viñodinámicaArchive for the '' Category

pola Emoción dos Viños

Posted in viñodinámica on Maio 21st, 2013

Mirando botellas de territorios dotados dun sino identitario, dunha pegada diferencial ou dun adn gravado no rosto, coma os rasgos deses ollos con mirar de seu que nos remiten a un espazo xeográfico, a un clima, ou as tonalidades de pel que nos falan dun continente, ou coma os monumentos e edificacións que representan a determinadas vilas máis que os seus propios habitantes ou o pais ó que pertencen. Do mesmo xeito hai paisaxes, contornos, formacións naturais e sobre todo solos, que falan antecedendo ós viños que orixinan, viños que antes de seren verquidos nunha copa, desde a etiqueta da súa garrafa, transmiten no noso subsconscente, ó arquivo memorístico das emocións que temos vivido, os sinais que nos trasladan á terriña, que despertan as conexións algunha vez establecidas cun cheiro e cun trago entre os nosos sentidos e a emoción, sendeiro percorrido que so necesita unha leve insinuación para ser de novo iluminado e conectados os enlaces que rematan no pracer.

 

 

O sábado 15 de xuño no claustro da Catedral de Tui retomaremos os sendeiros que, algunha vez, nos teñen levado á Emoción…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Sebio

Posted in viñodinámica on Maio 15th, 2013

20 vendimas de Sebio, compatriota celtista de Vigo. Vigués tamén significa na gran maioría dos casos non ter antecedentes vitícolas. Esta ausencia significa carencia de herdanzas prexuizosas, condicionamentos transmitidos que arrastran os que manexan viñedos familiares, e dos cales tárdase un tempo máis ou menos longo en desapegarse e deixar descolgados.

20 anos que percorren a historia moderna e futurista do viño galego. Desde o pasado menos glamouroso, menos auténtico, pasado escuro enchido de complexos de inferioridade, coma foi o mesmo franquismo para o noso pais, ate esta fiestra aberta cara un futuro esplendoroso na que nos atopamos.

Nesas 20 vendimas, que atravesan a historia recente do viño galego, Sebio ten cuberto sempre na vangarda todas as fases obrigadas, e necesarias, para chegar ate este punto no que nos asomamos cun sorriso nos beizos a un futuro prometedor. Fases que van pulverizando preconceitos, nos que so algúns recalcitrantes técnicos de alto rango seguen crendo. Falamos de viños tintos que poden ser tan potentes como queiramos, sexan do noso gusto ou non pero pódese, á maneira das zonas idolatradas por este estamento do viño. Falamos da agricultura máis natural que queiramos imaxinar. Falamos da recuperación das castes que durante séculos, algún milenio tamén, poboaron os viñedos que pisamos, ocultas e proscritas por ese mesmo estamento que veneraba o alleo. Falamos de bisbarras vitivinícolas, da caracterización de zonas e solos, da volta ó viñedo encostado, ó viñedo multivarietal e non o apartheid xeométrico dos técnicos planificadores da época moderna.

O futuro oliveiro do país tamén debería escoitar o que Sebio sabe, antes de que sexa demasiado tarde e nos vexamos rodeados do monocultivo arbequino, converténdonos daquela nunha subrexión aceiteira e non nunha zona oliveira con identidade propia, coma fora durante centurias.

As 20 vendimas de Sebio en Bagos

Nas 20 vendimas Sebio foi cubrindo estás fases sen nengún tutor externo. Sabemos que neste país do viño hai quen necesitou a confirmación, o consello ou a luz de visionarios que si crían na potencialidade das terriñas e das suas castes. Houbo quenes si acreditaban no propio pero necesitaban a aprobación previa dos gurús que estaban ó día das modas do viño e coa súa afirmación aseguraban unha travesía fora do deserto. Tamén os hai que son quen de apreciar e valorar o bó e proveitoso que fan os demais para seguilos na mesma onda.

20 anos supoñen ter acollido nalgún momento todo o que sobre a cultura do viño se ten movido nese tempo. Nos 17 anos que levo dando tumbos nesta historia vínica, teño perdido a conta das veces que puiden ter pasado por Gomariz e escoitado e bebido historias, viñas e viños de Sebio: curso de sumiller, Máster de viticultura, xantanzas blogastronómicas, ciclo de vitivinicultura, Galizas on the roads, só ou acompañado… Todo o que se ten feito de cultura do viño ten pasado pola súa casa, e sempre recordo o mesmo agarimo receptivo sen importar a procedencia e o motivo da visita.

Para min, este ano é o ano de Sebio, por iso argallei unha reunión bebida na que poder escoitar e beber esta parte da historia viva do viño galego, do seu protagonismo e responsabilidade nesta historia recente, tempo que aínda temos a flor de pel. Noutras zonas alongaríase por decenios o que eiquí percorrimos en menos de dúas décadas.

Foi unha cata imposible de esquecer, seguramente foi a cata deste ano en Galiza, difícilmente repetible. Unha travesía vital por un sendeiro lóxico e natural, desde as primeiras vendimas en Rías Baixas (probamos un albariño do Salnés do 96) pasando polo período na EVEGA traballando con Paco Rego (unha luz vitícola na escuridade alienada) nun momento no que aínda non se estaba na eclosión dos varietais ancestrais nin dos seus descendentes, pero que Paco xa estudiaba e Sebio seguía. Percorreu o país das mil terriñas entre cepas perdidas de castes con nomes que nen sequera imaxinaba. Daquela época desfrutamos un caíño bravo que dun grolo lánzanos á prehistoria de nós… para amantes do carácter racial atemperado polo tempo.

Primeiro ano en Coto de Gomariz e primeira vendima ó seu cargo. A adega Coto deulle consistencia e seguridade técnica para non ficar parado e ir dando pasos, abrindo portas… e mercado.

Gomariz deulle o pouso que so os grandes terroirs do mundo poden dar. Habitar vitícolamente no espazo do viño, definido como tal, máis antigo da península, coa relevancia que tivo, territorio de histórico peso, repetado e recoñecido doquier fora, aporta un algo máis… a inercia da historia.

Pero Sebio, ademais de profundizar neste terroir do Avia, foi incorporando unha viticultura cada vez máis respetuosa co medio, incorporando castes perdidas, estraíndo o máximo potencial das existentes. Conscente que a Gallaecia vitivinícola tivo o seu verxel nas ribeiras de O Ribeiro, fixo o lóxico e natural: devolverlle castes como a tinta amarela (trincadeira en territorios máis sudistas) a carabuñeira, caíños varios…

Os Viños de Encostas representan a devoción pola esencia do viñedo. A orixe dun cultivo co berce nas ladeiras máis pobres, poboado pola multiculturalidade varietal, o poliglotismo na expresión, a racionalidade da mestura. Outro paso por diante do Sebio.

