Archive for the 'viños' Category

Cote Chalonnaise “Les Clous 2005´´

Posted in viños on maio 23rd, 2008

O Domaine Aubert et Palmela de Villaine ten a sua adega na vila borgoñona de Bouzeron, nas Cotes Chalonnaises entre Chalon sur Saone e Beaune. Según relatan no seu catálogo os de almavinosunicos Chalon era un pequeno centro comercial na Galia cun porto que se usaba como centro de comercio de viño, a sua importancia ven de atrás como testemuñan as máis de 20.000 ánforas romanas atopadas en excavacions realizadas na zona.

As variedades que enchen as viñas deste domaine son as famosas e reputadas destos pedazos de chan (chardonnay e pinot noir) máis a aligoté, caste autóctona destas latitudes francesas con fama de viños coas características que se resumen na expresión “green aligoté´´ pero que na Apellation Bouzeron Villages, única apellation coa aligote como exclusiva variedade de uva, alcanza niveis de doree ou “golden aligoté´´. Aconteceu a miudo esto de desplazar das mellores ás piores ubicacions unhas variedades por outras, neste caso a aligoté pola chardonnay, pero pasou o mesmo coa pinot menuier na Champagne, varias tintas (barroca, francisca) no Douro, a garnacha en varias zonas españolas, etc, para unha vez desplazadas ás zonas máis desfavorabeis colgarlles todos os san benitos.

Os viñedos deste domaine suman unha extensión de 21 ha, delas 10 ha son de aligoté, 4 de pinot noir en Cotes Chalonnaise e Mercury e 6 ha. de chardonnay entre a Rully “Saint Jacques´´ e a Cote Chalonnaise “Les Clous´´, da que provén este 2005 que degustamos. Parcelas pequenas, alta densidade, selección masal en 57 das suas vides para replantar, e rendimentos máis baixos que os normais da zona. Factores dunha ecuación que poucas veces adoita fallar. Temos exemplos próximos que falan por si mesmos: Forjas, Muradellas, …

bourgogne.gifchalonnais-1.gifchalonnaise.jpg

Este Domaine é propiedade de Aubert de Villaine e da sua dona Pamela, el a sua vez é copropietario e director do emblemático Domaine da Romanée Conti. Para este vigneron o patrimonio fundamental destas terriñas é o seu solo, e logo a cepa, como todos os viticulturistas que se moven iluminados pola luz da tradición o respeto por ese solo é extremo, e o retorno aos valores da terriña o camiño natural para rematar na senda das opcions máis bio e dinámicas.

O Les Clous ven dun pago de chardonnay situado nas ladeiras do val de Bouzeron orientado ó sul e protexido do vento do norte. Os brancos elaboranse e crianse en fudres, cubas e barricas, pies de 300 litros, mesturandose despois as diferentes partidas.

aubert.jpg

Les Clous 2005
Na actualidade, nestos momentos, aparece con reflexos ouro fino, mostrandose sedoso, coa acidez como telón de fondo, despois longo, con medida potencia. O seu tempo é frutal e floral, neste ambiente aromático o telón de fondo é o da cremosidade fina, tan limpa que sube con nitidez do lonxe e se prolonga na distancia, detrás deste telón un estanque de manantial cuberto de pétalos … it´s a beatiful day.

les-clous.jpg

Da raia e do Minho

Posted in viños on maio 21st, 2008

Ponte do Arquinho 2006
Rubí lixeiro con claros aromas frutais, especiados e de matorral aromático e balsámico cun limpo fondo mineral, o seu gusto é equilibrado polo tanto agradavel. Por uns céntimos menos dos catro euros semella unha elección sen dúbidas, de toparnos con el, claro, nalgun supermercado do norte de Portugal, neste caso no Tres Mosqueteiros de Valença do Minho.

pontedoarquinho.jpg
Viño elaborado pola Adega Cooperativa de Valpaços, Caves de Valpaços, na subzona do mesmo nome da D.O. Trás-Os-Montes, que ademáis desta ten outras duas subzonas máis: Chaves e Planalto Mirandés. Non confundir co vinho regional transmontano que se pode elaborar en calquer concello desta rexión do noreste portugués. Viño dunha zona transmontana que no futuro será parte conxuntamente con Verin dunha eurobisbarra transfronteiriza, ou como queiran chamala, e que dispón dun grandisimo surtido de castes, para os tintos: touriga franca, touriga nacional, bastardo, tinta roriz, tinta cao, neste viño que ten unha estadia non determinada en pipas de carballo con tinta carvalha e trincadeira, de solos xistosos con algunhas manchas graníticas e cun clima xeneroso, é coñecida como Terra Quente, pero que é das zonas vitícolas menos coñecidas de Portugal

montes_doc.gifmontes.gif
Alvarinho Deu la Deu 2007
Aromas intensos a fruita branca, kiwi, cabelo de anxo, recordos florais e balsámicos, cunha boca amplia que da sensación de intensidade, equilibrada co frescor dos cítricos e o punto de amargor final, frutal e fresca. Deixo para o final o primeiro que apreciamos á vista como son os restos de carbónico que non agradará aos que busquen a transparencia cristalina. Gran calidade a magnífico prezo, anda sobre os sete euros, ou sexa rcp non aplicabel.

deuladeu.jpg
Alvarinho elaborado pola Adega Cooperativa de Monçao na subrexión do mesmo nome na rexión demarcada (D.O.) dos Vinhos Verdes que este ano celebra os 100 anos, viño do que se elaboran unhas 400.000 botellas e que ano tras ano mostra unha regularidade sorprendente que o fai encaramarse aos podiuns de cantos concursos ten a ben presentarse. Esta cooperativa de funcionamento exemplar, naceu en 1962 con 25 socios e ten na actualidade 1600, é toda unha referencia dentro deste tipo de adegas en Portugal.

As apariencias…as veces.

Posted in viños on maio 19th, 2008

DAVIDE tradición 2005

Albariño que mostra no nariz a evolución natural dos aromas, no seu día xuvenís e frescos, cara á complexidade e a unha profundidade que significa outra dimensión desta nosa caste: outras armonias-acordos, outros momentos, outras evocacións, …. neste Davide con mambrelo, orellóns, cremosidade láctica, confitados, minerais e certas notas que nos fan recordar a un Riesling. Despois desta andanada de profundidade o seu paso de boca é máis relaxado, amábel é suave, sutil pero longo

davide.jpg

A imaxen das marcas de “Davide Adega e Viñedos´´ , situada en Baión Vilanova de Arousa, ten cambiado cara unha presentación máis vanguardista, no caso deste Tradición gracias a un deseño de botella esbelto cun corpo cilindrico que remata nuns ombreiros rectos e circulares.

Como xa comentara noutro momento, denantes de mirar, ulir e degustar un viño hai unha serie de estímulos contidos na presentación do viño como son as etiquetas cos seus diferentes deseños, cores e as informacions que leva, o material da cápsula e da rolla, as diferentes calidades da cortiza, as técnicas ou sintéticas, as de rosca, etc, e a forma da botella, que van a influir ante calquera tipo de dúbida no momento de mercar o viño, acentuado pola proliferación de marcas nas estanterias, influenza que se prolonga máis logo no momento da degustación na actitude que adoptamos, máis ou menos positiva ou incluso negativa, antes de ter calquer contacto visual, olfactivo ou gustativo co viño na copa.

Todo isto venme o pelo porque tuven o pracer de tomar o Maria Bargiela do 2006, un condado que elabora Bernardo Miguez na sua pequena adega situada nos baixos da recen restaurada casa de turismo rural que ten na parroquia de Porto en Salvaterra do Miño, á beira de Pazo San Mauro e preto de Fillaboa, cunha producción de 5000 botellas que el mesmo distribue. Porto é unha pequena subzona - pedazo de chan dentro do Condado a xeito de pequena península abaneada polo Miño cunha situación excepcional para as castes brancas tradicionais. En máis dunha ocasión falamos sobre a presentación do seu viño, etiqueta e botella, e do seu desacordo co viño que contén e coa actual situación de competencia na que incluso hai locais de restauración ou viñotecas que non colocan un viño con determinada imaxen nas suas mesas ou estanterias, parezcanos ben ou non, sabeo por experiencia. Degustara outras anadas do Maria Bargiela pero como esta do 2006 nengunha.

