viñosArchive for the '' Category

Antonio / Xirpin / Barbanza

Posted in viñodinámica, viños on Marzo 29th, 2013

Ría de Arousa, anchura farta, fartura extensa. Un ElDorado de Nos

Costa desapegada de mesetas, co punto de mira noutros lares, nun solpor que sinala a orientación dos nosos soños. Un estar peninsular abalconado cara o oeste, de costas a entidades, e marcas, que non representan a súa autentica identidade. A conexión co Mediterráneo sempre fora polo mar, ó través da liña costeira dun Portugal melancólico, descendendo por beiras irmás de praias que soan coma nos. Mediterráneo asomado desde o poniente por un estreito que é Andalusí. Mas somos do Atlántico...

As rías baixas posuen dous espazos claves para entender a sua esencia, dous enclaves cunha personalidade apabullante, espantosa, e xeográficamente definida: unha península (O Morrazo) con vertentes abeiradas en duas rías (Pontevedra e Vigo) e unha ría (Arousa) con beiras en dúas vertentes: a norte do Barbanza e a surista no Salnés.

Morrazo e Barbanza foran xardíns de vides estendidas desde as ladeiras dos fachos ate a brancura dos finos areais, minerais e salinos, vexetados por castes singulares, esclusivas, apegadas ás terriñas graníticas acunadas polo Atlántico domado das rías.

Na banda dereita da ría de Arousa, vertente sur da península do Barbanza, e no concello de Boiro, hai duas parroquías (Abanqueiro e Castro) que, sendo un pequeno itsmo cadansua delas, forman xuntiñas unha única península inserida no medio do Mar de Arousa, na súa parte máis repousada (entre Boiro e Vilagarcía) fronte a parte máis oceánica situada entre a Illa de Arousa e a de Sálvora.

Abandeira, Castro con Esteiro e Cabo de Cruz ou Portomouro e O Chazo foron antano lugares navegantes entre mares de viñas, estensos agros poboados de raposos, albariños, caiños, brancellaos… e agora receptáculos da riqueza mariña, acuicultura que sustituiu á agricultura coa plantación de centos de bateas, e seguramente a proliferación máis grande de Europa de industrias conserveiras.

Antonio Saborido. Viña e praia en Esteiro

Antonio Saborido (Xirpin) controla parte do viñedo que resiste desde aqueles anos nos que a producción de viño no Barbanza era moi superior á de outras zonas, agora referentes, coma por exemplo o Salnés. Había barcazas que facían a rota desde Cambados para abastecerse de viño. Parte desas viñas, que moran á beira dos areais ou no medio dos pequenos bosques desta península boirense, acougan cepas centenarias, claro que entón prefiloxéricas, exemplares vestixio da antiga viticultura: de máis elevadas densidades, con emparrados baixiños (horreur!! parras: crencias antigas, supersticións do pasado) e tratamentos máis respectuosos co entorno. Aquela viticultura tradicional, perdida no tempo, contaminada en sucesivas fases desde hai decenios, ate que o desapego e o esquecimento da relación entre os modos de cultivo que buscan a máxima expresión dunha terriña é total. Viticultura que descoñecía os parámetros que seguen as técnicas modernas de implantación da mediocridade.  Os grandes viños do mundo están máis preto daquela viticultura, porque souberon coidar e preservar a transmisión da experiencia das sucesivas xeneracións de vignerons. Nos partimos de case cero, as veces de máis atrás ou de menos que cero. Aínda que haxa persoas ailladas, espalladas pola xeografía galega, coma monxes orantes coa terra (veño de estar na cata que deu Mateo en Bagos) preocupadas en interpretar o seu territorio, que nesta época que vivimos atópase coma un lenzo en branco, para chegar ás conclusións que o tempo ocultou.  Outras zonas non perderon no tempo esta aprendizaxe secular, gardáronna, e así levan unha velocidade constante sen voltas atrás, sen pasos errados, nen rectificacións que despexen o camiño á implantación da viticultura de “precisión”, de resultados light na expresión dos viños pero máis agresiva co medio, sen conexión coa terra, con parámetros industriais de costes de producción por hectárea, man de obra barata, mecanización e tratamentos con produtos que a alonxan todavía máis da calidade, do territorio… da emoción.