A conciencia dunha cultura que o cientifismo argumenta coma unha ecuación na que se poden controlar todos os factores para que o resultado sexa o que un quere. E seguen nesas lerias, gastando persoal, tempo e investimentos que pagamos todos, nos xeitos de adecentar o mediocre, mentres o banco reserva das castes autóctonas, con todo o traballo que costou instauralo, en calquera momento pode ser aniquilado por unha decisión política ou pola falta de cariño dos seus xestores.

Sebio desprega un abano de viños… extenso, 20 micromundos, un pequeno universo de galaxias, surcalo devagar é unha experiencia cósmica, unha travesía da que non se albisca o final…

Desde o clasicismo que significa o gusto Gomariz, esas notas que xa temos memorizadas, un adn que se desprega nunha copa para transmitirnos a interpretación que dese territorio fai unha adega, un vigneron, o través dos distintas rostos que nos mostran os seus viños.

Os Viños de Encostas empezan a marcar unha personalidade (futuro clasicismo?) que me piden outro espazo en solitario para seren bebidos e máis logo expresados. Unhas liñas eiquí sobre eles iban a resultar escasas e demasiado superficiais. Despois das sucesivas confirmacións do Hush ou do Salvaxe,  tamén nesta cata, ese día quédeime coas sensacións e o recordo do Wish…, a suavidade do tinto elaborado con Bernardo Estévez, e co ISE elaborado ó 50% con Ismael Gozalo (Ossian, Segovia).

Rematar co + Gomariz Licor Café… é o remache que nos confirma no que non adoitamos a facer: deberíamos comezar por louvar o que temos ó noso carón, e non ó contrario.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Castrelo, viños de parroquia

Posted in viñodinámica on Abril 29th, 2013

Parroquia de Castrelo, concello de Cambados. Complexo intermareal Umia-Grove. Mar de ría escondido tras da península de O Grove, habitado pola Illa de A Toxa. Telleiras e bechos mariños…

Nos seus lares, tumbadas á beira dos areais, cepas de albariña escoitan o rumor das mareas mentres esperan, todos os días, a luz do solpor.

No val do Salnés conviven viñedos de ideoloxía común e fogar acomodado con viñas únicas no mundo, da raza atlántica que levan os poboadores da ría.

Castrelo, cabo do mar, Salnés costeiro, parroquía vitícola nos areais de Cambados. Os viños de Castrelo nacen de albariña deitada sobre leitos graníticos, con xeitos de mariñeiro, de atardeceres frescos en veráns asolados. Viños que falan da beiramar: da baixa que descubre un leito rico e intenso e da alta inundando con aire fresco salino.

En Castrelo conviven tres vignerons de personalidades diferentes. Sonia e Xurxo comparten formación granxeira e orixes familiares vitícolas na parroquia, pero difiren nas maneiras coas que se relacionan co viño. Sonia Costa vai con pasos medidos, máis detallista, sen deixar cabos soltos. Con Xurxo Alba a improvisación e a sorpresa é posible. Canda eles Alberto Nanclares coida o seu viñedo e elabora os seus viños coa sensibilidade e o respecto dun autodidacta que se namorou dunha comarca na que non naceu pero onde atopou o seu lar.

As viñas de Sonia (Lagar de Costa) gozan das vistas máis privilexiadas e do mellor espazo para pasar uns días. Limpeza na paisaxe e nos viños, na conversa e no azul do ceo e da ría, na brisa do mar e no horizonte oceánico que se abre tras os areais de A Lanzada, do itsmo que antigamente non existía deixando que o Atlántico entrara co seu alento direto, salinidade que impregna, e coa súa luz de solpor, calor que non queima.

Os viños de Lagar de Costa transmiten Castrelo, a albariña que pace nos seus viñedos, coa personalidade que lles aporta Sonia: ese sorriso no medio dun falar suave e unha mirada limpa, viños de impacto sutil e comedido, escondidos detrás dunha timidez que o tempo vai abrindo para destapar as súas raigames máis profundas.

Albamar, a adega de Xurxo, nesta primavera do 2013 é un festín de solpresas ensinando a maxia das tres, catro… ou vai ti a saber cantas son as faces da albariña de pés na ría. As terriñas de Castrelo confabuláronse na vendima pasada para mostrárense desnudas na adega de Xurxo, e convertila por elo esta primavera, e denantes dos temidos ensamblaxes, nun santuario albariño, onde os devotos acudamos en peregrinación para conquerir o éxtase grazas á aparición da deusa Albariña, nai dos viños do solpor, con todas as formas iconográficas que as terriñas de Castrelo esculpiron: mineralidade granítica, salinidade costeira, frutalidade expresiva… Para o futuro ficará o pracer de mergullarse no que será Albamar 2012 tentando sentir e traducir esas diferentes almas da albariña… do mar dos Alba.

Nesta crónica escrita por Joan aparece unha descripción máis detallada do que un se pode atopar cando pasa pola casa dos Alba.

Alberto é calma, traballo paciente e busca, sen medo, e sen os remordimentos doutros, da expresión da esencia albariña. Eu achegueime á manifestación deste gusto “parroquial Castrelo” cos seus viños, foi o primeiro que me ensinou e destapou co seu Nanclares a identidade deste microespazo. Moitas veces é máis doado e rápido achegarse á alma de algo cando se fai sen experiencia previa, sen xeneracións pasadas contaminadas por prexuizos ou complexos de inferioridade. Así, sen saber moi ben que se busca, so coa observación do territorio: de como é o seu sufrir e gozar das estacións, como é a súa visión do poniente, cunha caste que se deixa querer, e a propia sensibilidade para interpretalo… nada máis, desta maneira esa identidade acabará por inundarnos, e nesa travesía está Alberto (Bodegas Nanclares).

dos mellores auguardentes e licor café que teño tomado, agora relíquias que Alberto xa non elabora.

Estas son as botellas que dunha ou doutra maneira falan do Salnés de Castrelo: Albamar, Pepe Luis, Alba de mar. Nanclares, Soverribas, Dandelión e Crisopa. Lagar de Costa, LDC  barrica, Maio, Viva la Vid-a.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Negueira, o val recuperado

Posted in viñodinámica on Abril 19th, 2013

No extremo oriental da Galicia oficial, no fundo dun val entre montañas maxestuosas, altivas e celosas do que acougan, atópase o concello de Negueira de Muñiz, habitado por menos de dous centos de persoas, escondido trala enormidade de A Fonsagrada, inserido na fronteira virtual astur. Negueira non figuraba no pensamento nin na imaxinación vitícola da gran maioria dos galegos, incluidos os abstemios do viño do país.