MARIA BARGIELA 2006 pa130368.JPG

Amplo, saboroso i equilibrado, cunha fina acidez e un amargor final que deixan unha sensación fresca e graxa que impregna a boca. Os aromas transitan nos momentos iniciais entre a fruita branca madura, o mambrelo e o mel, para rematar ó final con sensacions frescas e limpas de manantial e flores secas.

Goliardos

Posted in viños on maio 15th, 2008

Estos tintos son un diamante en bruto, recen extraidos das entranas da terra, cando desde esa fermosura virxen atrevemonos a pensar na brillantez que alcanzarán unha vez vestidos de etiqueta ou simplesmente e de xeito máis natural cun lavado de cara. Son un diamante en bruto pero xa prestos para beber e degustar, ou o revés. Son un exemplo, un modelo e ó mesmo tempo un experimento, unha proba a cada paso, os que logo veñan, e virán un elenco deles senón “do mar´´ coma estos Goliardos, si atlánticos puros de viñas cara o sol ou cara o solpor e cara o mar ou a beira do mar con espadeiros e caiños, o loureiro de momento parece unha obrigada exclusividade Goliardo. Os que veñan detrás terán unha parte do camiño andado, cecais a máis penosa pero tamén a máis emocionante, nesta soedade os Goliardos abren o camiño dos tintos desta beiramar a cada paso: na senda da madeira, na corredoira das prácticas vitícolas que levan a un bago de calidade como a reducción da producción, as maduracions màis axeitadas, etc., e no labirinto comercial, o máis penoso. Forxas do Salnés é unha adega pequeniña onde o importante son os bagos e o zume que deles surde, sen concesions á galeria, quen espere unha nave industrial de impolutilidade leiteira non atopará nela tal frialdade.pa090362.JPG pa090350.JPG

O Goliardo Caiño pa090357.JPG de carácter máis fresco e sutil para todos os sentidos: na cor, nos aromas e no gusto. Balsámico, fruitiños vermellos frescos, cunha atráctiva complexidade, mui elegante, o Goliardo Loureiro tinto pa090354.JPG máis directo, cos seus tonos especiados e acaramelados acompañando aos fruitos máis negros por enriba dun fondo mineral e de tinta da China, cun paso de boca máis musculoso, está é a evolución que notei dun ano para onte maior consistencia cunha acidez máis integrada. Probamos tamén o Leirana barrica que reposaba no depósito ovo que aparece na foto pa090351.JPG , e a poucos dias de seren sacado del, mostrándose coa madeira totalmente integrada, como se non tuvera estado durmindo con ela, sútil nun conxunto fresco e graxo, elegante.

Non podia pasar por alto ós Goliardos, poetas-clérigos autores do poema que abre este blog dos bagos e doutros poemas eloxiantes do viño, das mulleres e do amor agrupados no Carmina Burana, asi como versos máis satíricos de crítica social. Gens Goliae, xente do demo, de Goliat, a sua representación, desde o século IV clérigos de vida licenciosa, errabundos e perseguidos.

Istum vinum bonum vinum

Vinum generosum

Reddit virum culiarem

Probum animosum

Este viño, tan bo viño/viño xeneroso/fainos homes nobres, xustos e animosos

Tostado do Ribeiro

Posted in viños on maio 11th, 2008

Dentro do universo vitivinícola os viños doces sempre tuveron unha aureola especial polas suas características especiais, desde as máis evidentes como son as que apreciamos cando os tomamos ate as suas peculiares condicions de vendima e de elaboración. Tamén teñen asociado unha historia particular, cada un deles coas suas identidades, que se resume no famoso dito aplicado a un deles pero que se pode estender o resto de viños doces de: “viño de reis, o rei dos viños´´ ,ou viceversa, o que nos ven decindo a debilidade que as cortes europeas sentian por algun destes viños, por exemplo os zares rusos co Tokaj. Viños que podian facer longas viaxes sen deteriorarse debido a estabilidade microbiolóxica proporcionada pola sua cantidade de alcool e de azucres, por esta mesma razón foron os primeiros viños en seren embotellados.

O Tostado é un destes viños histórico felizmente recuperado dende hai poucos anos pola cooperativa do Ribeiro, á que se lle ten sumado unha outra adega, e supoñemos que dentro dalgunhas colleitas gozaremos de máis mostras deste impresionante viño galego.

tostado-costeira.jpgO Tostado é un viño que proven da sobremaduración dos bagos fora da cepa, pasificación natural a cuberto dos acios das variedades autorizadas no Ribeiro, fundamentalmente a Treixadura, durante un mínimo de tres meses, pasificación dos bagos que nos climas máis secos faise mediante o “asoleo´´o aire libre, coma os Pedro Ximenez, e no noso caso e no dos pasito e Vin Santo italianos é a cuberto, orixinando uns 300 gr/l de azucres e a posterior crianza de seis meses en barrica e tres en botella.

Cando falamos ou escoitamos falar de viños doces, ou cando nos sirven unha copa dun destes viños, o noso cerebro está predisposto a recibir o través dos sentidos unha serie de estímulos claramente definidos, sobre todo no sentido do gusto, que nos falan de melosidade, untuosidade, voluptuosidade, paso de boca graso e saboroso con certas notas exóticas, sensacions que a sua vez vense compensadas polo frescor que lle proporciona a sua medida acidez e un certo amargor final, equilibrio entre a calidez e a dozura do alcool potenciado polos azucres residuais, e o frescor da sua xusta acidez e o punto de amargor final, cun resultado final de armonia, finura e elegancia.

No Tostado á vista mostra, como na maioria dos viños doces, unha cor amarela de evidentes tonos dourados con aromas voluptuosos de mel, mambrelo, fruitos confitados e alguns tonos florais, alguns destes viños posuen ademáis unhas características notas rancias e de podredume como sino de distinción.

Entra agarimoso na boca, con amplitude e untuosidade, despidese nun final equilibrado e longo.

Friuli

Posted in viños on maio 8th, 2008

Pinot Grigio Friuli Isonzo DOC Cormons 2006

Desde a D.O.C. Isonzo, no Friuli, degustamos o pinot grigio de Cormons que con 13´5º mostra nos aromas un abano de sensacions que nos fan cambiar de espazos ou imaxinar diferentes ambientes, todos intensos e atractivos e que surden do mineral dun frotar de pedras e do floral da madreselva, ambolosdous despois duns principios con recordos de goma. Na boca mostrase primeiro con agradavel dozura, presentación curta que da paso a unha personalidade untuosa envolta en fresca indumentaria, na despedida un amargor adornado de fruita de oso.

cormons.jpg
Friuli que desde a Aquileia romana foi unha marca do Imperio é unha rexión só en parte italiana, despois de varios seculos de dominio veneciano foi austriaca ate o 1866 e a sua zona oriental, que é a máis vitícola, fundese con Eslovenia cunha ciudade dividida: Gorizia friulana e Nova Gorica eslovena. Friuli, que ten un dialecto denominado Furlán, hai 30 años seica sufriu un despoboamento debido á emigración similar o galego. No seu clima suave expresanse con facilidade, cunha axeitada viticultura, muitas variedades brancas locais e francesas (ainda que aclimatadas desde hai 150 años): tocai friulano, pinot grigio, pinot bianco, ribolla gialla, picolit e o sauvignon blanc, chardonnay, etc.

friuli.jpg



Abadal Picapoll 06

Posted in viños on maio 6th, 2008

Sensación de aire cálido na entrada do nariz, de brotes herbáceos ó sol mediterráneo, especies doces no fondo do amarelo e branco froital que se impón despois dos comezos verdosos. No seu momento entra en boca sedoso cun volumen que no seu paso deixa o rastro das fuitas amarelas no seu cenit de maduración, finalmente o gessamí (xazmín) pon o toque floral.