Raposo, centenario, prefiloxérico…

Antonio garda na memoria os espazos que foron da viticultura nesta península que nace no Barbanza e mora no Mar de Arousa.

Xirpin, viñedo que da nome ó viño. Solo areoso e francoareoso

O Xirpin branco é un viño baseado na caste local raposo (branco lexítimo, caracterizado polo seu potencial aromático, cecais un punto máis elevado que o albariño, e unha sensación en boca máis densa e de tacto graso) acompañada dunha importante porcentaxe de albariño e outro máis reducido de treixadura e godello. Os anos nos que o albariño reduce o seu aporte, como foi o 2012 (aínda en depósito) o Xirpin leva a impronta máis acusada do raposo, neste momento con flor de mimosa, néspero e outras froitas de oso e un paso menos vertical, máis amplo

O Xirpin tinto leva o nervo do caiño, a bravura do sousón, o agarimo do brancellao e unha mencía residual allea ás bisbarras atlánticas. O 2012 tamén deixou sen caiño ó tinto (o albariño é da mesma ponla que o caiño) desta maneira o Xirpin 2012, que repousa no depósito, manifesta o paso máis amable da mencía acompañado do carácter do sousón, pero sen perder o atractivo dun trago vicioso e namoroso.

Grazas Antonio, polo patrimonio que gardas e polos viños que nos ofreces.

 

Chuzame! A Facebook A Twitter

As Furnias

Posted in viños on Marzo 20th, 2013

Na beira do Miño, cando este atravesa a parroquía de Ribeira (Crecente), está o viñedo As Furnias. Neste tramo o pai Miño, despois de deixar poucos km atrás O Ribeiro, e aínda máis lonxe ladeiras que son sacras, comeza o seu treito derradeiro, cara ó mar que acouga os solpores atlánticos.

Os galegos adoitamos mirar este final do Minho como un límite que sinala o noso sur, a historia ten transformado o que foi, e é xeograficamente, o eixo central dun espazo cultural e vitivinicola común, para convertelo nunha fenda que quixera separar este pequeno organismo esquiñado, proa atlántica de viños forxados con castes comúns e microclimas de tantos nomes como terriñas hai pero apelidadas do mesmo xeito.

Cando o Minho atravesa as parroquías do concello de Crecente recibe tamén a mirada das freguesías de Melgaço, asoman as terras que levan o seu nome para identificarse no Portugal dos vinhos e no administrativo.

As Furnias é un viñedo deseñado por Juan Arjones: son 7000 cepas por hectárea nun terreo en pendente norte sur, que desde o leste, onde está o brancello, trae unha curva aperaltada que mira o nacente, e pola banda oeste, alí medra a touriga e o sousón, tumbase para despedir os últimos raios. Polo medio os caiños (longo e da terra) e o espadeiro. Piñeiros cercan o redore, asi a todo o sol ten via libre para se reflexar e multiplicar a súa luz no espello do seu chan, porque o que define o solo é que entre o dominante arxiloso asoma a beleza do cuarzo, desde os pequeniños cristais espolvoreados polo chan ate algunha pedra que non se deixa coller. Viñedo que repousa nun solo dominado por este compoñente mineral, nunha comarca granítica que nas beiras do río está dominada polos restos aluviais de conglomerados, pedras redondiñas que se atopan nos viñedos próximos pero que en As Furnias, así chamado polas simas, furos ou furnas que había no terreo e que tuveron que ser nivelados, non hai. A explicación pode ser que nesta altura do seu curso por O Condado o Miño fai un quebro virando cara o oeste, vindo do norte torce, pola presenza das estribacións da Serra da Peneda, na busca do océano.

As Furnias é un viño tinto de O Condado, sen contraetiqueta Rías Baixas, que leva as castes tradicionais desta bisbarra miñota, baseado en varias viniñas controladas por Juan, unha delas abeirada na casa familiar, e mentres non entre en producción a viña As Furnias, na que ese solo peculiar con esas castes nese microclima á beira do Miño… prometen conxugarse na máxima expresión. Juan manexa esta ecuación de factores co instinto e a sensibilidade dun vigneron apegado á terriña.