Mellor para os viños de Negueira, porque moitas veces acercamos ó nariz a unha copa, logo de observar con confianza, no umbral de confort ou de seguranza, a etiqueta e antes de mollar os beizos e deseguido o padal coa mente predisposta, condicionada polo fluxo de informacións visuais, escritas, escoitadas e experimentadas en maior ou menor medida, as veces con demasiada seguridade, incluso sobrados. Os ecos de toda esta “enciclopedia” de coñecementos van resoando ó mesmo tempo que algunhas moléculas volátiles van pasando pola pituitaria camino de seren, ou non, traducidas no arquivo odorífero da nosa memoria e que o gusto vaia impregnando as papilas desprendendo a maiores novos aromas, confirmando ou abrindo novos espazos de sensacións, pero sempre desde unha idea previa.

Negueira non existía na historia do viño que nos contaron, e máis logo contamos, desde que damos como aprendices os primeiros pasos neste labirinto vínico e ate que entramos na terceira fase de bebedores, máis espiritual e de sensacións máis alá do organigrama establecido, pasando pola de coñecedores resabiados e pasados de volta. Por iso os viños de Negueira aparecen libertos de calquera condicionamento previo. Acercámonos a ales vírxenes de todo prexuizo, so  sentindo o aire que circula polas reviravoltas das ribeiras, ascendendo polas ladeiras que acougan este val, cheirando a vida que crece desde ese solo especial, mirando a traxectoria do sol sobre os cumios do redor, describindo o curso do rio e escoitando ós homes que laboran a terra. So isto é o que antecede á degustación dos seus viños. Partimos das sensacións que nos da o terroir, coa mente limpa.

O río Navia ó seu paso polas parroquias de A Fonsagrada e de Ibias atravesa paraxes nos que a vide atopou un berce particular, onde medrar con confianza anada apos anada desde tempos que se atopan fora da memoria. Entre o frescor da montaña luguesa onde nace, na aldea de Busnullón, preto de O Cebreiro, e o húmido Cantábrico onde vai finar o seu curso, a conca do Navia posue terriñas acaidas para que as cepas de branca do país (branco lexítimo) tinto serodio e verdello tinto alardeen en viños singulares, os que teño probado sinalan unha personalidade propia, diferenciada en matices que o tempo irá definindo, do resto das zonas vitícolas galegas e dos veciños de Cangas de Narcea, denominación á que pertencen os viños de Ibias aínda que estes sexan máis semellantes ós de Negueira cos que comparten río e fondura de val, que ós de Cangas (das ribeiras do Narcea).

No seu descenso de 178 km cara o Cantábrico o Navia intervén, xunto coa altura das ribeiras, a orientación do val e a protección dos altos cumios, nun microclima de tendencia mediterránea: hai sobreiras (sofreiras como as denominan alí) madroños, oliveiras… difícil de imaxinar nestas latitudes e alturas.

Luz e calor dun sol enfocado por un val rectilíneo (norte – sul) bañado por un Navia que por estas terras de Negueira foi embalsado en 1950 pola presa de Suarna, cun coste moi elevado, incluso de vidas humanas, asulagando parte do seu viñedo. Val iluminado e percorrido por un río ó que se van asomando pequenas penínsulas entre meandros, tumbadas en prácidas pendentes mirando cara o mediodía, con ladeiras devotas do poniente e outras seguidoras do mencer, sobre solos de xisto a la maniera berciana ou de Amandi.

Vou penetrando desde os altos de A Fonsagrada, dos 900 metros ate os 400, abrazado por unha paisaxe que me trae os recordos das primeiras pateadas polos Ancares e polo Caurel, cando non existía o sendeirismo nin o xacobeo, coa ledicia resplandecente do verde brillo dos prados entre o máis apagado dunha floresta aínda infectada de eucaliptos, cos tonos morados das carqueixas e o orgulloso amarelo da flor do toxo, no fondo resprandece o limpo branco dos Ancares nevados.

Foi un pracer desfrutar dese momento nos que a paisaxe combina o quentiño despertar primaveral nos campos coa imaxen dos restos do frescor invernal nas montañas nevadas.

Cando un vai descendendo polas encostas das ladeiras que caen cara o Navia vai entrando en calor. Nestas alturas dun mes de abril húmido coma os de antano, que para alguén das rías máis baixas coma min sinte ademais fresco por Lugo e por A Fonsagrada, a entrada no val de Negueira é un ir quitando capas de roupa ate ficar en camiseta, e así colorear unha pel entumecida polos meses da invernía chuviosa nas praias de cara ó solpor. En poucos kilómetros pasamos dun vento fresco que azotaba nas partes altas e unha temperatura duns 15º á sensación confortable do calorciño primaveral, con 20º as doce da mañán na praza do concello de Negueira estaba desenvolvendose xa a terceira edición da súa Festa do Viño. Ezequiel Mosquera, o ciclista da nosa desaparecida equipa nacional que nos fixera acudir abandeirados para animalo en varias etapas da Vuelta do 2011, estaba a piques de ler o pregón.

Esta festa é froito da dedicación e fe nos viños de Galicia que amosa a Asociación Galega de Viticultura, alí co esforzo de Roberto Regal, X. M. Vilas e Paco Rego. Parabéns polo traballo realizado, e sobre todo agradecimento por todo o que significa, xa estamos a ver o froito… pero haberá máis.

Había viños da media ducia de colleiteiros que os elaboran dun viñedo que non pasa da 15 h., viños para tomar en “cachos” de madeira como se facía tradicionalmente. Entre os colleiteiros destaca Manuel Cancio que elabora os Panchín, únicos viños etiquetados da zona, nos que desde esta anada estará colaborando Roberto Regal. Branca do pais (branco lexítimo) que no depósito mostra unha opulencia prometedora, hai outra partida elaborada en barrica, agora repousando en aceiro, que… remite ós grandos brancos da Borgoña, si, opulencia multiplicada que deixa unha sensación de vida… case eterna. O verdello tinto, caste que Paco Rego relaciona co merenzao, opinión coa que discrepa Manuel Cancio, a min recordoume ó pedral por unha aromática perfumada de flor e herbas aromáticas cun fondo de froita vermella fresca, o seu paso pola boca semella o do suave discurrir dun manancial brillante cuberto de pétalos caidos.