picapoll.jpg

Elaborado por Masies D´Avinyó en Pla de Bages, nome posibelmente derivado dun tributo ó deus Bacus segundo o manuscrito medieval de Miracula Sancti Benediti. Esta é unha pequena e histórica denominación con 500 hectáreas situada no centro xeográfico de Catalunya, a 70 km. dos pirineos e do mediterráneo. O picapoll, nome que fai referenza ás manchas ou pel picada do seu bago, é unha variedade autóctona desta zona e do sul de Franza onde é coñecida como picpoul ou folle blanche empregada nas zonas de Cognac e Armagnac para elaborar os viños que posteriormente serán destilados.

plabages_o.jpg

Les tines eran os depósitos tradicionais desta zona vitivinícola que se construian ó pe da viña e deste xeito aforrarse o transporte da uva na accidentada xeografia deses terreos. Les tines son un depòsito redondo impermeabilizado con baldosas ó que se lle colocaba unha especie de rexa de madeira sobre a que pisaban os bagos, o estaren edificadas en ladeira na sua parte superior atopase o acceso para os bagos e na parte máis baixa un orificio servia para extraer o viño xa elaborado, serian polo tanto das primeiras construccions que empregaron o traslado por gravedade en todas as fases da elaboración do viño, na actualidade o sinónimo de maior calidade nos procesos da adega.

tines_007.jpgtines_011.jpgtines_025.jpg

Da paxina www.olivella,org

Bourgogne 2005 Maison Meo Cazumet

Posted in viños on maio 3rd, 2008

Aparece cunha cor no final do camiño ao picota, de màis peso que a esperada nun pinot noir. Polo nariz pasan a modo a fruita vermella fresca, con lonxitude, as violetas claras, o recordo da lavanda, o impacto do cassis, outras negras coa sua mesura, e un frescor de floresta verde silvestre. O seu gusto está no comezo, no final e no medio do camiño …  resulta fresco pero cunha carga de fondo, de profundidade, unha especie de lastre largando séculos, eco que avanza desde unha profundidade que resoa coas pegadas do transcurso deixando o seu son co peso do terciopelo no padal. Aquel eco transformase en armonia xuvenil coa música dos fruitos e as flores e as herbas.

meo_camuzet_bourgogne_lrg.jpg

Desde a Cote de Nuits elaborado pola Maison Meo Camuzet Frere & Soeurs con bagos de parcelas en Nuits-St.-Georges, Vosne-Romanee e Marsanny.

Aparece no catálogo de “almavinosunicos´´ escrito por Paco Berciano cunha elegante presentación tamaño libro de casi 500 páxinas no que viaxan polos viños desde a perspectiva das suas terriñas e denominacions, cun contenido ameno e unha explicación clara e nítida, algo nada fácil sobre todo nos viños franceses que ocupan a maior parte do libro. Gracias a Cesar Ruiz polo libro e sobre todo polos viños, bon de momento por algun deles.

Clos Maria 2006

Posted in viños on abril 27th, 2008

Saboroso e longo, untuoso e cítrico, extendese no padal e alongase no postgusto envolto en madeira, aparece primeiro a parafina, coa fruita esperando o seu turno en almibar e con mambrelos, a eira recen segada despois e os cremosos e torrados da madeira para o fondo, luz mediterránea que ao dia seguinte ten acentuado a sua cremosidade (lias, madeira e fruita almibarada), cos cítricos deixando impregnado o padal de exotismo caribeño teñido de amarelo pallizo con relfexos verdosos.

peri_closmar.jpg

Branco que elabora Mas Perinet (Joan Manuel Serrat e outros) en Cornudella de Montsant con viñas en solos xistosos de garnacha branca, as máis vellas, muscat de bago miudo e chenin blanc, das que unha parte importante ten unha crianza de oito meses en madeira coas suas lias. Ten un prezo de 14 euros.

Adega do Pazo De Fefiñans

Posted in viños on abril 25th, 2008

Documentalmente a creación da adega deste Pazo situado na plaza do mesmo nome en Cambados é de 1904, con rexistro i embotellado da marca en 1928, case secular polo tanto. O estilo renacentista do pazo trasladase ás suas creacions, foron pioneiros na busqueda da lonxevidade do albariño co seu 1583 de crianza en madeira e con este albariño III ano e a sua crianza sobre lias: seis meses cunha estancia posterior en depósito de outros trinta. Outros aspectos do Pazo semellan máis fora de tempo e sobre todo de lugar, como ancorados no tempo, ou nun pasado que cruxe, desde o propio nome de bodega del palacio.

cambados_060905_pazo_de_fefinans.jpg

Albariño De Fefiñanes III ano 2004

Amarelo ouro fino con aires de compota e por enriba deles outros máis lixeiros balsámicos, e loureiro, con alguns máis perfumados de flores brancas non mui intensas, aire sutil que apenas move unha pluma, os máis campestres veñen de lonxe, das eiras, feno, cereais, e as meles que case non levantan o vo pola sua gordura. Saboroso e equilibrado pero non mui longo

fefinanesiiiano.jpg

Sameirás 2006

Posted in viños on abril 23rd, 2008

Cor limpa, relucente, co cristalino dos brancos, aromas sutiles, tenues. Hollejo, leves flores, azuis, con caracter mineral xogando ás escondidas, boca golosa, veluda de tacto sedoso, seda, fresca, mui fresca , agarimo sensual em ambiente fresco, ou finos taninos, acidez limpa, retrogusto a regaliz…. hai que esperalo, como a todos, de xeito tranquilo, e asi aparece de novo abrindonos o nariz, sazonado de especias negras e cravo. Toda esta limpidez deixa un pouso, pequeniños precipitados, que é o rastro da autenticidade, da terriña.

Mencia, sousón, brancellao e caiño. En Santo Andrés de Camporrapado (Rivadavia), con viñas desde o chan próximo ao rio Avia ate os 270 metros na ladeira, nelas tamén ten castañal ou touriga, ate un caiño case propio, de raigames familiares. Antonio Cajide é un colleiteiro, viticologo, que inspira confianza, coa vocación da excelencia, ou sexa co desexo de chegaren máis alá. Deste tinto espera todavia muito máis, a min xa me convence así, polo tanto a espera será gozosa co que hai pensando no que virá.

sameiras-blanco.jpg

Champenoise

Posted in viños on abril 21st, 2008

O protagonismo neses momentos de eureka!, ou nos experimentos primixenios do Champagne, tenselle atribuido ao monxe Dom Perignon, pero resulta que nese instante máxico no que exclamou “estamos a beber as estrelas´´estaba na compañia doutro monxe, Dom Thierry Ruinart, e foi un sobriño deste, Nicolas Ruinart, quen converteu en realidade os descubrimentos dos monxes benedictinos comprando viñedos nas terras de Champagne e fundando en 1729 a primeira maison de Champagne na cidade de Reims. Primeiro o viño escumoso transportabase en barricas porque na botella so se realizaba unha fermentación e remataban estoupando, pero a sua expansión polo mundo realizouse gracias ao control da segunda fermentación. Esta expansión primeiro por Franza e logo polas cortes europeas e máis adiante no mercado norteamericano ten chegado a tal magnitude nos últimos anos que despois de cinco anos de estudios, tendo en conta aspectos históricos, sociolóxicos, xeolóxicos, climáticos e vitivinícolas, o pasado mes de marzo o goberno francés ten decidido unha ampliación da zona delimitada permitida para a producción deste viño, a conmoción nos terroiristas resulta evidente. Outra conmoción ben distinta será a dos agraciados con esta ampliación, eso de quen unha hectárea este polo millón de euros soa a música celestial.

champ.gif

Nas máis de 10000 marcas de Champagne reproducese o múltiple e case infinito universo que no resto de viños: mega marcas productoras de millons de botellas, cooperartivas, holdings, adegas de estilo aristocrático, pequenos elaboradores preocupados pola expresión das distintas personalidades das terriñas e das variedades deste escumoso, etc. Coñecer as suas diferentes versions e distintas elaboracions non é doado, por eso aproveitamos as ocasions que se presentan para provar os que podemos, que non é pouco. A adega Ruinart ten pasado de pais a fillos desde Nicolás Ruinart ate o ano 1963 no que é adquirida pola galaxia LVMH (Louis Vouiton Moet Hennesy), na que orbitan Moet Chandon, Dom Perignon, Veuve Clicquot e Krug. Con 12 hectáreas en propiedade o blanc de blancs, chardonnay cento por cento claro e tres anos de envellecemento, e o Rosé con 55% de pinot noir do que un 19 % está vinificado como tinto, proceden da mistura de pagos e anadas.