2o11

Agarimo e frescura, así deixase querer, como nos gusta beber, con grolos profundos que piden o enchido da copa unha e outra vez, con aromas que non se achegan incisivos senón envolventes, para recordar a primavera das froitas vermellas e negras, do campo brillante e do solo vivo, a primavera que ven agora pero que xa non será como aquelas…  aromas de ledicía e de recordos…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Loureiro

Posted in viños on Marzo 9th, 2013

A loureira… un dos seus rostos namora, cando ele aparece non vacilo (nin desfallezco), daquela Dionisio séntese orgulloso de min, pero tamén Apolo. Beleza nas formas e fresco agarimo dun corpiño que non deixo de corresponder unha e outra vez. O viño cumprindo a súa función milenaria de amante, de ser amado, de seren bebido sen descanso, para hidratar, para celebrar, para soñar, para recordar e acordar, para a emoción… se cadra.

E cadrou, fun hidratado, amei e sentinme amado, emocioneime e máis logo soñei. Para celebracións futuras e para compartir xa me teño feito cunha caixiña.

Espiral que xira coma un trisquel, hélice de tres lamas envolvéndome sucesivamente nas tres capas que exhala: a máis sutil e volátil dunha flor esquiva, que se vai e volve con suavidade, a segunda de froitas, máis estable e estensa, lenta pero firme, e a terceira que pon o fondo do esceario cun prado, verde e luminoso, onde nos tumbamos a mirar o ceo, coa flor no cabelo e os beizos mollados con bicos vivos de frescura, finos de volume, impregnados dunha sensación agarimosa que rodea o padal. Refresca, ilumina a boca, convida a beber.

A do 2011 foi a miña terceira e última vendima en A Granxa. Non estuven moi pendente dos acios brancos porque me permitiran seleccionar bagos tintados para unha elaboración tradicional, xa saben maneiras que escapan dos protocolos academicistas, e nos que se adoita caer despois dunha instrucción técnica, cando os máis despertos comezan a desaprender para, desta maneira, ser máis libres, abertos á inspiración, á volta á orixe, ós nosos antergos…

Cando unha adega normal, digamos que con elevada dose comercial, xoga con estos factores: ausencia de viños de loureiro (so hai un en Galicia), producción reducida a mil e pico botellas, que unha parte da vendima fora criomacerada (16 h.) e outra fora de “xeo”, e que fermentara (a 16º) con lévedos seleccionados no propio viñedo, pois a tentación a elevar o prezo convértese en irresistible, matemática. Pero neste caso, A Granxa é un centro de formación, falamos duns espantosos… mellor antes aprovisiónome dun bo feixe delas e logo, se acaso, xa confeso esa ridiculez de €

Recoñezo que en adega sempre gostei máis da delicadeza liviana, herbácea, balsámica e sutilmente frutal do loureiro de prensa direta, que neste viño fundamenta o resultado final nun 60%, que da parte criomacerada que aporta o restante (37%) e aínda hai un 3´7% de albariño xeo. Loureiro 2011. A Granxa, en Areas (Ponteareas) O Condado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Bagos da Finca Valiñas… polo Mar de Frades

Posted in viños on Febreiro 17th, 2013

Os bagos sans e no punto de maduración axeitado transmiten por si mesmos, son quen, sen engadidos externos, de amosar a súa identidade. Levan coma nun relicario as esencias de seu e as peculiaridades do contorno no que vexetan, enraizan, maduran e conviven. Podemos respetar esa expresión primaria, preservar a pintura da paisaxe que levan gravada, ou se cadra ila ocultando con capas que a disimulen ou introduzan novas pinceladas ó cadro, pudendo incluso chegar a tapar por completo esa identidade traballada polos bagos durante un ciclo completo da súa vida e durante todos os anos que as súas raizames levan inseridas nese chan peculiar.
Hai territorios que levan gravado os seus sinais de identidade en toda a vida do contorno, espazos xeográficos que trasladan a súa personalidade en calquer manifestación que naza do seu territorio. Nas rías baixas: a súa brisa oceánica, os brancos e suaves areais e as ladeiras graníticas que caen cara ás súas beiras desde agarimosos outeiros.