Non hai outra, voltarei a este precioso val que engrandece todavía máis a Galicia do viño.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antonio / Xirpin / Barbanza

Posted in viñodinámica, viños on Marzo 29th, 2013

Ría de Arousa, anchura farta, fartura extensa. Un ElDorado de Nos

Costa desapegada de mesetas, co punto de mira noutros lares, nun solpor que sinala a orientación dos nosos soños. Un estar peninsular abalconado cara o oeste, de costas a entidades, e marcas, que non representan a súa autentica identidade. A conexión co Mediterráneo sempre fora polo mar, ó través da liña costeira dun Portugal melancólico, descendendo por beiras irmás de praias que soan coma nos. Mediterráneo asomado desde o poniente por un estreito que é Andalusí. Mas somos do Atlántico...

As rías baixas posuen dous espazos claves para entender a sua esencia, dous enclaves cunha personalidade apabullante, espantosa, e xeográficamente definida: unha península (O Morrazo) con vertentes abeiradas en duas rías (Pontevedra e Vigo) e unha ría (Arousa) con beiras en dúas vertentes: a norte do Barbanza e a surista no Salnés.

Morrazo e Barbanza foran xardíns de vides estendidas desde as ladeiras dos fachos ate a brancura dos finos areais, minerais e salinos, vexetados por castes singulares, esclusivas, apegadas ás terriñas graníticas acunadas polo Atlántico domado das rías.

Na banda dereita da ría de Arousa, vertente sur da península do Barbanza, e no concello de Boiro, hai duas parroquías (Abanqueiro e Castro) que, sendo un pequeno itsmo cadansua delas, forman xuntiñas unha única península inserida no medio do Mar de Arousa, na súa parte máis repousada (entre Boiro e Vilagarcía) fronte a parte máis oceánica situada entre a Illa de Arousa e a de Sálvora.

Abandeira, Castro con Esteiro e Cabo de Cruz ou Portomouro e O Chazo foron antano lugares navegantes entre mares de viñas, estensos agros poboados de raposos, albariños, caiños, brancellaos… e agora receptáculos da riqueza mariña, acuicultura que sustituiu á agricultura coa plantación de centos de bateas, e seguramente a proliferación máis grande de Europa de industrias conserveiras.

Antonio Saborido. Viña e praia en Esteiro

Antonio Saborido (Xirpin) controla parte do viñedo que resiste desde aqueles anos nos que a producción de viño no Barbanza era moi superior á de outras zonas, agora referentes, coma por exemplo o Salnés. Había barcazas que facían a rota desde Cambados para abastecerse de viño. Parte desas viñas, que moran á beira dos areais ou no medio dos pequenos bosques desta península boirense, acougan cepas centenarias, claro que entón prefiloxéricas, exemplares vestixio da antiga viticultura: de máis elevadas densidades, con emparrados baixiños (horreur!! parras: crencias antigas, supersticións do pasado) e tratamentos máis respectuosos co entorno. Aquela viticultura tradicional, perdida no tempo, contaminada en sucesivas fases desde hai decenios, ate que o desapego e o esquecimento da relación entre os modos de cultivo que buscan a máxima expresión dunha terriña é total. Viticultura que descoñecía os parámetros que seguen as técnicas modernas de implantación da mediocridade.  Os grandes viños do mundo están máis preto daquela viticultura, porque souberon coidar e preservar a transmisión da experiencia das sucesivas xeneracións de vignerons. Nos partimos de case cero, as veces de máis atrás ou de menos que cero. Aínda que haxa persoas ailladas, espalladas pola xeografía galega, coma monxes orantes coa terra (veño de estar na cata que deu Mateo en Bagos) preocupadas en interpretar o seu territorio, que nesta época que vivimos atópase coma un lenzo en branco, para chegar ás conclusións que o tempo ocultou.  Outras zonas non perderon no tempo esta aprendizaxe secular, gardáronna, e así levan unha velocidade constante sen voltas atrás, sen pasos errados, nen rectificacións que despexen o camiño á implantación da viticultura de “precisión”, de resultados light na expresión dos viños pero máis agresiva co medio, sen conexión coa terra, con parámetros industriais de costes de producción por hectárea, man de obra barata, mecanización e tratamentos con produtos que a alonxan todavía máis da calidade, do territorio… da emoción.

Raposo, centenario, prefiloxérico…

Antonio garda na memoria os espazos que foron da viticultura nesta península que nace no Barbanza e mora no Mar de Arousa.

Xirpin, viñedo que da nome ó viño. Solo areoso e francoareoso

O Xirpin branco é un viño baseado na caste local raposo (branco lexítimo, caracterizado polo seu potencial aromático, cecais un punto máis elevado que o albariño, e unha sensación en boca máis densa e de tacto graso) acompañada dunha importante porcentaxe de albariño e outro máis reducido de treixadura e godello. Os anos nos que o albariño reduce o seu aporte, como foi o 2012 (aínda en depósito) o Xirpin leva a impronta máis acusada do raposo, neste momento con flor de mimosa, néspero e outras froitas de oso e un paso menos vertical, máis amplo

O Xirpin tinto leva o nervo do caiño, a bravura do sousón, o agarimo do brancellao e unha mencía residual allea ás bisbarras atlánticas. O 2012 tamén deixou sen caiño ó tinto (o albariño é da mesma ponla que o caiño) desta maneira o Xirpin 2012, que repousa no depósito, manifesta o paso máis amable da mencía acompañado do carácter do sousón, pero sen perder o atractivo dun trago vicioso e namoroso.

Grazas Antonio, polo patrimonio que gardas e polos viños que nos ofreces.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

Beban máis viño!!

Posted in viñodinámica on Febreiro 27th, 2013

A vocación vitivinícola galega é a do viño de calidade. A historia do viño neste país, descoñecida para a maioría, situaba ó viño de Ribadavia coma o máis reputado, e caro, de toda Europa, era un auténtico signo de poder e de riqueza, o que convertía a Galicia nunha potencia económica. Isto era tan evidente, a súa calidade e a riqueza que proporcionaba, que o concello de Ribadavia vírase na obriga de elaborar o Foro de Ribadavia en 1579, unha especie de código regulador que ven sendo o antecedente máis antigo das actuais denominacións de orixe, para evitar prácticas que reduciran a súa calidade e preservar desta maneira a súa identidade fronte ós imitadores. Daquela so no Ribeiro había máis de vinte e cinco adegas, poucos séculos máis adiante xa estariamos falando de noventa, e de cento cinco lagares, ademais en Gomariz conservase unha adega de hai novecentos anos, seguramente a máis antiga da península. Pero estas non son as únicas referencias, os recentes achados cunha exposición itinerante argallada por Luis Paadín, de lagares rupestres estendidos por todo o país falan dunha vinicultura ancestral.