Ruinart Brut. Blanc de Blancs
As primeiras impresions que chegan son de fungos e leveduras acompañadas da fruita madura, nalgunha das seguintes aspiracións que de xeito compulsivo un adoita realizar cando ten unha copa con burbullas danzantes na man aparecen os torrados e a pastelaria con vainilla, os reiterados acercamentos aos beizos manifestan un paso que enche a boca cunha gran estructura, para min algo estridente, é dicir non tan fina como esperaba, con manzá e cítricos, co tempo aparecen na copa a manteiga e uns matices florais.

ruiibbb_bot_1_jpg.jpgruinro_bot_1_jpg.gif

Ruinart Rosé
Un cobalto con aromas campestres, fresa e cereixa, logo amendoa. En boca é fresco coa burbulla máis fina que o brut pero de estructura carnosa, sen esaxerar, pero cos taninos a sentirse, polo tanto o tomaria con platos máis contundentes, e veladas nocturnas.

Música que nos traslada, ambiente que nos envolve, compañia que acelera os sentidos, e a copa, co rosé, e as burbullas, … fácil de imaxinar e parece que non tanto de experimentar.

velada.jpg

Tintos do atlántico

Posted in viños on abril 14th, 2008

Viños da banda atlántica, que miran ó solpor, con castes afeitas a estas terriñas e ao seu clima.

Na rexión dos Vinhos Verdes pontifica maioritariamente o vinhao, tinta femea no noso pais, como nestes Ponte da Barca, Aguiao e Afectus, noutros casos acompañado do borraçal (caiño), brancelhao-alvarelhao, espadeiro (nevoeiro, farinho, cinza ou tinta dos pobres) ou o pedral (alvarinho tinto en Monçao). Non sei mui ben cara onde caminhan, se é que van a algun lado, os tintos verdes, green red, ou máis ben tintos retintos. Podo imaxinar que se o cambio climático acentúa a maduración dos bagos, se nas técnicas de elaboración experimentan diferentes perfiles ou se a viticultura enfocara a excelencia … podemos imaxinar un vinho verde tinto, un tinto da D.O. dos Vinhos Verdes, de calquera das suas nove subzonas que co tempo chegarian a diferenciarse polas suas distintas microidentidadades características das suas terriñas: Monçao, Lima, Cávado (Braga, Barcelos), Ave (Povoa do Varzim, Vila do Conde), Sousa (Porto, Matosinhos, Maia), Amarante, Basto, Barao e Paiva.

En Bairrada, onde seica chove tanto coma en Bordeus, os viños clásicos elaborabanse coa tradicional baga fermentados sen despalillar no lagar para logo envellecer durante anos en botella con pouco contacto coa madeira. Viños que sen envellecer son mui cargados de cor e de corpulencia, acentuado no caso das cooperativas que como nalgunhas zonas da Galiza buscan o máximo rendemento con vendimas marcadas pola lóxica dos grandes volumenes, sen control do momento óptimo de maduración. Actualmente a grande carga ácida e tánica da baga, tense comparado coa nebbiolo piamontesa, da grandes viños, os viños elaborados para o hotel de Buçaco que envellecian durante anos na sua adega tamén o son, gracias á reducción da producción e a unha viticultura máis coidadosa.

Nas Rias Baixas aos poucos vaise collendo, ó mesmo tempo que novos elaboradores dan o paso de elaborar tintos e avanzar nas suas calidades, a onda das tendencias no gusto do viño que falan, no principio por boca dos prescriptores de turno e máis logo pola maioria dos consumidores, de viños vermellos máis frescos, vivos e diferenciados, que aportan novas sensacions aromáticas e gustativas.

O Ribeiro tamén forma parte desta onda, de feito poucas zonas teñen o potencial do Ribeiro, primeiro pola sua loga historia e cultura vitivinícola, segundo porque ten as posibilidades e a tradición para elaborar grandes viños non so en branco, xa demostrado, senón tamén en tinto i en doce co recén recuperado tostado, e terceiro porque é a única d.o. galega na que conviven as máis importantes castes do noso pais: treixadura, godello, albariño, ademáis do torrontés, loureira e lado, nos brancos e sousón, brancellao, caiño e mencia nos tintos.

Ponte da Barca 07 Elaborado pola adega cooperativa do mesmo nome. Vermello intenso e vivo violeta, destaca pola sua marcada acidez e a curta distancia en boca.

ponte-da-barca-3.jpg

Aguiao 07    Elaborado en Arcos de Valdevez con vinhao. Cor violeta explosiva que aparece no nariz coma un plátano bananero danzando envolto en violetas.

Afectus grande escolha 07    Da Quinta de Curvos situada en Esposende, Braga. Aparece brillante, intenso e profundo, con doble ou triple capa, imposivel de atravesar coa mirada, desprendendo aromas lácticos nos primeiros momentos e máis logo fruitos vermellos macerados, hollejo, e algo de caramelo, a boca vibra con fruitiños vermellos.

Torroxal 06    Elaborado por Viñas do Torroxal en Goian con sousón, brancellao, caiño, castañal e pedral. Hai que destacar a meritoria laboura de recuperación do castañal, caste tinta tradicional destas terriñas do Rosal que estaba ficando reducida a algunhas cepas testimoniais de viñedos aillados. Ten unha cor vermella máis apagada que os anteriores e unha capa máis medida, ou sexa menos profunda, os aromas polo contrario son máis expresivos na sua tonalidade escura: fruitos negros, especias, tinta da China e brea. Boca iodada con sensacions de café e cacao.

torrt04_det_1.jpg

Frei Joao 06    Elaborado pola Caves de Sao Joao en Sao Joao da Azenha, Bairrada, coa típica baga bairradina máis o camarate e a touriga nacional. Cor rubí non mui intensa nin mui cuberta; paleta de cores nos aromas: flores azuis, fruitos vermellos i especias negras, na boca mostra unha boa estructura con taninos domados pero ben presentes, os torrados son para o final. Un viño agradavel a un magnifico prezo, sobre os 5 euros creo recordar.

frei-joao.jpg

Viña Mein tinto clásico 05   Ribeiro elaborado con caiño longo, ferrón e mencia. Vermello cereixa de media intensidade con aromas herbáceos nos primeiros momentos, nos segundos momentos frutais, logo un fondo especiado, e máis logo os ecos dos torrados empezan a resoar para escoitarse con máis presenza despois de varios grolos.

vinameintto.jpg

Beade Primacia 2005

Posted in viños on abril 12th, 2008

Na copa mostra reflexos pallizos nunha cor amarelo verdosa. Ten un nariz complexo de mediana intensidade pero dunha atractiva sutileza que nos trae recordos de fruita escarchada, orellons e unhas leves notas florais e de feno. O seu gosto é suave de sensacions graxas, cun paso agradavel e equilibrado que nos leva a un final sutil pero prolongado cos recordos de marmelo.

beadeprimacia.gif

Ribeiro elaborado en Beade pola adega A Portela SAT, que ten ademáis deste Primacia monovarital de treixadura o Señorio de Beade como ribeiro clásico co aporte neste caso da godello e o torrontés.

Os que seguen a corredoira da expresión máis auténtica das terriñas do Ribeiro semella dificil que aposten ou cheguen a elaborar ribeiros monovarietais, xa que a esencia destes pedazos de chan non parece transmitirse coa soedade da treixadura, a treixadura ten doado alcanzar  o máis alá vitivinícola pero coa compaña da godello, do torrontés, da loureira, da albariño ou do lado.

Quinta do Infantado

Posted in viños on abril 8th, 2008

joaoroseira.jpgJoao Roseira é para min unha das persoaxes máis atractivas do viño portugués porque ten as cualidades que definen aos que tentan ir máis alá como son o inconformismo, a creatividade e o respeito polo tradición. Elaborador na adega familiar da Quinta do Infantado que fundada en 1816 foi a primeira quinta en embotellar e distribuiren os seus portos dende o propio Douro sen pasar polos almacens de Vilanova de Gaia como ate ese momento era obrigatorio. O nome da quinta ven porque no século XIX fora propiedade do Infante Don Pedro IV, fillo do rei Joao VI, posteriormente adquirida polo abó de Joao.

