Femia

A derradeira fronteira, o último límite… no extremo do mundoviño, onde máis alá, no gusto do viño, non hai outro.

Onde se despide o solpor sobre o océano no que navegamos, coa proa da gamela fuxindo de continentalismos e de mares interiores… co vento a favor do troco de climas.

Femia, a profunidade afiada dun cante jondo sen acento payo, o carácter salino que nos cobre a pel entre as tatuaxes e a memoria das tribus nómadas galaicas, a identidade irreproducible en ningures. Agarimo da ialma

Delicada bravura que esperta os sentidos adormilados, os gustos alienados, os tragos manoseados antes de tocar os beizos… tabú para a oficialidade da enoloxía, herexía para técnicos protocolarios, impronunciabel para os comerciais acomplexados.

Nada novo que non tiveramos pasado na historia recente do viño, deste pais e dos que nos rodean, historia relatada neste caderno dos bagos durante as súas dez anadas.

Entre as recentes transformacións, revolucións, rupturas ou transicións do viño en Galicia, e a semellanza do que vai pasar coa femia, recordamos, por exemplo, o pequeno calvario da Merenzao, ou as reaccións pola visceralidade dos primeiros caiños das rías atlánticas. Recordamos a expresión dos rostos e as verbas verquidas primeiro ó mirar a cor nunha copa e máis logo de que tivera pasado polo padal dos escasos merenzaos que empezaban a asomar. Calquera das súas peculiaridades sensoriais significaban unha penalización, inconsciente se queren, nos paneis de cata. Pares que foi hai moito… mais so pasou o que un tarda en cambiar de zamarra.

Recordamos tamén os xestos agrios e os fruncimentos do ceño ante os primeiros caiños do Salnés saidos á palestra en plena revolución do viño galego. Eran bravos de carallo, verdade?… agora non hai reparos e ninguén dubida en fotografarse con eles. Poderíamos seguir con outras das microhistorias da historia recentísima do viño galego, como por exemplo a incomprensión dos brancos das rías baixas (outra vez tamén do Val do Salnés, que así pasou a ser a apellatión máis dinámica e innovadora) que deixaban expresar e incluso reivindicaban sem ambaxes, con toda a lóxica e sentido común, a natural acidez vibrante e feliz da albariña

Tocounos contemplar con ledicia o paso destes rubicóns, a destrucción de prexuizos e dos mitos que nos ensinaran nas escolas do viño polas que poidemos ter pasado. As nosas copas e as páxinas deste caderno viviron estas fases da evolución (revolución) do viño galego, por iso cheiramos os camiños que percorrera a Femia. Por iso lucimos con orgullo o seu estandarte, e coidamos con devoción as súas cepas tradicionais… pola emoción e o placer que nos dan e que nos darán os seus tragos.

Asi a todo comprendemos aos que son incapaces de ver e cheirar máis alá dos copos que neste momento beben e lles sirven… ignoramos as mostras máis ou menos disimuladas de incomprensión, temos a certeza que no futuro serán uns máis dos namorados da Femia.

Deixa unha resposta