Outras denominacións máis afamadas e representantes no imaxinario do consumidor dos parámetros de “buenos vinos” polo tanto espello onde debe mirarse un viño, tinto claro, como Rioja ou Ribera del Duero, non eran nada no mundoviño hai ben pouco, a primeira ate hai un século escaso e a segunda ate hai menos de trinta anos.

Ás veces as ideas máis sensatas, coa simpleza do sentido común, incluso as máis racionais e evidentes coma esta da relación de Galicia co viño de calidade, e a pesares das referencias históricas que van saíndo á luz, seguen semellando pasionais ou desbaratadas.

No mundo do viño existen preconceitos establecidos que son superados pero moi lentamente, e moito máis nun país coma o noso con escasa formación para os profesionais encargados de difundir a súa cultura e o seu consumo saudable. Desta maneira, ademais de prolongarse no tempo estes esquemas preconcebidos, esténdense modas ocas que veñen e se van sen deixar pegada polo seu escaso bagaxe histórico ou cultural, e sen repercusión económica, agás para os reducidos grupos que as manexan ou que se lucran delas. A vitivinicultura galega vai ligada ó desenvolvemento económico e a mesma configuración do noso país. Miles de viticultores, centos de adegas, espazos rurais que se manteñen con algunha actividade grazas o viño, ese que aparcamos dos medios de comunicación, da formación e como consecuencia da nosa inxesta diaria.

Gastronomía e vitivinicultura compleméntanse multiplicando a súa repercusión e o seu valor. Deberiamos estar facendo, e bebendo, todo o posible para que aos poucos a gráfica do consumo se transforme nun perfil himaláico. Comecemos a montar os campamentos de altura para a ascensión, para a expansión do viño galego, estamos no mellor estado de forma desde hai séculos, non estraguemos todas as enerxías gastadas e o tempo investido en chegar a este marabilloso momento. Se hai I+D+i en gastronomía, esta estaría orfa sen o que representa o mundo do viño en Galicia.

Os consumidores libéranse máis rapidamente de prexuízos cando os profesionais do viño, os que o elaboran, o cultivan e o propagan, teñen conciencia e orgullo do pequeno tesouro que representan os viños de Galicia, para ademais  poder proxectarse no mundo con seguridade e confianza, valorizándoos como se merecen.

Proxectar viños nobres e auténticos, coa seguridade da súa herdanza histórica, reflexo dos seus mil matices: castes, paisaxes, enclaves, tradicións… e tamén da imaxinación e a creación.

colaboración en BenBo

Chuzame! A Facebook A Twitter

polos viños do solpor

Posted in viñodinámica on Xaneiro 25th, 2013

Cara ó solpor existe unha viticultura apegada á terriña, de esqueleto granítico e veas regadas desde o Miño ata o Ulla por mil regatos que rematan o seu camiño entre viñas para seren, co Atlántico, rías.

Desde a parte costeira ata os vales que descenden polo curso dos ríos atlánticos como o Ulla, o Miño, o Miñor, o Tea, o Umia ou o Verdugo, estas zonas foron conformando a oficialidade da D. O. Rías Baixas.

Pero tamén existen outros espazos máis de ría, máis baixos e moito máis atlánticos que a maioría dos territorios que forman parte desa denominación de orixe.

Cara ó Atlántico, co cabelo peiteado por unha brisa mariña de profundidade oceánica, cos pés abaneados polas mareas, mollados sobre cunchas… existe unha península entre rías cunha proa que enfila o horizonte do solpor coroada por un Facho, que é monte, de pegada telúrica.

O Morrazo constitúe un espazo vitícola inserido no medio da xeografía oficial da D. O. Rías Baixas, e faino ademais cunha riqueza sen igual nas outras subzonas desta denominación, cunha diversidade que poucas bisbarras ou comunas vitivinícolas posúen.

A cara norteña do Morrazo, bañada polas mareas atlánticas da ría de Pontevedra, acouga os viños das parroquias de Bueu, auténticos “Vins de Vila”, nomeadamente o val encovado que forma Cela coa presenza pontifical, esmagadora e feliz para pracer de nos da Tinta Femia (o caíño da terra que no Ribeiro Sebio e Bernardo coidan con devoción en Camporredondo e noutras viñiñas de por alí, ou a Zamarrica que Mateo puxo en escena  e os funcionarios minusvaloraron sempre, incomprendido para os talibáns dos IPTes) (IPT= Índice de Polifenoles Totais)

O Morrazo non é un territorio homoxéneo, residen no seu seo microespazos dunha riqueza e identidade definida, inimitábel, cunha autenticidade apabullante, como as terriñas dos tintos definidos e estilizados, frescos, atlánticos de pura cepa: son os tintos de Cela e doutras parroquias de Bueu, onde a Tinta Femia, cachorro ou batorro, da estirpe do caíño redondo, é o sinal de identidade, o estandarte dos seus viños.

Nesta mesma banda da península do Morrazo pero extremándose por fóra da Ría de Pontevedra está a Ría de Aldán, entre a illa de Ons e as Cíes, coma queréndose achegar a elas dun pequeno chimpo. Nesta pequena ría compartida por Bueu e Cangas moran preciosas viñiñas, unhas legado tradicional da cultura da vitis nas bisbarras atlánticas outras xa conducidas coa arquitectura moderna da viticultura: entre Vilaboa, Pintens e O Igrexario (parroquia do Hío) e Bon (parroquia do Beluso)

Pintens

A babor da península e co sur sempre á vista, xa asentados na Ría de Vigo e coa proa do Morrazo á súa costa repousa un viñedo que me namorou, si… só penso nel, e cando desde a Costa da Vela, nos lombos do Monte do Facho dos nosos antergos, miro o solpor caer amodiño entre as Illas Cíes… so podo matinar no viño que alí nacerá.

Desde os areais desta punta onde dominan as castes brancas coma o espadeiro branco (loureiro) e o albariño, acompañados da treixadura e do albariño portugués (torrontés) vamos pasando polo viñedo fragmentado que salpica todas as parroquias de Cangas e Moaña.

O Morrazo ten o seu entorno relaxado en Vilaboa, onde as viñas dormen na plácida adoración da ensinada de San Simón que coma unha lagoa pecha polo fondo a Ría de Vigo, o que mira ao mencer. Alí repousa o viñedo máis extenso, xunto co de Marín, desta península.