As 45 hectáreas de viñedo das que dispón están distribuidas na aldea de Covas do Douro sendo todas clasificadas coa letra “A´´, a de máxima calidade na clasificación do viñedo no Douro. Joao é un defensor da agricultura biolóxica e dos viños de productor frente ás grandes casas tradicionalmente en mans británicas e máis recentemente francesas… e galegas (¡). Elabora todas as variedades de viño de Porto: ruby, tawny, vintage character, LVB e vintage e desde a anada do 2003 o Quinta do Infantado Reserva un impressionante viño seco Douro D.O.C., que na màis recente do 2005 ven de ser elexido entre os melhores viños do 2007 pola revista Vinhos. A elaboración dos seus viños é de xeito tradicional con vendima a man e pisado en lagares.

Creador con outros amigos de Bago de Touriga, compañía multidisplicinar elaboradora de tres viños Douro DOC: Terroso, Montevalle e os excepcionais Gouvyas, e organizadora de diversos eventos ligados á difusión da cultura do viño entre os que destaca o “Dao e Douro´´, proba anual dos viños de ambas DO, e diversos encontros eno-gastronómicos, tamén importa pequenas cantidades de viños europeos coidadosamente seleccionados.

Joao é un dos dinamizadores do viño portugués por todo o mundo, tamén participa en distintos foros e medios como na propia blogosfera mediante o seu blog: gotaepinga.blogspot.com  Nos tuvemos o pracer de contar coa sua presenza na mesa redonda denominada “Viños atlánticos no cumio´´ que organizamos para o Salón das D.O. do 2006 en Vigo.

quinta-do-infantado.JPGQuinta do Infantado LBV 2001

Hai momentos nos que un viño do Porto como este tipo de late bottled vintage fan despertar os sentidos, muitas veces adormilados pola sucesión de estimulos e sensacions carentes da vitalidade suficiente que nos faga pegar un chimpo cos ollos abertos e o nariz sobrecollido de tal avalancha, que despois dun primeiro saudo en conxunto van presentandose na sua caida un a un co caracter destas terras: trufa, torrados, flores, fruita brutal, fruita en licor, matorral aromático para rematar nun gusto inundado de sabores e aromas, cunha boca que enche, explosión de sensacions, dozura e frescor fruital, carnosidade voluptuosa e despois un agarimo no postgusto, caricia que se prolonga no tempo

lbv.jpg

Castel del Monte D.O.C. rosé

Posted in viños on abril 2nd, 2008

Recupero este rosé provado por primeira vez hai uns meses nunha cata de viños italianos que o noso compañeiro Francesco organizou no seu restaurante Il Duomo de Vigo porque onte presentouse a primavera nestas rias máis baixas, unha primavera como as de antes: a primeiros de abril e despois dunhas semanas de humidade atlántica, e un rosé semella conxugar con esta vaga de aromas que os parques e o ambiente desprenden ou simplesmente a mim apeteceme un brindis de cores brillantes coma os da fruita vermella no seu esplendor, un brindis dunha copa que abaneada armoniza cos seus aromas neste entorno, con orixinalidade e frescura: caramelo de fresa, confitura, matorral aromático, retama, especias, regaliz e notas balsámicas, e un gusto saboroso e fresco cunha acidez que se arrastra ate o goloso final .

Rosé do 2006 da Castel del Monte D.O.C., Apulia , e da variedade Bombino Nero, uva clásica para a elaboración de rosados nesta denominación do suleste de Italia.

E buscando Castel del Monte atopome cunha das edificacions de máis esplendor e tamén fantasia de mediados do século XIII, tempos do emperador Federico III, cunha planta de forma octogonal, na que ademáis en cada esquiña levantase unha torre da mesma forma xeométrica. Con teorias que asocian a seu levantamento tendo en conta unha serie de constelacions estelares ate outras que o relacionan coa pirámide de Gizeh. E considerado non so como unha excelente obra arquitectónica, senon tamén como un lugar de culto esotérico. Dise que no castel as pedras falan e que a construcción ten outros significados, os que lle dan números, símbolos, astronomía e analoxías con varias culturas e momentos históricos.

Esta historia do medievo non me inspira muitos momentos primaverais, tampouco o tema de Philip Glass que vai no final, máis si a paisaxe que imaxino nestas terras que miran o Adriático.
apulia.jpgcastel-delmonte-br.jpgcastel-nov04-d2132bsar800.jpgcastel.jpg

http://www.youtube.com/watch?v=O4DFGPxgWRI

Dominio do Bibei

Posted in viños on marzo 31st, 2008

Houbo un tempo, transitando entre os estertores finais do outono do dous mil e catro e os primordios da primavera do dous mil e cinco, no que polo menos unha vez por semana e caendo entre o martes e o xoves collia o carro ben cedo e puña o piloto automático cara o espazo que delimitan as máximos alturas deste pais, ou comunidade como adoitan empregar os media afins, e os desafins tamén, aos que hoxe gobernan este departamento ou armario, este espazo significaba o acceso aos primeiros experimentos en alta montaña para os montañeiros da costa, os pioneiros do alpinismo galego de altas cotas eran de Vigo, logo virian Pena Ubiña e os Picos de Europa na cordillera Cantábrica, máis logo as semanas santas xeladas na neveira de Gredos, os Pirineos, primeiro o aragonés logo o navarro e finalmente o catalán, e deiqui o salto cualitativo que significaban os Alpes, cecais despois do Alto Atlas marroquino, eu paro neste punto pero ganas ainda hai de pegar o gran chimpo himalaico ou andino, forase como se fora, alguns amigos teñen ido en bicicleta con cargamentos de 30 k. ate Chamonix, sempre pasando por estas terras ás que me referia, ser montañeiro e viver no borde da costa dunha esquiña dunha península dun continente obriga, daquela as visitas semanais que facia tiñan como obxectivo a busqueda de viñas-terriñas no contorno de O Bolo, Trives, Manzaneda ou Larouco. Dependendo do dia ou ben entraba por Monforte - Quiroga ou senón por A Gudiña atravesando Viana, pero a volta sempre era por Trives e Castro Caldelas. Coincidira nesas datas a construcción da adega do Dominio do Bibei, de facto fun apreciando a evolución do seu levantamento como espectador transitario en carro que baixando do alto da Hermida atravesando as últimas viñas laroucans e cruzando a mítica Ponte do Bibei, levantada e rematada o ano 80 d.C. para o paso da via 18 de Antonino ou Via Nova que unia Astorga con Braga, e xa enfilando a zigzagueante subida a Trives miraba no alto do espolón que cuberto de viñas baixa dende Langullo ate o mesmo rio Bibei unha torreta dominando todo o contorno como artificial apósito implantado neste pequeno paraiso. Co tempo os implementos da obra desapareceron e no seu lugar ficou unha adega integrada nas formas que define esta proa viñateira, proa que enfila en dirección noroeste deixando a xigante onda de Manzaneda ás costas no suloeste co sol entrando como aire que empurra a nave desde o leste e o sul. Espacio fronteirizo ou reino perdido e aillado por este contorno natural que marca o Bibei e vixia a Cabeza de Manzaneda, entre a periferia de Valdeorras e os comezos da Ribeira Sacra. O de reino perdido ven porque asi imaxino a chegada desde Katmandú a Lhasa, cápital dos sherpas, ou cecais a Bután, no centro deste pequerrechiño microcosmos esta adega semella unha pagoda vixiante e pendente da vida espiritual e material dos seus fideis-vides aos seus pes.

dominio-do-bibei.jpgbibei-3.jpgbibei.jpg

Os viños que elabora o Dominio do Bibei baixo a supervisión de Sara Perez (Venus La Universal, Montsant, Irreductibles, Clos Martinet, etc), quen fora outra vez bago de uva en mans como estas, son o branco Lapena e os tintos Refugallo, Lalama e Lacima, procedentes de viñas en solos xistosos situadas entre os 300 e os 600 m., algunhas de máis de 50 anos con variedades tradicionais na zona e con clara presenza do carballo na sua elaboración.