Hai prexuizos que se despertan, somos débiles e o suficientemente ignorantes para que aínda estén aletargados nun recuncho da nosa imperfección, esperando ós sinais que os poñan a funcionar, as veces sen ser conscientes da súa influencia sobre os comentarios que facemos. Sinais como algúns dos que leva esta garrafa do Finca Valiñas de Mar de Frades: adega galega pertencente a un grande grupo rioxano, aspectos comerciais evidentes, anadas nas que a pegada da madeira estaba a flor de pel….
Pero antes de ter en conta todo o anterior tomeime uns cantos copos dun Finca Valiñas da anada do 2010, gardado desde o túnel do viño que organizamos en Cambados paralelamente á Festa do Albariño.

Disfrutei dabondo, ate o placer, e máis logo no recordo… Si, porque entre as pequenas insinuacións, que as hai, das notas amadeiradas ou liosas que acostuman a desentoar na altura musical á que pode chegar a albariña, destaca o seu carácter varietal, de bagos excelsos, o do frutal, branco e amarelo, o das herbas máis aromáticas nun campo de flores brancas, o talco… Acompañando este carácter varietal van os pasos que fan do camiño á emoción máis doado: son os rastos do salitre na pel, as algas frescas nun areal, un aire mariño na cara…

Denso, con tacto graso e fino amargor final, polo medio unha acidez equilibrada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Moncerbal. Voz de clavel varonil

Posted in viños on Febreiro 11th, 2013

Moncerbal, Bierzo norteño, virado ó leste vindo desde a parte máis aberta do val que é Las Lamas, abríndose cara o chan berciano cun solo frío e a luz do atardecer. Un sendeiro escoltado por retama achéganos ó amendoeiro que vixía as ladeiras enxistadas baixo os pes de vellas mencías.

Bierzo

Hoxe, o Moncerbal daquela anada do 2005, cheira a noite de lúa crecente, cos aromas do val intensificados desde a escuridade do fondo, do negro chan, baixo estrelas fugaces, ó carón dunha fogueira apagada esperto… a túa beira. Camiñando cunha cuncha no peito por unha corredoira de area e pedra mollada por trebón repentino, fugaz coma o paso dun pelegrín, pero coa potencia que esperta e anima a vida.

Antes de ensinar as ladeiras do val de Moncerbal ensina unha face de rosto prioratino, logo, moito tempo despois, vaise deixando un recordo de Alfaro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rafa Bernabé

Posted in viños on Xaneiro 31st, 2013

Xardín mediterránico que deixa atrás un bosque descontraido, calmo. Floral, con aromas que exalan todas as cores, que se agarran ó escuro verde dun mato e relucen frutais co vivo do vermello, o xugoso do amarelo e un negro que vai maduro. Pintura primaveral que coas horas é aperta estival. Goloso, fresco e amargoso en doses que fan de cada trago unha nova pincelada de uva e de terra. Pasa con flores e un agarre que fai salivar. Leva un parlamento amigable, para escoitar e sentir o paso das horas falando.

Desde diferentes uvas, con maioria da local monastrel, desde diferentes solos e distintas exposicións, desde a Finca Casa Balaguer en Villena (Alicante), e desde a súa bodega Rafa Bernabé elabora este Beryna da anada do 2010. Rafa Bernabé tamén é Viñedos Culturales: a reivindicación da identidade e da orixe, “el último esfuerzo de la tierra por llegar al cielo”Compromiso y respeto por la tierra, agricultura del cielo, rescate de nuestro patrimonio vitivinícola, vinos que reflejen un territorio, una cultura, sus hombres, sus mujeres, sus tradiciones, viñas viejas, secanos perdidos y olvidados, pequeñas producciones, formas artesanales, …………. En definitiva volver al inicio.

Non teño nada que engadir ou comentar, son palabras que sinto moi próximas, como todo o que transmite Rafa Bernabé, e iso que a relación que teño con él e cos seus viños ainda lle queda moita conversa e grolos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Cruceiro

Posted in viños on Xaneiro 7th, 2013

Ven de viñas espalladas por esa ribeira norte do Sil que é coñecida desde hai tempo por Amandi, elaborado en Vilachá da parroquia de Doade no concello de Sober por Ramón Marcos Fernandez, como consta na etiqueta, onde tamén menciona a variedade Mencía e sinala a cifra de 13´5 como o % do volume en alcohol.