Entre os híbridos, aínda moi estendidos, e as castes autóctonas pululan variedades locais de nomes agarimosos: cachiño, néboa, ratiño, santiaguiño…

En todos estes microespazos peninsulares a parra baixiña, asentada sobre piares de granito e antes aínda por estacas de carballo, castiñeiro ou salgueiro, e conducida entre canas, vai deixando paso á moderna conducción de formigón e cables de aceiro, de xeometría matemática, coma garras rectilíneas na paisaxe, co ancho e altura facilitadores do labor e din que de algo máis.

O Morrazo é terra de furanchos e furancheiros, lugares sinalados por un ramo de loureiro pendurado onde é permitida a venda de viño despois de que este se teña vendido nas zonas “oficiais”, una singular tradición viñateira que ven do século XVI.

“Entre os séculos trece e dezaseis o viño vendíase tan ben coma o máis afamado de Ribadavia, mentres o litro deste estaba a 5 cuartos o do país estaba a 4. Antigamente estaban regulados polos concellos ou xurisdición a arrendo e impostos especiais. En cada Bairro podía haber dous ou tres. Os furanchos foron emerxendo dunha vella tradición, de feito hai constancia na Ría de Vigo dunhas Ordenanzas Municipais do 1605 das Vilas de Redondela e Vilavella sobre a exclusividade de venda de viño local durante 3 meses. A palabra furancho ven de abrir o “furo ancho” do pipo de viño e así colocar a billa para servilo na xerra ou na cunca. Nos anos 70 os furanchos proliferaban por toda a bisbarra e moitas veces acababan o viño en poucas semanas, entón tiñan que pechar ata o ano seguinte”. (fonte: Asociación Galega de Viticultura)

Don Alvaro Cunqueiro citaos desta maneira: “Punto y aparte para la península del Morrazo, no porque allí bebamos vinos ilustres, sino porque allí mano a mano con Maumau, con Agustín Cela, co tío Juanito, con José Castroviejo, con Juan Santos Ríos Vino de temperán, que da fuerza viril; blanco del tío Juanito, alegre y largo, vinos del Casal de Acuña, que corrían tras lo ancho, vinos taberneros…”

No Morrazo hai un paraíso de finas areas brancas en praias asoladas, luminosas postas de sol entre illas cercanas co horizonte de noso a marcar a travesía. Neste borde vibrante e pracenteiro da Galiza aprendemos a soñar e acumulamos a enerxía necesaria para ir Máis Alá… sempre.

A tinta femia será un dos seus brebaxes que nos inspire cando os medradores e os mediocres retrasen o avance de Nos.

Traslada a súa figura con brío pola boca, limpa, nada enturba nin contamina a súa esencia, nada a distraer o paso do seu grácil corpiño… coma un manancial do Morrazo que fresquiño, vibrante e acelerado baixa ata a ría.

Leva un aire de antano, de xogos lixeiros na eira, entre frutiños silvestres que morden na boca e herbas para chupar con sabores cítricos.

Nesta península entre rías a vitivinicultura esta orfa, sen amparo regulamentario protector e difusor de ningún tipo.

Pola súa banda a denominación de orixe Rías Baixas abrangue cinco subzonas, onde tres delas son ribeiras de ríos: a do Ulla e as do Miño ó seu paso por O Rosal e por O Condado e só unha subzona está na beira dunha ría, pero so nunha das súas bandas, a outra é O Barbanza, con indicación de Viño da Terra de seu.

Resulta evidente que por xeografía, viticultura e tradición O Morrazo vitivinícola é Rías Baixas. De feito era una das comarcas vitícolas, denominada como “Fondo da Ría de Vigo e Morrazo”, referidas nunha Orden publicada no B.O.E. en 1979 que foi dando orixe co tempo ás diferentes denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de viños da terra (daquela so existían O Ribeiro e Valdeorras). Todas esas comarcas que aparecían nesa orde: O Salnés, Baixo Miño, Condado do Tea, Verín, Bolo, Celanova, Ribeira do Sil, Val do Mino, Quiroga, Chantada, foron atopando dun xeito ou outro o seu amparo agás o Morrazo e seu arredores.

Por todo isto súmome desde eiquí o labor da Asociación Galega de Viticultura que xunto ás asociacións vitícolas da zona están á procura dun artellamento regulamentar para esta bisbarra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Lonxevidade / IV Cata das Añadas Rías Baixas

Posted in viñodinámica on Xaneiro 13th, 2013

Continuo revisando entradas do viticólogo para BenBo, no seu tempo podían semellar  ensoñacións pero…, nesta ocasión, e antes da crónica do que me pareceu a IV Cata das Anadas de Rías Baixas, a lonxevidade.

A enorme riqueza varietal e a variedade de solos e microclimas conxugados coas diferentes técnicas enolóxicas orixina as múltiples posibilidades que se dispoñen para elaborar un viño.

Na enotecnia xunto ás continuas innovacións que se van aplicando, ás veces de xeito indiscriminado, tamén se recuperan sistemas de elaboración tradicionais perfeccionados.

En canto a materia prima, as variedades de vitis vinifera diferéncianse polas súas características que definen as potencialidades de cadansúa delas para seren elaboradas; así clasifícanse entre outras cualidades pola carga aromática e tamén se poden distinguir variedades con vocación de durar no tempo, adquirindo co envellecemento outros matices, gañando complexidade e profundidade.

Do albariño é coñecida entre outras a primeira cualidade, mais sobre a súa lonxevidade pesaban moitas dúbidas, sobre todo para os consumidores finais do viño nos que funciona/funcionaba  a regra do “albariño do ano”.  Ano apos ano este prexuízo, asentado durante os derradeiros decenios, vai perdendo fieis  gañando adeptos pola contra a confianza na guarda do viño branco destas terriñas, sen importar que a etiqueta refira unha anada pasada un, dous, tres anos ou… Unha vez que se asente está crenza verdadeira pasaremos a outra na que seguramente os viños mellor valorados serán aqueles máis lonxevos de anadas excepcionais…

Vamos dando tombos, estivemos a piques de mandar ás coleccións ampelográficas numerosas variedades autóctonas, algunhas delas cun presente puxante coma o godello pero que chegara a ficar reducida a unhas poucas hectáreas, pasando logo pola teima das variedades mellorantes, no noso caso reducida, a Deus grazas, ós tintos. O tombo que nos ocupaba estes anos pasados era o da “crianza” do albariño, tempos e anadas investidas en pasar pola madeira a unha variedade de elevadísimo potencial aromático e acusada personalidade, que na grande maioría das ocasións ficaba reducida, ou máis sutilmente non deixaba outro recordo que os da madeira, cando non o do simple taboleiro golpeando as papilas e a pituitaria, e a do seu prezo a conciencia.