Lacima 2002

Recordos frutais de baias silvestres e do bosque que está ás suas beiras con algunha nota mineral que tenta sair desde o fondo da floresta, os que si saen son os torrados da madeira. A boca é equilibrada por unha estructura medida, pola fina acidez e o leve amargor final coas sensacions da madeira. Despois duns minutos e máis claramente o dia seguinte foi aparecendo a compota de ameixas e algo máis timidamente, pese ao seu forte carácter, o figo, o que non variou foi o fondo picota deste o cumio ou la cima.

Fotos de Lavinia, de www.soutipedre.es e de www.cincosolterosencantados.blogspot.com/

lacima.gif

Itsas Mendi 2006

Posted in viños on marzo 29th, 2008

Oka ibarriaren hararean kokatunik dago, ibar luze hi menperaluz eta gernikako itsasadarren hasieraraino hedatzen da, é dicir Gernika asentase no val do rio Oka dominando duas extensas veigas ate o comenzo da ria do seu mesmo nome. Agora que estaba collendo o gusto e o corpo pideme seguir escribindo na lingua dos navarrorum … pois xa me gustaria. A bodega ItsasMendi atopase en Gernika con 12 h. de viñedos divididos en varias ladeiras e montañas que miran e caen cara o Golfo de Biskaia. Este txacoli de 12´5º está elaborado co depósito número 7 da variedade Hondarribi Zuri que madura doce meses coas suas lias pero so en anos especiais. Habia tempo que non tomaba un txacoli, de feito xa era un recordo, pero despois de degustar este Itsas Mendi este recordo fica máis lonxano todavia porque pouco ten que ver con él, eso si cada un co seu aquel.

bizkaiko-txacolina.gif

Boca suave, de tacto sedoso máis que grasento, que se vai abrindo no seu camiño ate rematar nun final de sutil amargor que nos deixa unha sensación de fresca sedosidade, sedosidade fresca impregnada de lima.

Aromas de media intensidade, nun principio cremosos, enseguida flores brancas con fruitas chegando a sua madurez e sempre un fondo de herba nin seca nin húmida.

itsas-mendi.jpg

Chryseia 2004

Posted in viños on marzo 25th, 2008

criseia.jpgProxecto común da familia Symintong, propietaria das casas Graham´s, Dow´s, Warrer´s, Smith Woodhouse e da Quinta do Vesuvio, e de Bruno Prats antigo propietario do bordelés Chateau Cos D´Estournel, proxecto no que elaboran baixo a supervisión do enólogo Stephane Point dous viños: o Post Scriptum, que se elabora todos os anos, e o Chryseia so en anos de calidade acreditada, con uvas que proveñen da Quinta da Vila Velha, da Quinta do Bomfim, da Quinta do Vesuvio e da Quinta da Perdiz e das variedades touriga nacional, touriga franca, tinta roriz e tinta cao

bomfimview.jpgvineyards3.jpgA vinificación segue o estilo bordelés cunha fermentación en pequenos depósitos de aceiro inoxidábel e unha posterior crianza que non supera os oito meses en cascos novos de carballo francés de 400 litros, o que implica unha menor marca da madeira. No ano 2004 o 38% da producción foi para este Cryseia o que significou 36.000 botellas.

chryseia_2004_label.jpgcryseia.jpg

O Chryseia mostra a copa parada aromas que nos remiten a un vintage cunha cor similar en densidade e profundidade, cando a abaneamos os aromas que antes manifestaban a sua personalidade conxuntada con orgullo agora estoupan en mil matices coa fruita en marmelada de moras abrindo a traca, un algodón de azucre que sae polo medio cun estruendo controlado, a vainilla mantendose polo fondo como rouco son, os minerais máis terrosos e as herbas aromáticas pululan por eiqui e por alá … despois dun anaco a traca final é marcada polo toffe e o chocolate.

Antes de beber o primeiro grolo observase unha bágoa densa a descender polo cristal, despois boca densa, madura, cun gran volumén e un final que pide un tempiño máis en botella para terminar con máis amabilidade toda esta festa.

Gorvia 2004

Posted in viños on marzo 18th, 2008

Quinta da Muradella. D.O. Monterrei. Mencia (90%) e Bastardo (10%).

Deixamos, despois dun primeiro acercamento rápido do nariz á copa, os aromas para máis adiante e saboreamos deseguido unha boca poderosa pero de carácter sensual e fresco, dunha gran lonxitude acompañada de baias negras. Carácter de fusión e mestizaxe, identidade atlántica con rasgos de influencia mediterránea que se ven logo confirmados no nariz cunha paleta aromática de cores mesturados: sotobosque, esteva, azafrán, vainilla, regaliz ou loureiro.

Falar da Quinta da Muradella e por ende de Xose L. Mateo, por conseguinte de Alandas, Gorvias e ultimamante de Trabes, xa non é nada orixinal pero resulta unha obrigación para todos os que queiran probar viños que van máis alá.

gorvia-1.jpg

Pedralonga 2005

Posted in viños on marzo 16th, 2008

A parte posterior da etiqueta di que este Pedralonga é un viño de autor embotellado por Francisco Alfonso en Godos no concello de Caldas de Reis, tamén nos di que os bagos de uva cos que se elabora este viño son de albariño de colleita propia amadurecida nas terriñas elevadas e areosas do Val do Umia. Prosegue explicando que o equilibro do traballo na viña e unha coidada elaboración de xeito tradicional que segue “as pautas biodinámicas que marcan as fases lunares´´resultan nun viño que non necesita de correccions nin enmendas posteriores. Remata sinalando que debido á ausencia de filtrados o Pedralonga pode formar ocasionalmente posos que, como todos (?) sabemos, non afectan á sua calidade. Unha pedra alongada que semella un cuarzo fai de etiqueta principal.

So podo engadir as sensacions que me deu e ficar coas ganas de visitar estas terriñas do Val do Umia, zona todavia menor da denominación Rias Baixas.

Amarelo palla con reflexos dourados con aromas de manteiga, caramelo ou sexa sucre queimado, as fruitas están representadas polo melón maduro acompañado dos cítricos e a fruita confitada, ah! e un recordo por ahí de figos.

Gusto cun amargor que da forza a unha entrada golosa de camiño sedoso e final alongado.

Personalidade diferenciada, caracter peculiar ou simplesmente distinto.

pedralonga-1.jpg

pedralonga11.jpg



Rosé

Posted in viños on marzo 12th, 2008

Menuda son os Rosé, cores que ás mentes máis penetrantes lles remiten aos desfogadeiros milenarios pero que ben poden suxerir as sutilezas dos rubis e demais tonalidades desta gama pero sempre brillantes e relucentes como regatos tintados, nos que desde o mesmo tramo no que estamos a vermos reflexados cara a sua nascente so hai rochas milenarias, prados inmaculados e bosques inhóspitos.

Aromas dunha finura que recorda á seda cando, abaneada por un aire suave, desprende os aromas impregnados dunha pel familiar, que algunha vez sentimos en nos e que deixara gravado roces e caricias, ou cando pasamos por debaixo de tendais baixo o ceo azul cun aire nítido do norte que amanera os seus aromas.

Cores brillantes, cristalinas, puras de altos cumes, aromas limpos e claros na xusta intensidade que nos volven a reclamar outra zambullida para flotar nestas pequenas dosis que non empalagan, os rosé … a compaña axeitada, a música que envolve, o bocado medido.

Con todos estos ingredientes non cabe pensar se iria ben tal ou cual acordo culinario, menudas minucias, hainos bos conversadores con calquer prato.

roigenc_1401.jpg
Roigenc 2006, versión rosé elaborada con syrah pola adega Capafons-Ossó no Montsant

Este Roigenc ven menos cargado de cor que un Pinot Noir pero máis brillante. Os seus aromas son “igual´´ de sutiles, como tamén foran os do Radix da costeleta de tenreira estofada de hai duas semanas, e os seus 14´5º enchen a boca con intensidade e longura pero de xeito fresco, é posibel tamaño malabarismo!, cun amargor final que o fai máis versátil todavia.

