vitivinícolas atlánticas das rías máis baixas, forman agora un puzzle fragmentado en tres pezas regulamentarias, articulando un mesmo espazo xeoclimático:

  • Ría de Arousa: IXP Barbanza-Iria na súa ribeira norte e D.O. Rías Baixas coa “subzona” Val do Salnés na ribeira sur.
  • Ría de Pontevedra: D.O. Rías Baixas asomando pola banda de Sanxenxo e IXP Ribeiras do Morrazo na ribeira sur da ría (Marín e Bueu), na ribeira norte (Poio) e no fondo da ría (Pontevedra)
  • Ría de Vigo: IXP Ribeiras do Morrazo (Cangas, Moaña e Vilaboa) na ribeira norte da ría, cara sur da península de seu, e na sur (Redondela) e D.O. Rías Baixas no fondo da ría coa súa “subzona” Soutomaior.

Este gráfico coloreado, realizado por Xan Cambón da Asociación Galega de Viticultura, completa a descripción do entramado, ficando se cabe máis estridente e chirriante esta realidade.

Cando se anuncia un amparo oficial, sexa este do nivel que sexa, para un territorio, sobre todo cando non se posúe experiencia previa con el, xenera unha expectativa acompañado do desexo de comprobar e avaliar as súas características e calidades. A península do Morrazo e os concellos que a acompañan nesta andaina vitivinícola reciben esta distinción cunha realidade definida por unha viticultura de pequenas parcelas en lento pero continuo abandono, e unha producción destinada na sua maior parte ao consumo na propia zona ó traves dos furanchos, figura cun recoñecemento que ven de lonxe. Moitos viños, sobre todo os da parroquía de Cela (Bueu) posúen unha maravillosa autenticidade, aínda gardamos na memoria as sensacións e a emoción que nos deixaron os que probamos nas previas á Festa da Tinta Femia deste ano.

Actualmente a producción con posibilidade de ser comercializada redúcese a catro adegas: Os Areeiros (Vilaboa) Adega Ardán (Marín) ambas asesoradas polo enólogo Pablo Estévez, o furancho Reboraina (Redondela) e a adega do Mosteiro de Poio.

O Morrazo, territorio peninsular con microespazos dunha identidade inimitabel e unha potencialidade agochada polos que paga a pena involucrarse na sua defensa, na sua posta en valor con viños grandes, sen complexos. Para elo é necesario a actualización do rexistro vitícola e a recuperación e conservación das viñas tradicionais, piares dunha paisaxe singular e alicerce dos viños que a expresan con carácter e profundidade.

donon

Esta ixp nace nun momento no que acumulamos a experiencia destos anos de transición, ou revolución, de descubrimento do viño galego cara á busca do seu máis alá, fuxindo de viños standarizados, de viños indiferentes á orixe (a unha orixe non alienada) de viños confundibles entre si, faltos de espírito… de emoción. Ademais coñecemos a experiencia e a traxectoria doutras indicacións vitícolas, coma por exemplo Betanzos, que tardou anos en chegar a esta fase actual que están vivindo de viños prometedores e ilusionantes… no Morrazo deberíamos aforrarnos os erros e arrancar con ambición, ó ritmo dos grandes viños que xa están marcando o camiño.

Os comentarios están pechados.