Pero avanzamos e a esencia das cousas e o sentido común remata por aflorar, os charlatáns fican mudos e os que non teñen argumentos… pois imitan, como en todos os sectores da vida. Agora estamos en condicións de afirmar que todo é posible con esta caste, entre outras, coma a dozura ou as burbullas, e con máis argumentos aínda as crianzas axeitadas: por tamaños, usos e procedencias das madeiras empregadas. Aínda que siga habendo prescriptores, sobre todo non galegos, que defendan a idea da incompatibilidade do  albariño coa madeira; normal, foron demasiadas anadas educados noutros conceptos desta variedade,  nembargantes de cando en vez sorpréndennos viños desas anadas, que sen ser elaborados con vocación de duración no tempo, móstrannos o seu potencial de envellecemento, a súa face lonxeva.

Así a todo os que sempre rexeitaron o contacto do albariño coa madeira teñen optado desde hai tempo pola crianza sobre lías, sobre todo en depósitos de aceiro, as veces con procesos demasiado extractivos ou “liosos” que aburren ate o apuntador por uniformizar en aromas e paso de boca e ocultar o carácter máis primario e a orixe de moitos deles, pero nos que afinan con este tipo de elaboración os resultados son de gran interese para a lonxevidade e as cualidades dos viños:  viños vellos que non teñen contacto coa madeira buscando o potencial de envellecemento que posúe o albariño e que foxen do consumo inmediato do ano.

No caso dos adeptos ao paso por madeira os experimentos teñen pasado polo tamaño dos recipientes, de menor a maior capacidade, polo número de usos dos mesmos, de novos a ter máis dun uso, polo momento do paso pola madeira: na fermentación, na fermentación maloláctica, nas dúas, nas anteriores fases máis na crianza, na crianza só, etc. Os resultados son viños con máis integración viño – madeira, con esta xa nun segundo plano, e unha evolución que disfrutaremos co tempo.

IV Cata das Anadas Rías Baixas

Nas zonas vitivinícolas onde aínda estamos albiscando as nosas potencialidades, onde  anada apos anada imos descubrindo novos retos e unhas metas máis elevadas, son fundamentais, para iren cara á máxima expresión do que somos e do que podemos chegar a representar no universo do viño, actos como a Cata das Anadas. Unha cata para presentar e ir asentando no mundo viño, e así chegar ó imaxinario do consumidor final, ás verdadeiras facianas, e non a dos prexuízos, dos viños das Rías Baixas.

As grandes catedrais do viño xa teñen percorrido este camiño hai séculos grazas á transmisión xeneracional , e ó labor monástico, marcando un guieiro que os sucesivos relevos de labradores de viñas souberon aproveitar.

Galicia, e sobre todo a denominación de orixe Rías Baixas, ten un potencial agochado, nunca posto no seu auténtico valor, potencial sepultado pola falta de autoestima e o descoñecemento do propio, buscando noutras entidades culturais ou vitícolas as súas referencias.

Estamos inseridos nun proceso emocionante, vivimos momentos de traballo, de construción do que seremos, de asentamento dos piares sobre os que descansará o futuro máis esplendoroso dos viños das Rías Baixas e de toda Galicia.

A Cata das Anadas fai visible, visualiza, centra o obxectivo e fai que os focos alumeen nun dos factores que porán ós viños brancos das Rías Baixas ó mesmo nivel dos grandes brancos do mundo: a súa lonxevidade.

Este obxectivo require viticultores, elaboradores e organismos á altura de tal propósito. Non valen elaboracións mediocres ou destinadas a cubrir o expediente, é necesario aplicar as suficientes doses de ambición que nos vaian trasladando máis alá.

Nesta IV Cata das Anadas comprobamos o que xa sabemos: que o terroir da Rías Baixas, orixinado pola conxunción de castes adaptadas ós seu microclimas e ós seus solos, e quen de dármonos viños que co tempo alcanzan niveis de complexidade e elegancia que os han de levar ó Olimpo dos viños. So faltaba o último factor da ecuación dun terroir: o home que o interpreta.

Asimesmo tamén temos comprobado nesta edición da Cata das Anadas que hai viticultores e elaboradores que necesitan uns grados máis de ambición…  senón han ficar rezagados ou descolgados nesta viaxe que xa non ten volta atrás.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Identidade.En BenBo

Posted in viñodinámica on Decembro 23rd, 2012

Acaba de sair en papel, na web levan xa un tempo, o primeiro número da revista atlántica de gastronomía BenBo, interesantísimo e sobre todo necesario proxecto dirixido por Miguel Vila Colineta. Teño o privilexio de poder colaborar con eles, e a primeira tanda será unha revisitación, e no seu caso actualización, dalgunhas entradas deste caderno da esencia dos bagos.

Esta foi a segunda colaboura na páxina web de BenBo revisitando un post de febreiro do 2008, mimá!!! vai para cinco anos, titulado Identidade. Esta identidade da que escribía ten algo que ver co parámetro denominado “Tipicidade” que desde hai tempo está presente na maioría das fichas de cata e na totalidade dos paneis de cata dos distintos consellos reguladores, e veño de escoitar na radio que tamén na “Guía de Vinos y destilados de Galicia” que ven de ser publicada. Dicía que ten que ver pero desde unha perspectiva non estancada nun presente que todavía non reflicte a auténtica esencia dos territorios, nin as potencialidades de chegar máis alá que teñen, que seica serán a tipicidade do futuro ó que imos chegar. Para min a tipicidade é un continuum  ir na busca da autenticidade, da esencia dun territorio, non é un dogma, nos paises de tradición vitivinícola desaparecida nas estelas da imaxinación e dos nosos antergos, como é Galicia, non é unha refencia estable, é máis ben unha pescuda na personalidade das terriñas e das súas castes. Todos coñecemos multitude de casos de viños descalificados por paneis de cata entrenados na busca de defectos e supostas tipicidades que so existen nas súas ortodoxias, e sempre os máis castigados son os viños máis avanzados, que no noso caso son aqueles que máis se acercan á tradición, aos viños de antano, aos que deberían ser por definición o modelo da tipicidade, se esta existira, ou viños que dentro das potencialidades das varias personalidades dos nosos territorios, exploran todas as súas posibeis expresións.

Esta foi a colaboración:

As pegadas da terra e do home que a traballa foron, e aínda o son, facilmente enlousadas polo cemento das elaboracións ultraintervencionistas e voluminosas, do viñedo extensivo de concentracións forzadas e parámetros produtivistas co obxectivo de cubrir unha demanda xerada artificialmente, na que o marketing foi o que fixo de locomotora dun tren virtual que se ia improvisando en marcha.