Os aromas fluen sen facer muito ruido, a fruita amarela almibarada, as herbas aromáticas destiladas, a lixeireza dos balsámicos e unha insistente grosella de aroma penetrante.
http://www.youtube.com/watch?v=kEj9iMpou4Arose1.jpg

Pedra Basta 2005

Posted in viños on marzo 11th, 2008

Viño que nace da sociedade ou parceria denominada Sonho Lusitano entre o escritor de viños británico Richard Mayson e o recoñecido enólogo e productor portugués Rui Reguinga con 12 hectáreas de viña na freguesia de Reguengo a 550 m. de altura na Serra de San Mamede, subzona de Portalegre do Alentejo.

Todo o proxecto deste sonho lusitano atopase documentado con actualizacions quincenais nun site da revista dixital Decanter www.decanter.com/specials/97593.html#top
baixo o nome de “Richard Mayson´s Alentejo diary´´.

rr_rm.jpg

As variedades empregadas son as alentexanas aragonez e trincadeira, a perfectamente adaptada a este pedazo de chan desde hai xa un bo tempo como é o alicante bouschet xunto á máis recente cabernet sauvignon.

pedra_basta_2.gif

Aire quente, ou sexa caluroso, na entrada que cando se vai da paso ao aire da terra, terroso, misturado con afumados que recordan, de lonxe, a turba, fruitas negras silvestres con tonos licorosos e especiados, fondo vexetal e matorral.

En boca é saboroso, con taninos maduros, … como chicha para chocolate.

Don Pedro de Soutomaior Tempo 2004

Posted in viños on marzo 3rd, 2008

Entre a ampla gama de marcas que elabora Adegas Galegas en Meder (Salvaterra do Miño) no Condado das Rias Baixas, este Don Pedro de Soutomaior Tempo é o que fai a fermentación alcólica en dépositos de aceiro inoxidabel para logo ter unha crianza en barricas novas de carballo francés de segun din aproximadamente seis meses despois dos cales volve ao depósito de aceiro para repousar outros doce meses ate o momento de seren embotellado.

Amarelo palla con aromas que recordan á madeira pero de xeito elegante, un chisco máis adiante asoma a fruita madura e tamén a cítrica.

Na boca ten un tacto sedoso e grasento con sensacions cítricas, amplo, onde volve a presenza da madeira con afumados e torrados.

A etiqueta, o seu gusto e os seus aromas nos trasladan en polifónica harmonia cara un coro recen montado na igrexa maior.

tempo3.jpgOs seguidores da elaboración coas lias e que polo tanto non usan a madeira, hainos coas duas versions, teñen que recoñecer que neste Tempo a presenza do carballo é máis sutil e de xeito máis elegante que noutros exemplos, outra cuestión é que nos guste ou non anque so fora o seu roce co quercus.

Veigas de Padriñan 2005

Posted in viños on febreiro 28th, 2008

Adega dos Eidos. Sanxenxo. D.O. Rías Baixas

Albariño que surde deste microclima especial dentro do Salnés que ten Sanxenxo, da adega que coroa a vila ás faldas da ladeira Padriñan resistindo a gran presión urbanística deste concello e das viñas enfocadas cara o sul na bocana da ria de Pontevedra.

Polo que apreciamos e falamos no forun con Manuel Villalustre proximamente apareceran novas elaboracions desta adega na liña dos albariños coa vocación explícita de durar no tempo.

Vestido amarelo dourado que nos deixa adiviñar entre os seus reflexos un corpo de sensacions mature nos aromas como o mambrelo ou a fruita escarchada, incluso un flambeado… coma descendendo polas liñas desa pel que vamos surcando, despois deste abrazo cálido e sensual limpamonos o suor cun aire de plantas aromáticas silvestres e outro máis seco de granito, e todo isto: mature-silvestre-rocha coa sensación salina da brisa mariña que ondula os seus cabelos.

O se gusto é fresco no seu ser mature, esperaba esta boca voluptuosa e nela sumerxome, saborosa polas sensacions de fruita madura, o carácter mineral serve de ventana que airea.

veigas.jpgsanxenxo-3.jpgsanxenxo.jpg

Algueira 2005

Posted in viños on febreiro 27th, 2008

Do mesmo xeito que se na copa aparece un viño denso, cargado de cor e cunha bágoa lenta a descender polo seu cristal, as nosas papilas predisporanse para saborear un líquido potente e probavelmente carnoso, con este Algueira os nosos sentidos camiñan seguros e ansiosos cara a súa degustación porque coñecendo como son as viñas das que procede, nos bancais da vertixinosa pendente na banda dereita do Sil orientadas cara o sul á altura de Doade (Sober), onde está ubicada a adega, e se ademais sabemos da presenza de Raúl Pérez orientando a súa elaboración e coñecemos a dedicación de Fernando González, alma mater desta adega, so poden estar preparados para percibir o carácter atlántico dunha D.O. (Ribira Sacra) chamada a ingresar no olimpo vitivinícola nun futuro cada vez máis próximo.ribeira-sacra-5.jpgribeira-sacra.jpgribeira-sacra-4.jpgribeira-sacra-3.jpgribeira-sacra-2.jpg

 

E non erramos: aromas frescos de baias silvestres, sotobosque e fondo mineral cun paso de boca equilibrado e fresco. Dos viños que invitan a un trago tralo outro, tragos que neste tempo que andamos se sucederan con máis periodicidade se o acompañamos do noso cocido. 

b-algueira.jpg crianzalgueira_botella.jpg

Radix rosé Syrah 2006

Posted in viños on febreiro 24th, 2008

Estamos en febreiro e a comida de hoxe tuvo nunha costeleta de tenreira estofada o seu prato principal, ate eiqui todo parece concordar, é dicir prato e época climática do ano, máis se dixera que o viño elexido para acompañar a comida foi un rosé ou rosado as mentes cartesianas comenzarian a revolverse ou a chirriar, parece que este tipo de viños están destinados a un consumo veraniego e para acompañar a unha paellita ou algo asi.

Bocado a bocado a costeleta foinos enchendo con medida, a modo, ao mesmo tempo que o Radix primeiro en nariz e logo na boca non deixaba de sorprendernos: aromas limpos e intensos de fruitos vermellos e tamén negros e boca con acertada potencia e agradabel e fina acidez. Despois doutro bocado á tenreira e ás patacas outro acercamento do nariz á copa para apreciar agora unhas notas de marmelada sobre un fondo de herbas aromáticas, o conseguinte acercamento de boca siguenos dando esa sensación de equilibrio entre o saboroso e carnoso e o frescor.

Non é que esperara o contrario pero ninguen dos presentes apreciou algun desacordo entre os dous protagonistas da velada, ainda que as razons para que asi fora eran muitas: rosado, penedés, syrah …,  18  euros.

Este Radix é un rosado con 13´5 % e cor intensa cercana a un red wine de cor cereixa, está elaborado con Syrah pola terceira xeneración da bodega Parés Baltá, con viñas de producción ecolóxica coas típicas variedades da zona ademáis das xa coñecidas francesas pero tamén con touriga nacional e mencia, non sei se existen máis adegas con estas últimas no Penedés.

Ademáis deste Radix esta adega está sacando uns viños aparentemente mui atractivos sobre todo os de garnacha e xarel.lo con diferentes tipos de elaboración, que espero non tardar muito en ir degustando.

radix.jpgradix_g.jpg

Muros Antigos Alvarinho 2006

Posted in viños on febreiro 21st, 2008

O alvarinho Muros Antigos está elaborado por Anselmo Mendes na subrexión de Monçao dos Vinhos Verdes. Anselmo que hai dous anos pasara por Vigo para falarnos dos espumantes portugueses, entre eles o espumante Muros Antigos de Alvarinho e Alvarelhao (o noso Brancellao), curiosa pero fundamentada combinación, ven sendo algo asi coma un superhome enólogo ou un home superenólogo xa que ten unha retaila interminavel de viños que elabora, se empezo pola sua propia adega saenme un Muros Antigos monovarietal de loureiro, un  Muros de Melgaço alvarinho fermentado en barrica, un alvarinho denominado Curtimenta porque fermenta coa pel (curtimenta), un loureiro doce chamado Passionada e un alvarinho de vinhas velhas. A lista de adegas que asesora non é menos curta que a sua lista de viños e comeza nos propios Vinhos Verdes coa Quinta do Ameal, Touquinheiras, Portal do Fidalgo, seguindo polo Dao coa Quinta da Vegia e a Quinta do Paraiso, no Douro xunto ás coñecidas Quinta da Gaivosa e Calheiros Cruz outras como a Quita da Peça, no Ribatejo elabora os viños da Quita da Alorna e no Alentejo os Grou da Sociedade Agricola Vale Joana.