No primeiro contacto, unha vez verquido na copa, desde esa cor, con eses aromas e ese primeiro paso de boca… as sensacións, como non temos referencias antigas no pais, lévanos, desde as vellas ondulacións do occidente atlántico e deixando atrás o mesetario, pasando sobre os picos de Belagua e as ladeiras de Iparralde e despois do Midi, paraíso rural de la France, ate as suaves pendentes que miran ó mencer das cotes monásticas da Bourgogne.

No segundo acercamento aparece coma un rapaz comendo a borbotóns fresas e frambuesas, embadurnado, coa boca avermellada. No terceiro o rapaz descansa a cariña nunha almofada fresca. No seguinte trae caramelos envoltos nun fil vermello, un campanario encalado coroado cunha cruz de madeira e, máis adiante, roupa ó clareo. Tamén se bebe así de limpo, vermello e suave.

2011 con croques

Nestas alturas levamos xa uns cantos grolos de “mencía”, esa palabra todavía comercialmente máxica, aínda que varios deles, non sei cantos, vaian enchidos nalgunha proporción co aporte desas castes menos glamourosas que con mellor ou pior sorte, máis ou menos achantadas, coidadas por viticultores que as poñen en valor e outros que as esconden ou simplemente as aturan, vexetan polas ribeiras dos ríos sacros. Cada unha destas ribeiras vai ó seu xeito, con dinámicas propias, con ritmos autónomos, vivindo momentos diferentes, e iso faino todo todavía máis interesante, pero hai un territorio dunha das ribeiras dun dos ríos co que temos un chisco máis de experiencia, porque durante o ano foron sucedéndose unhas cantas botellas máis que dos outros. A impresión, en Amandi, reafirmada polos díxitos das etiquetas, é de sensacións máis maduras e redondas que outras anadas.

En moitas das súas adegas, por suposto non en todas porque coñecemos e sabemos a vocación das que se moven con maestría no fio das maduracións, funciona coma un síntoma que non erra no diagnóstico que anuncia: fluctuando entre os 12-12´5 das anadas máis frescas que resaltan finura a flor de pel, con estilizados e vibrantes aromas primarios, e as anadas máis cálidas que disparan o % cara ó 13´5 – 14, transformando aqueles viños que gardabamos na memoria con emoción e un sorriso nos beizos en caricaturas distorsionadas polo calor, de trazos planos e redondeados, que non estimulan nen animan ó seu trago.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Traste

Posted in viños on Decembro 29th, 2012

Traste ou falcatruada ou trasnada, vaia neste caso unha travesura de José Luis Aristegui. Neste viño o Traste ven da sua procedencia: Trasteleiras. Faláranme de José Luis os amigos de Alan e os da Asociación Galega de Viticultura, pero non foi ate agosto no salón de viños Auria Vinum que o coñecín e provei os seus viños, desde vellas viñas en A Rua de Valdeorras un godello, unha mencía e este Traste con garnacha tintureira nun 80% e mencia no resto. Primeira anada para todos eles pero marcando xa de saida un estilo propio en todos os sentidos, desde a súa imaxe ate a personalidade do seu facedor. Como todo é recente de máis haberá tempo para falar sobre a historia que se move detrás dos seus viños. Trastada ou falcatruada é comenzar falando do viño que máis pide espera e calma para o seu trago.

A froita madura, destaca a ameixa, no momento xusto, cando explota en aromas e o seu gusto é máis saboroso, as herbas aromáticas, balsámicas e medicinais, un fondo torrado baixo os vapores dun café cremoso e do chocolate negro, hai un aire perdido que asoma polo medio cos recordos do lar, e con tempo libera unha flor azulada.

Hai un mundo de aromas que a paciencia extenderá todavia máis.

Deixa un agarre que prega por tempo para despegarse e fundirse coa parte máis fresca e balsámica do seu paso, para ser denso agarimo que fique despois da aperta. Leva un corpo ben dotado, erizado, aínda despeinado, coma un cabalo do pais antes da súa rapa, agarrase á lingua, as encías, o padal… fica… e non marcha… da calor ó espirito. Todo isto o proxecta na distancia, no tempo, na estirpe dos viños que han ficar na memoria.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Memoria de Ventura Castes Nobres

Posted in viños on Decembro 8th, 2012

Adega da Pinguela despois dun dos viños de mencia de Valdeorras máis agradaveis de beber, limpo e frutal, un brancellao elegante e, coa cara máis potente da adega, unha tintoreira garnacha denominada Memoria de Ventura, buscando todos eles máis cadencia e menos pegada, ou iso me parece a min, elabora este Castes nobres desde a anada do 2011, supoño que con vocación de continuidade.