Na actualidade o consumo de viño, axudado no seu descenso vertical por modas pasaxeiras, que so serven para encher o bandullo dalgúns e o escenario de parafernalias valeiras para espectadores amantes dos fogos de artificio, a demanda do consumo xa non é desculpa para encher os andeis de viños en serie, sen identidade. Mais ben haberá que ganar de novo os escaparates, as portadas, as copas, os bares, as tabernas, os pubs, de noite, de día, sos ou en compañía… con copas de viños que nos animen a beber polo seu discurso próximo porque sexa traducible en recordos, para estimular o espírito e, no seu caso, emocionarnos e darnos pracer.

Daquela cando atopabamos un viño con esencia, sensacións que, de súpeto, adurmiñados os nosos sentidos tras milleiros de grolos anodinos e clónicos, facíanos revivir recordos gardados na memoria ademais de provocar que un riso de satisfacción e de plenitude se nos plantara na cara, pero, ó mesmo tempo que nos ilumina esa luz escondida pola sucesión de viños estandarizados, non podemos evitar o pensamento de ter perdido enerxías, tempo, investimentos ….

O único camiño que no mundo do viño non ten data de caducidade é o da autenticidade, é dicir o da fidelidade á vocación dunha terriña, das súas castes, do seu clima e da experiencia, no noso caso a miúdo contaminada, de xeracións de viticultores.

Identidade que significa o reflexo da orixe, da pegada da terra, do seu espazo xeográfico (solos, vales, pendentes, formacións naturais, cercanía ao mar, a un río…) da tradición revisitada con fundamentos e respecto, e tamén da personalidade que lle imprime un facedor cando, ademais de respectar ás características particulares desa anada concreta e as mellores potencialidades das súas variedades, lle aporta pinceladas da súa personalidade, froito da súa experiencia, da inspiración ou do simple deixar facer á natureza.

Pódese trocar o que a natureza ten definido nun territorio e que se reflicte en todos os ámbitos da súa existencia, sen que con elo se transforme a esencia mesma do produto, cando o mesmo subconsciente da xente garda gravado a herdanza dos sabores de antano, todas as experiencias de xeracións trazadas no respecto e na lectura da súa terra?.

O minifundismo ten sido considerado na historia contemporánea como unha penalidade que Galiza soporta. Certo ou non o camiño debería ter sido o aproveitamento e explotación do que potencialmente ten de positivo, sobre todo neste mundo vitivinícola con situacións xeoestructurais parecidas caracterizadas pola diferenciación de terroirs e a busca da excelencia.

Este espazo vitivinícola, de mil microclimas, de pegada atlántica, coa súa frescura, que non significa acidez, no minifundismo entendido como microespazos ou microuniversos no sentido das grandes catedrais vitivinícolas do mundo cos seus crus e climats, pero para chegar a algo parecido ao que eses pedazos de chan representan, aínda fica a delimitación e clasificación das vilas, lugares e paraxes.

Chuzame! A Facebook A Twitter

San Fiz. Pero Bernal

Posted in viñodinámica on Decembro 14th, 2012

Hai terriñas excelsas, deseñadas pola natureza para dar orixe a viños que transcendan, que nos ensinen algo máis, ou nos trasladen máis alá, e que leven polo mundo adiante a esencia da paisaxe das mil terras de Galiza.

No seo das indicacións regulamentarias que temos na actualidade (cinco denominacións e tres viños da terra) e dentro das diferentes subzonas, vales, ribeiras ou parroquias que estas posúen, existen terriñas que pertencen ó liñaxe dos grandes terroirs do mundo. Moitos deles agochados durante decenios baixo viños mediocres que pregan por un vigneron que destape e libere a esencia da terra, dos cepaxes e do seu climat nunha botella e dela ás nosas copas.

Para descubrir moitos destes territorios, nun labor como a dos arqueólogos que len entre castros e demais achados a milenaria historia de nos, acudimos nalgúns casos ás sempre certeiras palabras dos nosos devanceiros baseadas nas súas experiencias amantes e devotas do país. Falando de viños don Álvaro Cunqueiro axúdanos a descubrir e no seu caso confirmar por medio da súa lupa grandes terriñas do viño. Hoxe San Fiz:

Miño abaixo, está o país de Chantada, cos ribeiros miñotos de Asma e de San Fiz, coas viñas de Belesar: aquí melloran os viños, máis os tintos que os brancos, e hai cepas de caíño – de caliginus, é dicir, escuro, fusco-, e de mencía, a boa leonesa. Para min, os mellores son os tintos de San Fiz, que as monxas de Chouzao mandaban ás súas irmás de San Paio de Antealtares, en Compostela. Son moi serios estes viños chantadinos, cun corpo levián e suave, e aínda que tintos pódense beber frescos, co frescor das adegas da ribeira dereita do Miño en Belesar. Eu recordarei sempre dun día que fun acolá, e estaba enchendo o embalse de Belesar, e xa cubriran as augas a vella ponte, que parece que foi romana e logo refeita nos días medievais, e da tona das augas aínda xurdían as ponlas duns pexegueiros, floridas en roxo, que era comezos de maio, e eu bebía do viño da adega, sentado á porta desta, e parecíame melancólico, pero a tristeira era miña, de ver tanta terra e aquelas flores roxiñas afogar nas augas escuras da presa…”

Nos tempos que andamos, algúns levamos as alforxas valeiras máis o espírito enchido, e sobre todo nos tempos cara onde nos diriximos: tempos onde se definan con plenitude os vales e as ribeiras sacras, vales e ribeiras de ríos diferentes que atravesando estes espazos sacros os moldean, con solos distintos acollendo as súas raizames, de variadas orientacións para mirar o sole cos aires que lles achega o atlántico sinalando temperaturas e choivas diversas, nese tempo sentiremos algo parecido ó que enchía a cunca do Cunqueiro, daquela a expresión da Ribeira Sacra de Chantada terá unha identidade que agora xa vamos intuíndo en moitos dos seus viños. Unha demostración deso foi a Feira do Viño de Chantada deste ano, á que non puiden asistir, pero que as crónicas refiren de grandes promesas vínicas.

Pero Bernal 2010. Mencía. Adegas Amedo. San Fiz (Chantada). D.O. Ribeira Sacra

Conxuga moras e vermellos froitos coas herbas aromáticas balsámicas e pequenas flores silvestres no ambiente do campo a media mañá. Entra pola boca coa sensación suave da froita madura na entrada, que cedo é frescor polo seu paso acompañado dunha tanicidade rugosa e a unha agradecida acidez.

colaboración para BenBo

Chuzame! A Facebook A Twitter