Alvarinho con aromas de fruita madura acompañados de outros máis frescos e balsámicos como o musgo e o anís, no fondo un recordo de olivas.  Un nariz complexo e orixinal mui atractivo.

Na boca é amplio con estructura e carga glicérica pero ó mesmo tempo resulta fresco polas sensacions cítricas, mui persistente.

muros_antigos_alvarinho200dpi_1180705486.jpg anselmo-mendes.jpg

Pe Redondo 2005

Posted in viños on febreiro 15th, 2008

Do pedazo de chan chamado “pe redondo´´ e despois dun traballo de investigación na viña e na sua particular elaboración, a grandisimos rasgos baseado nas lias finas co seu conseguinte removido ou batonaxe periódico, surde este viño da adega  Martin Codax que, inserido na búsqueda da lonxevidade, resulta sen comparación un viño muito máis interesante, equilibrado, saboroso e calquera dos demáis adxectivos empregados na definición dun gran viño valeria sobre todo se o comparamos co viño da sua mesma adega o Organistrum, viño marcado pola madeira e no que ningun dos anteriores adxectivos lle poderia ser aplicado, rectificar é de sabios, neste caso seguro que non se trata dunha rectificación pero si da necesidade de ir máis alá.

Pe Redondo ten un nariz de aromas atlánticos, seria unha redundancia xa que se miramos a viña e o mar que as vixia… pero as veces non se cumple está evidencia, que nos recordan o aire mariño nun peirao xunto ás sensacions salinas e de salazón acompañadas da fruita escarchada cos matices lácticos e de pastelaria fina que definen as lias, como eses reflexos que viran cara o dourado máis fino no seu pallizo dominante.

Na boca resulta fresco e redondo, entra suave cun corpo sedoso e unha viva acidez que se arrastra ate un longo final.

Cata desta semana na sección A Viñoteca do periódico A Nosa Terra.

Quinta do Feital

Posted in viños on febreiro 9th, 2008

Fronte o monte Tecla e mirando a Camposancos e o Rosal atopase a Quinta do Feital, en Caminha, que xunto á Quinta do Dorado, situada en Paderne (Melgaço) no mesmo tramo do Miño que pasa por Arbo, O Condado, conforman a sociedade productora creada pola familia galega Dorado.

A quinta do Feital con forma dunha cunca na que a parte superior está ocupada por unha viña a xeito de anfiteatro e a parte central fragmentase en múltiples socalcos e patamares de diferentes tamaños e formas é o exemplo máis claro do que se pode denominar arquitectura da viña. Esta quinta da orixen ao plurivarietal de Trajadura (Treixadura) e Alvarinho chamado Auratus, de características máis xuvenis e frescas que este Dorado superior Alvarinho que nace na quinta do mesmo nome á beira do mosteiro de Paderne en Melgaço. Este albariño é dos brancos portugueses máis difundidos e recoñecidos fora de Portugal.

Dorado Superior. Alvarinho 2005. Subregiao de Monçao. Rexión dos Vinhos Verdes
 Aparece este Dorado cunha cor amarelo pallizo de reflexos dourados mostrando un nariz cunha personalidade mui atractiva con aromas de flores marchitas, herba seca e un fondo de pastelaria cun toque cremoso que recorda á vainilla.

No gusto destaca a marcada acidez que deixa a sua pegada desde o primeiro momento, sen embargo o seu carácter cítrico fai que a sensación de frescor acompañe a un corpo mais ben sedoso durante todo o seu paso de boca. O punto final de amargor acaba por equilibrar todo o conxunto.

doradosuperior.jpg

Estay 2005

Posted in viños on febreiro 7th, 2008

Viño elaborado en Pajares de los Oteros coa indicación de Vinos de la Tierra de León pola adega Dominio Dostares que pertence ao mesmo grupo de Dominio de Tares (Bierzo) e Lusco do Miño (Condado das Rias Baixas).

O Prieto Picudo é a uva autóctona e tradicional destas zonas ó suleste da cidade de León que está sendo obxecto dun forte pulo e recuperación.

Neste Estay mostra unha cor cereixa picota intenso cos aromas da fruita vermella e o hollejo macerado no fondo cremoso e especiado do carballo. Entra en boca suave, andante, con matices verdes que aos poucos enchen a boca dun tacto rugoso máis saboroso, o final é con brio adornado de torrados e fruita madura.

estay.jpg

Proencia 2005

Posted in viños on febreiro 3rd, 2008

Este mencia de 13´5º que pasou nove meses en carballo está elaborado por Tomás Arias Fernandez na sua pequena adega familiar en Sanxillao-Proendos no concello de Sober, subzona de Amandi da D.O. Ribeira Sacra.

Muitas veces ulimos, saboreamos e apreciamos a cor dun viño de xeito rutinario e mecánico porque ningunha das anteriores fases polas que pasamos, de xeito natural ou protocolario, cando degustamos un viño foi quen de impactar de tal maneira os nosos sentidos que provocara a sucesiva repetición de acercamentos de boca e nariz a copa cos que poder descubrir novas sensacions e asi poder apreciar a sua evolución.

Este Proencia procedente dun espectacular viñedo asentado en terrazas sobre o rio Sil forma parte desos viños que nos fan a degustación máis longa e pracenteira, primeiro cun nariz elegante que mostra con sobriedade a complexidade de aromas que a madeira define e integra xunto ás características máis nítidas da mencia destas terras: fruitos vermellos, especias, afumados finos, vainilla e mato aromático que nos deixan unha sensación fresca mui interesante.

A boca tamén resulta fresca, equilibrada e sedosa con sensacions frutais e tonos especiados no postgusto.

4-s-proencia.jpg

Mas La Plana 1991

Posted in viños on febreiro 1st, 2008

Foi unha solpresa porque xa probara diferentes añadas deste baluarte dos Mega Torres en distintas situacions, asi a todo nunca sentira muito máis alá ou non lle dera collido, ou non me entrara cos sentidos prestos, non sei.
Ate que sen querelo, asi son as solpresas, despois dunha das reunións que co paso dos anos tentan sen conseguilo ser menos pantagruélicas, e nas que os viños atopanse nunha situación pouco axeitada para unha degustación conscente, ademáis ese dia sufria a lesión máis invalidante na práctica desportiva da cata como é o taponado do nariz, pois ben nunha destas citas sobrara este Mas La Plana do 91, non sei mui ben como chegara alí o certo é que unha botella sobrante rematou no meu peto, non esperaba nada en particular del, so ter un viño para acompañar a comida dos seguintes dias na miña mesa, pero esta simples intención deulles un aquel máis ás comidas deses tres dias que me durou. Neses dias o fondo musical das conversación ó redor da mesa viaxou desde o Oregon irlandés dos Nightnoise ate os balcans pasando pola Catalunya de Lidia Pujol.

O nariz foi deses que semellan unha fervenza de aromas que parecen non parar, un tralo outro e asi nun bucle continuo, a sucesión foi e non necesariamente no mesmo orden de aparición ou de precepción a seguinte: confituras, madeiras nobres vellas, cogumelos, especias, trufa, brea, leves coiros, compotas, fondo de cacao e volver a empezar, semella unha sinfonia excesiva, máis non, é unha música na que empeces por onde empeces a lóxica rítmica é aplastante.

Enche a boca dun equilibrio amabel,  redondo incluso veludo, no final recordamos outra vez o cacao, as especias ou as madeiras, cun matiz licoroso.

Grande cor, rubí intenso e con mui boa capa que non parece acusar o paso do tempo cun fino borde tella.

maslaplana.jpg

Forxas do Salnés

Posted in viños on xaneiro 29th, 2008

O Leirana 2006 é a primeira añada da adega Forxas do Salnés (Meaño) que ademáis deste albariño ten outro co toque do carballo, o Leirana barrica tamén do 2006, en tintos elabora os Goliardos empregando variedades tradicionais da zona como o espad