A Emoción nos Viños

Hai dous anos presentábamos a daquela V edición da Emoción dos Viños cunha mesa redonda nos Hostal dos Reis Católicos integrada por Dominique Roujou, Laura Montero, Xosé Luis Mateo, Bernardo Estévez, Sebio e Alfonso Losada

O obxectivo era escoitar as diferentes visións que sobre o viño e o que lle rodea existen en Galicia. Os debates polas redes favorecen os baixos instintos (descalificacións baratas, prexuizos, descoñecemento, egos, medos… reacción (reaccionarios) e nunca a confrontación fraternal de ideas e feitos, ademais moitos dos nosos protagonistas fundamentais, con acertado criterio, non participan nelas.

O corazón inmenso de Mateo latendo con seiva de raigames profundas, ancestrais. Latexo de terriñas que agardaban liberarse, atoparse, excálibur esperando ser erguido. Mateo será para este territorio o que significaron aqueles monxes de hai un milenio para a Borgoña.

Bernardo é a sensibilidade da terra, dese chan soporte e forxa dos viños que foron e esperanza dos que virán. Ten a dedicación monástica do culto ó chan, nengunha das tesis e demais letras escritas para a galeria e presentadas nos últimos anos por sesudos doctores, ou pretendentes delo, e institucións chegaran a una pinga do que significará o traballo de Bernardo para os viños que bebemos e nos emocionan.

Sebio ten cuberto sempre na vangarda todas as fases obrigadas, e necesarias, para chegar ate este punto no que nos asomamos cun sorriso nos beizos a un futuro prometedor. Fases que foron pulverizando preconceitos, nos que os recalcitrantes crian fielmente.

Dominique e Laura son a enérxica pulsión da enoloxía concebida e parida desde a viticultura, a sensibilidade e o saber ó servizo dun viño coa impresión do seu territorio. Un valor para os viños deste País

Falamos da busca da Emoción nos viños, da Emoción que vamos atopando no camiño, nas copas, nas persoas, nas paisaxes… mais tamén da agricultura máis natural que queiramos imaxinar, da recuperación das castes, de bisbarras vitivinícolas, da caracterización de zonas e solos, do viñedo encostado, do viñedo multivarietal, da fria planificación da época moderna….

e confirmamos quen nos emociona…

Os comentarios están pechados.