Naquela entrada engadía: “Este tridente de castes (mencía, garnacha t. e brancellao) tende a repetirse monovarietelmente en varias adegas, o tempo traerá ademais o sousón e o caiño”  pero… matinado na combinación de variedades deste Castes Nobres, hoxe penso nese futuro dun vermello plurivarietal, como foi no pasado máis lonxano e como é na maioria dos grandes viños do mundo, e tendo en conta o que nos ofrecen en Valdeorras en solitario as distintas castes…”nobres”, esta mestura de brancellao, mencía e sousón, e nese orden que ven reflexando a súa antiguedade na zona, ben podería ser o casamento que orixinará no futuro os viños máis complexos e lonxevos deste territorio.

Descoñezo as características do viñedo da Adega da Pinguela (O Carballal, Petín) nin como foi a elaboración deste viño, pero o que mostra o Castes Nobres agora é un proxecto que necesita tempo para artellar o que seguramente será un gran viño e quen sabe se o comezo dunha longa estirpe.

Mineral e monte aromático do occidente atlántico, non mediterránico, herbas aromáticas das que destaca, agora, o mentolado, froita agachada baixo este aire balsámico multiplicado pola pedra e o monte. Na boca a rugosidade do sousón, que pide espera, vai envolta no agarimo dun brancellao elegante sobre a delgadez dunha mencia fresca. Ten a garra que no futuro sera seda…

Chuzame! A Facebook A Twitter

Merencio

Posted in viños on Novembro 5th, 2012

Sadurnín (Cenlle) O Ribeiro. Lugar iluminado. Prácida atalaia para describir a traxectoria do sol, anunciar o que se asoma trala Serra do Suido ou deixarse levar por quen vai pintar o solpor atlántico.

Sabemos o que agochan os diferentes recunchos do Arnoia, as cálidas beiras do Avia ou a volumosa pracides coa que navega o Miño entre viñedos desde Ourense ate Castrelo, nembargantes, Cenlle, solitario, parece transcender cabalgando baixo o ceo por enriba de rios e ribeiras.

Jorge Merencio xestiona coa vocación dun vigneron un viñedo de 5 h, a piques de duplicarse, ocupando a esquistosa ladeira noroeste do pequeno val que garda na banda sureste a aldea de Sadurnín. A historia de Jorge parte de Carballeda de Avia de onde é orixinario, con viñedo familiar incluido, e pasa polas adegas da Cooperativa do Ribeiro e de Señorio de Beade onde ten traballado antes de chegar a Sadurnín, ó atractivo viñedo cunha rústica adega que o azar puso nas suas mans cando, buscando un local para elaborar un viño de seu, pasou o propietario deste auténtico Clos diante súa coindidindo no momento preciso para ambos.

No viñedo de Jorge Merencio pontifica a treixadura asi a todo garda un protagonismo especial para o caiño branco, ademais de contar por suposto co albariño e tamén tomar partido polo godello na parte lindante do monte que xa foi roturado e abancalado e está a piques de plantar.

A sua filosofia de traballo pasa polo repecto ós bagos e ós seus lévedos naturais cunha mínima manipulación e sobre todo pola espera, sen presas, do ritmo natural do viño. Con estas maneiras e disfrutando como fixen con esta a súa primeira anada non é arriscado aventurar, nin dificil pronosticar o que nos traerán as que virán…

Merencio 2011, con treixadura de Sadurnín, 12º. Entrada sutil, fina acidez, suave corpiño e nítido amargor antes dun final espansivo… estenso co sabor branco e amarelo do néctar dos froitos. Antes cheiramos as sensacións primarias dun recén nacido, os aromas do momento no que a vida se destapa, ou descubre… no Merencio con recordos de almizcle, piña verde, a flor do mirtilo, a máis branca flor…

Chuzame! A Facebook A Twitter